23/3/09

AS RATAS (Luís Seoane)

.
.
Na Galiza, ise vello pobo,
carballo carcomido de raios e bestigos,
loita, dende fai séculos,
o home cas ratas.
Coma nos castelos abandoados,
onde xa caíron traves e brasós,
escóitanse queixumes de gonzos ferruxentos.
Dende fai séculos loitan en Galiza
os homes cas ratas.
Vencendo sempre as ratas.
Ate que toda ela fique,
coma ises castelos roiñentos
e os mosteiros sin altares
nin lembranzas de ritos,
sendo soio rondada de morcegos
e pantasmas.
Coberta de edra, de label.
Morándoa soio as ratas.
Somente as ratas.

As cicatrices (1959).
.
.
Léase:
.
http://www.farodevigo.es/secciones/noticia.jsp?pRef=2009032300_19_308873__DezaTabeirosMontes-asociacion-ecologista-Verbo-Xido-lamenta-reanuden-obras-camino-medieval

Reléase:
.
http://oembigodobecho.blogspot.com/2008/10/delicto-contra-o-patrimonio-roteiro.html
.
.

22/3/09

NON NOS FAN XUSTIZA!!

.
.
.
>>>
Fotografía: Man de Camelle (Tributo á súa memoria).
.
.

17/3/09

"ESCONXURO DE DESENGANOS": Presentación en Vigo (27 de marzo, 19:30 h)

.
.
>>>
Ilustración: Portada do poemario "Esconxuro de desenganos" de Maite S. Dapena.
.
.

Visítese:
.
http://semprechoveengaliciaounon.blogspot.com/
.
.

14/3/09

"MONTE DO SEIXO. O santuario perdido dos celtas" presentouse na galería Sargadelos de Pontevedra

.
. .
.
Monte do Seixo. O santuario perdido dos celtas é unha reedición, ampliada e mellorada, do libro Reivindicación da Montaña Máxica de 2007 –o xornalista Fernando Salgado, co gallo do 1º Roteiro da Montaña Máxica (Nadal de 2005), asinara no Diario de Pontevedra unha reportaxe intitulada Patria de lenda. Máis alá do monte Seixo, publicada o 8 de xaneiro de 2006–. O tempo voa.
.
A primeira edición de Monte do Seixo, máis humildosa, en branco e negro, esgotouse axiña por mor das numerosas charlas que, arredor da prodixiosa montaña, se deron ao longo e largo do país e por mor dos roteiros guiados que, in situ, no teatro dos soños, se desenvolveron dende aquelas. O diñeiro recadado coas vendas do libro máis os beneficios obtidos doutra varia mercadotecnia (camisetas, chapas, cartaces…) sufragaron os gastos do documental de cuxo adianto ides ser testemuñas. Agardamos que satisfaga as vosas espectativas.
.
Moitos de vós xa me tendes aturado en máis dunha ocasión, ben no alto do monte, ben ao nivel do mar, polo que é doado deducir que a vosa presenza, hoxe aquí, non se xustifica polo que vaiades ver ou escoitar de novas, senón polo sincero agarimo e o apoio incondicional que lles amosades ao labor deste humilde escribán e á súa persoa; e isto, cómpre dicilo ben alto, éncheme de fonda e sentida emoción. Unha emoción comparábel a cando os sabios da tribo, paseniño, debullaban na dourada mazaroca do acervo, pondo no meu coñecemento o ricaz enxoval mítico do noso monte sagrado. Moitas grazas por vir, devotos confrades da Montaña Máxica, moitas grazas por non me deixar camiñar só por esta neboenta e incerta corredoira. Sen vós, sen a vosa entusiasta participación, todo isto (os libros, o documental, as moitas camiñadas…) non terían sentido. Reconforta saber que non son o único ao que lle deron permiso de fin de semana no Rebullón.
.
Goberne quen goberne, e así chovan pés de muíño sen furar, recuncaremos na teimosía de revelar, na medida das nosas posibilidades, os engaiolantes misterios do Seixo. Prácenos compartir con vós, até a fartura, o tesouro material e inmaterial desta abraiante montaña pontevedresa, tan próxima, tan descoñecida e tan maltratada.
.
O previo traballo de campo, a recolleita de materiais comezou no alborexar da década dos noventa. As descubertas foron aparecendo aos gurruchos no Inventario xeral da freguesía de Cerdedo e en Cerdedo na obra do Padre Sarmento, ambos os dous traballos publicados en 2002, e mormente no Almanaque de encantos. Mitoloxía da Terra de Cerdedo de 2005. Todos tres libros felizmente esgotados. Isto déixoo caer por se hai algún editor entre os presentes que se queira facer rico.
.
As melloras da recente edición pasan, basilarmente, pola achega de color ás ilustracións, aos santos, como diría miña avoa. Era de xustiza sobrancear a fotoxenia do Seixo, mais tamén dignificar o traballo calado e xeneroso de tres admiradísimos e queridísimos artistas: João Bieites, que nos acompaña na mesa, Mónica García e Francisco Sutil, para os que pido un fortísimo aplauso.
.
O libro arrequécese coa engádega dun mapa, ferramenta utilísima ao meu parecer, onde se salientan os oito roteiros da Montaña Máxica, os cales percorren as trinta estacións míticas do Seixo, vinculando na altura os concellos pontevedreses de Cerdedo, Cotobade e Forcarei e o ourensán de Beariz.
.
A edición correu por conta do Grupo de Estudos Etnográficos Serpe Bichoca, agrupación cultural que axudei a fundar e á que pertenzo xunto aos amigos João Bieites e Rafa Quintía. A maquetación foi habelenciosamente enxeñada no obradoiro Trisquelia de Pontevedra. A profesionalidade e o savoir faire de María, Vanesa e Javier fixeron posíbel acoutar nunhas poucas páxinas todo o engado da Montaña Máxica, e para os que pido tamén un forte aplauso.
. .
É coñecido por vostedes que a serra do Cando, o monte do Seixo, dacabalo dos anos 1999 e 2000 foron transformados nun desmesurado parque eólico, malia ser un espazo presuntamente protexido mercé á súa inclusión na Rede Natura. En ascendendo ao alto do Seixo, comprobarán o pouco que de limpo ten a enerxía que se produce nas cribadas lombas da montaña. A menos que por limpeza se entenda o espolio cometido cos xacementos arqueolóxicos de Chan de Mamas, Cruz do Seixo, Portalén, Moreón das Pedras etc. etc., ou as flagrantes operacións especulativas que levaron a dita industria eólica a trocar catro veces de mans en nove anos. Na actualidade, Esther Koplowitz, que, con ceteza, non escoitou xamais falar do Seixo, é a propietaria do monte tras aboarlles a uns australianos 111 millóns de euros, que antes aboaran a uns xaponenes 110 millóns, que antes aboaran a uns vascos 74 millóns, que antes relearan cos indíxenas, coa anuencia dos caciques locais, para acabar pagándolles uns 1.000 euros anuais por aparello: espelliños e doas de cores, xa se sabe. Gamesa Eólica recuperou o cartolo investido na ferralla e na desfeita ao cabo de tres anos de explotación. Escusamos dicir que cando venta ou treboa na contorna do Seixo, aldeas e lugares fican ás escuras. O cacarexado “progreso” aniña apenas na canción do Roberto Carlos cando anceiaba ser sivilisado como los animales.
.
É a nosa obriga garantir que non se derrame un só elo da cadea de transmisión do saber tradicional. Para ser merecente de tanta beleza, morgados de tan requintada herdanza, o pobo galego, agora máis ca nunca, debe estar á altura das circunstancias. Debémoslles facer entender aos que rexen o noso destino, viaxen en Audi ou nun Dous Cabalos, que coa nosa cultura, coa nosa lingua non se xoga, non se mercadea, non se leva á feira coma mansa ovella. O noso feito diferencial debérase erguer maxestoso, incólume, alleo á farsa electoral, alleo ás coxunturas políticas, alleo aos grupúsculos de presión, alleo aos designios de Madrí, alleo aos que se avergonzan dos seus pais e dos seus avós, alleo ao utilitarismo delirante e alleo á galgante esquizofrenia (Non entendo como hai tanto psiquiatra en paro). O noso xeito, o noso celme non son patrimonio de oligarquía ningunha pois pertencen á afouta e anónima infantería que, día a día, co seu esforzo, coa súa dedicación exclusiva e non remunerada asegura que florezan os eidos mil primaveras máis. Falou, xacando, o insigne Castelao: Se somos galegos é por obra e graza do idioma. E eu defendo que o mel dos nosos sentimentos, a roupaxe dos nosos soños, o alento da nosa paisaxe, a cerna do noso devir histórico, alicerces da verdadeira cidade da cultura, non se poden expresar senón na nosa lingua milenaria.
.
Abstéñanse, xa que logo, os políticos de toda caste de sobar co seu discurso interesado o noso aloumiñado tesouro. Hai conflito, sempre o houbo, malia que sexa o noso natural a xenerosidade. O conflito é connnatural a todo proceso colonizador. Xa poden esbardallar todo o que queiran, o galego, alén de imperativos legais, é a lingua propia da Galiza, nobre expresión da nosa singularidade. A lingua de Martín Codax, de Rosalía, de Castelao, de Cunqueiro, de Agustín Fdez. Paz, vixente Premio Nacional de Literatura; mais tamén a lingua dos percebeiros da Costa da Morte, a lingua dos canteiros de Terra de Montes, dos labregos da Limia e dos gandeiros da Terra Chá; a lingua do millón de almas da diáspora; a lingua de todos nós, a miña lingua, que a falo porque si, porque me gosta, porque me peta e quero e dáme a gaña. Xa non esiximos ver igualados os nosos dereitos, antes ben mellorados, consonte o sagrado dereito dos pobos a reivindicarse plenamente perante a bendita diversidade do universo.
.
Exhibamos oufanos o noso DNI, fachendosos, o noso ADN descifrado, orgullosos, a nosa ONU castrexa celtoatlántica. Regañémoslle o dente a quen albisque botarnos o xugo ao pescozo. Porfiemos para que aos nosos fillos e aos fillos dos nosos fillos se lles siga enchendo a boca en dicindo donicela, doniña, denociña, garridiña, inda que tamén poidan dicir comadreja.
.
Moitas grazas; saúde, lingua e Terra, meus amigos.
.
.
>>>
Fotografía 1: O autor flanqueado por João Bieites (Serpe Bichoca) e o xornalista Fernando Salgado.
Fotografía 2: A arroubadora Sara Riveiro lendo unha pasaxe de "Monte do Seixo".
.
.

4/3/09

CONTA solidaria en prol do CENTRO ETNOGRÁFICO de TERRA DE MONTES (CETMo)

.
.
A todos os socios e simpatizantes da Asociación Cultural e Ecoloxista VERBO XIDO de Terra de Montes:
.
.
A directiva da asociación VERBO XIDO, en xuntanza extraordinaria celebrada en Pedre (Cerdedo) o pasado 15 de febreiro, aprobou unanimemente a recepción da subvención de AGADER para desenvolver os labores de rehabilitación do CETMo.
.
Como queira que a devandita axuda non cobre a totalidade do orzamento das obras preceptivas para regularizar administrativamente o centro etnográfico (licenza de apertura, concesión da declaración de colección visitábel...), indispensábeis para que poida cumprir e ampliar o seu papel de dinamizador cultural da bisbarra, tamén se acordou abrir unha conta corrente onde ingresar donativos para tal fin.
.
Cabe sinalar que na propia xuntanza xa houbo varios ofrecementos económicos en firme, que permiten considerar de xeito optimista o futuro do Centro.
.
Agradecemos a vosa colaboración, na medida das posibilidades de cadaquén.
.
.
O nº de conta é o seguinte:
2080 0444 92 0040106374.
.
.
É preciso facer constar o nome da persoa que fai o ingreso, e se este é un empréstimo ou unha doazón.
.
Moitas grazas.
.
Asdo.: A directiva de VERBO XIDO.
.
.
Visítese o CETMo:
.
.
.
.
>>>
Fotografía: O edificio do CETMo na aldea de Soutelo de Montes (Forcarei).
.
.