.
.
.
.
.
Sexamos ou non temerosos de Deus, perante a imaxe do Ecce Homo de Cerdedo só cabe o arroubamento. “Non coñecemos imaxe do Señor, atado á columna, máis fermosa, máis esvelta, nin máis anatomicamente completa ca esta que se venera en Cerdedo”, escribiría Rodríguez Fraíz nun Faro de Vigo do ano 57.
É asunto pendente determinar a autoría certa da talla: xa Xosé Gambino, xa o seu xenro, Xosé Ferreiro, xa ambos os dous; mans habelenciosas, expoñentes do neoclasicismo escultórico do século XVIII, ceibaron da rudeza primixenia da torada a pose tráxica dun ser humano sometido a cru tormento e vexación. O “Ecce Homo” de Gambino é a Cerdedo o que o “Davide” de Miguelanxo é a Florencia. Puro misticismo.
Aínda que o libro de fábrica da parroquial de Cerdedo consigna a adquisición da imaxe do Ecce Homo cara a fin do ano de 1776, en troco de oitocentos oitenta reais, e para máis pulo da procesión da Semana Santa local, abráiame a feracísima capacidade fabuladora do noso pobo para adobiar até o paroxismo a teimosía dos feitos históricos.
Non vou dar conta aquí da restra de milagres e prodixios atribuídos ao “Euciomo” de Cerdedo, recollidos nas miñas entrevistas e parrafeos mantidos cos naturais, mais si ás alusións reiteradas á súa proverbial antigüidade.
Contan os vellos que a orixe da imaxe se remonta aos tempos de Almanzor (938-1002), caudillo dos mouros musulmanos –e fago redundancia para non nos confundir, neste caso, cos mouros autóctonos, os míticos moradores de mámoas e castros.
Segundo as vellas crónicas, no verán do ano 997, o desapiadado Almanzor asolou a vila de Compostela. Na súa cega xenreira, prendeulle lume ao templo dedicado ao apóstolo Santiago, mais, por fortuna para o negocio do Xacobeo, respectou o sartego onde se nos di que repousan as súas cinzas. Segundo a lenda recollida en Cerdedo, aos prisioneiros cristiáns ordenóuselles carrexar até Córdoba as campás de Compostela e, asemade, cos sinos, tamén portaron a Al-Andalus alfaias, ricaz mobiliario e imaxinaría. Entre as imaxes ripadas sobranceaba a feitura do noso Ecce Homo.
Malia a súa condición iconoclasta, nin Almanzor nin os seus sucesores destruíron a efixie do Cristo amarrado á columna, xa que a ollada conturbada e profunda daquel condenado a morte provocaba nos servos de Allah un medo inconfesábel. Coa reconquista de Córdoba, case dous séculos e medio despois, prisioneiros sarracenos, obrigados nestora polo trunfante rei cristián Fernando III, alcumado “o Santo”, pai do rei sabio, devolveron á capital da Galiza o espoliado. Mais non todo, xa que, cando o recobrado “Euciomo” atravesaba as terras de Cerdedo na viaxe de retorno ao seu fornelo compostelán, os bois que turraban pola prezada carga detiveron o seu camiñar, e non houbo pau nin aguillada que os fixera dar un máis paso.
Albiscaron daquela os guieiros da xugada o desexo da imaxe por non retornar á vila do Apóstolo e si por permanecer na verdecente valiña do Lérez “in saecula saeculorum”, ou, cando menos, até os nosos días, pois vén puidera mudar de opinión en fartándose do fariseísmo dalgúns procesionantes.
Póñolle o ramo a esta xeira facendo referencia a unha curiosa coincidencia. Na catedral de Santiago consérvase outra imaxe do enxeño do citado Gambino. A tal escultura representa a fasquía batalladora do fillo de Zebedeo, upado a lombos da súa branca cabalgadura, degolando e tripando canto mouro atopa ao seu paso. Dende o derrubo das Torres Xemelgas (2001), un veo florido oculta a escachifa de infieis por se se ofender alguén.
Faro de Vigo, 10-8-2009
.
Tamén se pode ler en:
http://www.farodevigo.es/portada-deza-tabeiros-montes/2009/08/10/portada-dezatabeirosmontes-velaqui-home/356828.html.
.
No hay comentarios:
Publicar un comentario