22/5/10

A FORZA DO NOSO AMOR NON PODE SER INÚTIL (Uxío Novoneyra, Letras Galegas 2010)

.
.
.
.

A LINGUA GALEGA, OBRA DE ARTE INSUPERÁBEL (Manifestación en prol do galego (17-maio-2010))

.
.
.
. .
"Como chamariamos a un home que consentise o derrubamento do Pórtico da Glória? Pois é certamente máis bárbaro quen deixa morrer um idioma: obra de arte insuperábel, feita con amor, con dor e ledicia polos nosos antigos, que recibimos en herdo e que temos a obriga de enriquecer co espírito do noso tempo".
.
Castelao, Sempre en Galiza.
.
.

11/5/10

PAN PRÓS CROCODILOS

.
.
.
.
Máis información na web da editorial:
.

GABANZA DE HÉITOR MERA

.
.
.
.

Gábome da miña tripla nacionalidade: paríronme en Pontevedra, aleitáronme coa retranca cerdedá e agucei os dentes en Cangas do Morrazo. Á beira da ría de Cangas, teño unha casiña branca de feitura mariñeira cuxa solaina dexerga Cíes dende o Facho de Donón, céltica herdade. A miña chouza fáiase de papel, xa que amores bravos como os de Héitor Mera, Moisés Barcia, Manuel Álvarez, Xe Freire, Bernardino Graña... degoxan ser acurrados baixo teito de estrelas-arroaces, caste oceánica, nos piagos do universo arañeiras de ripas e pontóns tecendo. Non hai calmizo podre nin galerna desatada que os dea amolegado.

.

En hucha de centeo, ao abeiro do caruncho asimilista, gardo como ouro da mouramia a segunda edición de Memorias dun neno lagrego (Do Castro, 1961) e a príncipe d’A galiña azul (Galaxia, 1968) que adquirín xacando en libraría de vello por uns patacos poucos –non sempre emparellan “valer” e “custar”–, e abofé que o seu soletreo e posesión revalorizaron en min máis ca calquera outra pertenza; salvante os libros e a amizade, non estimo ren. Mágoa que a pita azulenta só poña nestora ovos “rojigualda”. Mágoa que os nefastos neocol vecen a tribo dos balbinos na troca de pelellas por metílico “Glorylake”. Acendede fogueiras que a noite lambe nos carambelos!

.

Paco Martín (Das cousas de Ramón Lamote), Xavier P. Docampo (Cando petan na porta pola noite), Fina Casalderrey (O misterio dos fillos de Lúa), Agustín Fernández Paz (O único que queda é o amor); todos catro autores galegos –en galego– galardoados co Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil das Españas, catro laguchadas que cos ollos se engulipan, catro lecturas gorentosas para o alumnado ávido de azucre negro sobre branco, catro ouveos de fachenda nada disimulada, catro ilustres persoeiros que a carón destoutros: Conde, Rivas, De Toro, Santamarina, Lourenzo, Ruibal e Beramendi –Premios Nacionais de Literatura, así mesmo– censuraron, en época recente, o ensimesmado e acomplexado intruso que ansía socavar as dormentes milenarias da nosa cultura. Serpe aterecida aquela que, tras a malleira, espreita a raxeira lonxe do acubillo. Pluma e espada, benia a todos.

.
Héitor Mera soubo dende o comezo que a tarefa de ler todo o que o prelo cospe é inasumíbel. Sábeo, mais non achou –nin procurou– cura para esta súa adicción. Acode ás adegas de licor impreso coa devota puntualidade do ionqui, arrastrando a súa osamia polos andeis de novidades. Métese de todo e refuga del as espiñas para se seguir devorando en cada grolo.

.
Eu mergúllome delongado no que Héitor le e no que Mera di do que le, coma cachalote, torno cachazudo á superficie para tirar o alento. Non son rata de biblioteca, xa non me han medrar os dentes, mais coa dentame toda ou coas enxivas fanadas teimarei na procura das lurapotas que sucan os abismos do imaxinario. De non ter con que lles valer, penuxe esfameada de gaivota, agardarei polo peteiro rubio do doutor Mera quen me ha golsar no papo a menciña e compango de cada día, ben mastigadiños, tépedos, no seu punto de sal. Róubeme o destino os ollos, mais non a gamela e terme Héitor de Cangas do leme, manteña rexo o rumbo, que tras o neboeiro aboian as illas onde se ispe o solpor, farrapos ripados en cada peripecia, pois con eles amortallamos a nosa derrota.

.

Que de nós sería sen o opio da literatura. Non hai papoula vizosa senón a que medra ventureira nas praderías do libro aberto. Loados sexan os seus efectos secundarios. Convídoos a nadar este val inundado, na outra beira o sol debúllase en praias de area munda. Convídoos a facer o niño nesta mesta carballeira. Escoiten o rechouchío das vacalouras. Garántolles que non atoparán tobeira máis feita, trapela escusada, refuxio atómico onde nos agochar da realidade hostil, levada en andas polos capirotes da confraría das 55 mentiras.

.

.

Prólogo do libro Unha década de literatura infantil e xuvenil en galego, Morgante, 2010.

.

.