31/12/14

DOUS PETRÓGLIFOS MÁIS EN SABUCEDO (Faro de Vigo, 31-12-2014)

.
.
.
 .
.
.
.
.
.

O prometido é débeda e, así que houbo oportunidade, a tropa dos Gosende (as malas linguas de Cerdedo seica se refiren a nós como “la pandillita”) desprazámonos de novo á fronteira sur do concello da Estrada, parroquia de Sabucedo, para continuar o labor de localización e rexistro dos gravados rupestres existentes naquela valgada que, orientada cara ao sudoeste, acocha a nacenza do río de Quireza. Onde haxa “pandillitas”, gárdense os “golfos apandadores”.
Nesta ocasión, o grupo de exploradores emerxentes estaba composto por Ana Santiso, Anjo Torres, Xoán Soto, Nacho Grande, Pedro Peón, Manuel Vidal e quen asina esta crónica. 
            A xornada do domingo 21 trouxo ceos limpos e temperatura agradábel, tendo en conta a altura do ano na que nos atopamos. A ausencia de nubes, malia cadrar co día máis curto do ano, deunos marxe para cubrir un bo anaco de monte. O solsticio de inverno colleunos a pé de obra. Para a nosa angueira, gañar o favor dos deuses esixe someterse a unha sesión semanal de acupuntura (no noso argot, “toxing”) e aproar a intemperie con resignación. Caía a tarde en Sabucedo e no Hemisferio Sur principiaba o verán.
            Bateuse unha superficie de terreo dunhas 15 hectáreas aprox., afástandonos até os 400 m do monolito conmemorativo, fincado á beira da estrada EP-7001. Lomba abaixo, desbotamos os soportes filonianos, para centrar a nosa atención nas prominencias graníticas.
            A luz de poñente, emitida por un sol instalado na súa máxima declinación sur respecto ao Ecuador terrestre (-23º 27’), era propicia para desenvolver a misión que nos tiñamos encomendado, porén, pasaban as horas e non se obtiñan os froitos desexados. En palabras dos vellos, “en decembro o sol non sae de detrás do outeiro”. Non desesperemos, axiña mudará a situación e un sol rexurdido, pouquiño e pouco, irá arruñando as poleiras do ceo. En xaneiro unha hora por enteiro.
Dende a máis remota antigüidade, a humanidade celebra o renacemento do sol, o espernexar do Sol-Neno. No ano 321, imperando Constantino I, Roma adopta o cristianismo como relixión oficial, facendo cadrar a efeméride do Sol Invictus, o 25 de decembro (no remate das festas da Saturnalia), coa data do nacemento de Cristo (resonancias mitraicas). Ave Sol Invictus! É tempo de varrer as lareiras e acender no fogar o lume novo de Nadal. En Cerdedo, é tempo do Xan Fiz.  
            Tornemos ao rego. Aínda que as tarefas de busca nos obrigaban a non afastar a vista do chan (tamén, o natural esgrevio daquela caivanca), era imposíbel resistirse á contemplación do espectáculo do solpor. O devalo do astro rei tinguiu de laranxa o horizonte. Non todo ía ser perfecto, a ausencia de vento permitía que a fumarola da pestífera Celulosa asomase por detrás do monte Cádavo (no deslinde dos concellos da Estrada, Moraña e Campo Lameiro).
            Ao pouco de se ocultar o sol, o planeta Venus fíxose co protagonismo da escena celeste, iluminando coa súa inxel candeeira a nosa trafega: “Aluméame, alumea, estreliña da fortuna; aluméame, alumea, mentres que non sae a lúa”. Non hai cartos que paguen o espectáculo da natureza. Ímolo dicir en voz baixa, non vaia ser que ao Goberno se lle dea por privatizar o seu desfrute (pay per view).
            Cando estabamos a piques de claudicar (situación insoportábel para calquera Gosende), co equipo esparexido, aquí e acolá, polo monte, o compañeiro Anjo Torres, do clan dos Cortizo de Carballás, reclamou a nosa atención, berrando e abaneando os brazos en sinal de triúnfo. Que chova, que vente, Capitán Gosende!
            Como ben nos indicara Carlos Filloi, o noso amábel informante, o gravado rupestre ocupaba a face superior dun bolo granítico. A rocha escolleita para a talla sitúase a 635 m de altitude, mide uns 10 m de lonxitude e presenta unha orientación NO-SE (coordenadas: X-549.251; Y-4.715.922), afastada uns 400 m do monolito, dirección sudoeste.
            O petróglifo componse de 19 coviñas, case impercetíbeis por mor da erosión e o lique. Xacando, a face norte do penedo padeceu extracción, posto que o bordo presenta a trabada implacábel das cuñas de canteiro. Cecais, o conxunto que chegou a nós é só unha parte do panel orixinal. O emprego daquela encosta como canteira evidénciase na meirande parte dos seus afloramentos. En calquera caso, felicitámonos polo éxito. O novo achado bautizouse co nome provisional de “petróglifo do Outeiro da Pena II”.
            Non acaba aquí o conto. O luscofusco concedeunos unha prórroga que empregamos na inspección do resto da pedra. Non tardei en atopar, a uns 7 m do panel norte e a un nivel inferior, un segundo agrupamento de coviñas (9 elementos) que presentaban características semellantes ás anteriores. Bautizamos este gravado co nome de “petróglifo do Outeiro da Pena III”.
            Moito nos chama a atención a arte rupestre. Eu sinto especial predilección pola abstracta. A atracción pode achar xustificante no misterio da súa motivación. Que pretendeu representar o artista prehistórico? É complexo pórse na cabeza dun ser humano de hai 4.000 anos. Quixo, talvez, debuxar constelacións, as súas constelacións? Foi acaso a viaxe oscilante do sol a que o inspirou?
            A noite atrapounos no medio do monte. Cumpría, por seguridade, emprender o camiño de retorno, mais, o ceo nocturno, ateigado de coviñas escintilantes, demorou a nosa marcha: o Carro ou Setestrelo, o Carriño (coa estrela Polar na cabezalla), as Pléiades (a galiña dos pitos de ouro), Orión (onde sobrancea a magnífica Betelgeuse), a uve dobre de Casiopea, os xemeos Cástor e Pólux...
            A infinitude do universo, a cativeza do individuo. Se os deuses escribiron no lenzo da noite a súa mensaxe estrelecida, o ser humano primitivo escolleu a pedra como soporte perdurábel. Só a súa preservación e a súa respectuosa divulgación nos poden facer merecentes deste extraordinario legado.
            Os veciños de Sabucedo teñen, arestora, ao seu dispor tres novos gravados rupestres. Volvo citar o pobo: “Saber das cousas de mérito pra ter que lles ensinar aos que veñen de fóra”. É dicir, se nós non valoramos o noso, xamais o poderemos rendibilizar, por exemplo, como atractivo turístico. En Cerdedo, levamos vinte anos sementando en terra erma. Confiemos na sensibilidade da xente de Sabucedo.  
A proximidade á estrada EP-7001 (o “petróglifo do Outeiro da Pena I” atópase a 30 m do vial, os gravados do Outeiro da Pena II e III, a 300 m) debera facilitar tanto a súa conservación como a súa visita (tamén, a súa vulneración). Agardamos que os donos do monte se erixan en dignos custodios da herdanza común e non releen a roza da matogueira que empece o acceso aos depósitos arqueolóxicos nin a colocación de senllos cartaces informativos. Capitán Gosende engade dous petróglifos máis na súa conta (e van once) e amplía o seu campo de acción.
.
.
.

21/12/14

CAPITÁN GOSENDE DESCOBRE UN PETRÓGLIFO EN SABUCEDO-A ESTRADA (Faro de Vigo, 21-12-2014)

.
.
.
.
.

Antes de compartir con vostedes a nova gozosa do gravado rupestre, permítanme falarlles, aínda que sexa ás carreiras, da excursión que os Gosende fixemos o domingo día 7 á peneda do monte do Seixo coñecida pola Ventá do Areal.
            A Ventá do Areal é un bloque granítico que, na lomba de poñente daquela montaña, nomea a estrema dos concellos de Cerdedo, Forcarei e Cotobade (coordenadas: X-550.584; Y-4.703.650). O verdadeiro marco de deslinde sitúase a uns 140 m, cara ao SE. Alí estivemos en tarde de aloveado, para comprobar como, dende o pedroso abrigadoiro, é posíbel albiscar a parroquial de Caroi, sita a uns 3 km de distancia, cara ao oeste.
            A súa condición de privilexiada atalaia foi moi apreciada no pasado, pois, segundo contan, ao abeiro daquel furado petón, os pastores que apacentaban o gando en domingo, podían seguir a misa celebrada no Santiago de Caroi. A présa dos animais non entende de días santos. Oír misa dende a Ventá do Areal equivalía a facelo sobre chan sagrado. Constatamos que o vento transporta sen dificultade o son das campás, xa que logo, os fieis de lonxe, descifrando a linguaxe dos sinos, decatábanse do comezo da liturxia e do intre da transubstanciación.  
            O cubo de pedra que arma a Ventá do Areal acada uns 5 m de alto e 10 x 8 m de superficie. O van que se abre na face oeste ten 1’50 m de macheta e 1’73 m de lintel. Estas medidas van aumentando cara ao interior do acubillo que remata nunha angosta bifurcación. A luz do sol cóase, desfeita en raiolas, polas reganduxas da bóveda e, probabelmente, un feixe efémero ilumine o habitáculo, cadrando co solsticio de verán. A ausencia de vexetación alta por diante do penedo e o cheiro a xurro delatan que rabaños e greas o empregan para gorecerse. A Ventá do Areal é unha das estacións míticas do Seixo e foi debuxada polo amigo Joāo Bieites para O santuario perdido dos celtas (2008).
Unha semana despois, na xornada do 14 de decembro, a tropa dos Gosende exploramos os predios montuosos das Baiúcas, deslinde natural dos tres concellos da bisbarra de Tabeirós-Terra de Montes (A Estrada-Cerdedo e Forcarei).
            Dabamos resposta, deste xeito, a un amábel correo electrónico recibido días atrás (ás veces vémonos incapaces de responder satisfactoriamente a todas as cuestións, mostras de apoio ou encomendas que ateigan a nosa bandexa de entrada).
O remitente do e-mail, Carlos Filloi, advertíanos da existencia na zona dun gravado rupestre inédito, ou sexa, aínda non rexistrado no inventario de Patrimonio nin consignado no PXOM da Estrada. A seguir, reproduzo as indicacións do noso informante: “debedes ir ao monolito que se atopa no alto da estrada Forcarei-A Estrada (perto do límite entre os concellos da Estrada e Cerdedo). 330 m ao oeste do monolito (mirando cara ao monte Coirego (Cotobade)), veredes un afloramento rochoso de granito, en caída ao sur. Na face superior do mesmo, atoparedes o gravado”. Mesmo semellaban as claves para atopar tesouros, consignadas no Ciprianillo.
            Con menos motivos témonos botado á aventura, polo que, celebrando a proposta dun novo reto, o pasado domingo puxemos rumbo ao monolito. Dadas as cinematográficas connotacións do destino, aquela misión converteu o noso vehículo na nave Discovery; o navegador GPS asumiu o papel da computadora Hal 9000.
            Moito desexariamos que o pedrón das Baiúcas irradiase sabedoría e clarividencia aos catro ventos, a semellanza do monolito de Clarke-Kubrick, mais, ben sabemos que o corazón das autoridades daquel territorio é refractario a calquera novidade que non se traduza en réditos electorais.
            Atracamos a nave, é dicir, o automóbil, nun tramo abandonado da estrada EP-7001 (“7001: A Space Odyssey”, a realidade aliárase coa ficción), a carón do devandito fito conmemorativo (150º aniversario do Partido Xudicial da Estrada, 1840-1990).
            Dende a crista-miradoiro do Outeiro da Pena, Xoán Soto, Anjo Torres, Ana Santiso, Nando Vázquez e quen escribe diriximos os nosos pasos, toxeira abaixo, dirección noroeste, seguindo as directrices expostas e aproveitando unha carrilleira aberta polo gando ceibo.
            En ausencia de coordenadas, a nosa intención era afastarnos cara a poñente e bater un sector de 300-350 m de raio e 100 m de arco, tomando como referencia o chantón. Porén, apenas nos arredaramos uns 80 m do fito cando, ao agocho do toxo, nunha rocha de pequenas dimensións, albisquei a presenza de coviñas. As máis delas aparecían cubertas polo brión. O panel adoptara a aparencia dun lenzo de imprimación terrosa, salferido de moutas verdes (desculpen a inmodestia, mais, o que o ollo non atinxe, atínxeo a intuición do cazatesouros). Aquela valgada reunía todas as características para inspirar a creatividade do artista rupestre. Nós non eramos os primeiros en ficar arroubados pola beleza da paisaxe.
            Tras apachocar a mesta e punxente vexetación que arrodeaba o penouco, pólvora en caso de incendio, puidemos contar 23 coviñas. O gravado organízase en dous conxuntos ben diferenciados. O espectador, orientado cara ao nordés, percibe, á dereita, un aliñamento en paralelo de media ducia de “fosettes” (tres e tres, coma o 6 do dominó); á esquerda, esparéxense as outras dezasete.
            O afloramento ben puidera ser o “bico do iceberg”. Cantas sorpresas se ocultarán baixo a fronde e o sedimento? Cantos segredos oculta aquel anfiteatro filoniano, illado entre a lousa e a pedra de gran? Cómpre recuar uns 4.000 anos no tempo, para enxergar en toda a súa magnitude o depósito arqueolóxico.
            O novo achado, á espera de datos máis precisos, foi bautizado co nome de “petróglifo do Outeiro da Pena” (coordenadas: X-549.565; Y-4.716.032). O gravado rupestre localízase a 683 m de altitude e compete a súa preservación ao concello da Estrada e aos comuneiros de Sabucedo. Urxe, pois, desbravar a matogueira que o asoballa e pon en risco a súa integridade. A fronteira co concello de Cerdedo (parroquia de Tomonde) trázase a escasos 100 m cara ao sueste. O diámetro das coviñas oscila entre os 4 e os 8 cm, aprox.
            Espelímonos na busca polas inmediacións, mais, a noite botóusenos enriba inexorabelmente. Apenas houbo tempo para retratármonos oufanos ao pé da nosa descuberta e gozar dos máxicos instantes dun solpor irrepetíbel. Prometemos volver. Fica pendente cumprir o mandado do noso amigo Filloi. En breve, organizaremos outra expedición na procura do seu petróglifo. Con certeza, demos cun caladoiro tan copioso coma descoñecido.
            O colectivo Capitán Gosende engade un novo gravado rupestre ao seu currículo. E van sete: Laxa das Filloeiras (Pedre), Laxa do Sangal (Cerdedo), petróglifo do Outeiro da Bichoca (Chamadoira-Cerdedo), petróglifo da Cerqueira (Biduído-Cerdedo), petróglifo do Outeiro de Riba (Biduído-Cerdedo), gravado (histórico) do muíño de Herdeiros de Baixo (Abelaíndo-Cerdedo) e petróglifo do Outeiro da Pena (Sabucedo-A Estrada). Non esquezamos os riscos cruciformes (medievais) que adobían o antropomorfo do Coto das Insuas (O Serrapio).
Bo Nadal. Que a imperturbabilidade do monolito os arrede do lado escuro da forza.
.
.
.

13/12/14

"AMULETOS, TALISMÁNS E PEDRAS DA FARTURA. OBXECTOS DE PODER DA GALIZA TRADICIONAL"

.
.
.
Xa saíu do prelo o catálogo da exposición de "De rezos a conxuros. Amuletos, talismáns e pedras da fartura. Obxectos de poder da Galiza tradicional" (60 páxinas a toda cor. Prezo: 10 euros), grazas ao patrocinio da Fundación Liste (Vigo). Todo o diñeiro que se recade coas vendas redundará en beneficio do Museo Etnográfico Liste (http://www.museoliste.org/).
.
.
.
.
.
.

11/12/14

9/12/14

DE GARCÍA LEIRO A MÁRQUEZ IÁÑEZ (Faro de Vigo, 7-12-2014)

.
.
.
.
.
.

Da man do crego Rodríguez Fraiz camiñei pola vida do crego García Leiro e, aínda que entre estes dous persoeiros media un monte ideolóxico, non se nos escapa a pegada que o mestre deixou no seu discípulo.
Con dez anos, Antonio Rodríguez Fraiz ingresa na academia de García Leiro. O reitor de Cerdedo admitiu o rapaz, non sen antes sometelo a unha avaliación de coñecementos. O exame consistiu, entre outros atrancos, na resolución dunha conta de multiplicar e, no eido xeográfico, discenir a nacenza do río Lérez. Fraiz respondeu que en Aciveiro. Leiro retrucoulle que en Pardesoa. Ben certo é que o Lérez leva a fama e o Castro, a auga: “Don Fernando apenas necesitaba local para dictar las lecciones, era peripatético; el campo abierto, su gran aula; bajo los rocíos de la mañana, los calores del mediodía o los solpores de los hermosos atardeceres en la bocarribeira cerdedense, bañada por el bravío Lérez”.
A pasantía de Leiro en Cerdedo (alcouve de cregos) viviu os seus mellores momentos no decenio de 1925-35 (máis dun cento de alumnos). Canda Rodríguez Fraiz, o meu querido Manuel Monteagudo Ruzo, cronista da freguesía de Castro e vello socialista, foi outro dos seus discípulos distinguidos. Ambos os dous, capitanearon en 1971 a organización da póstuma homenaxe.
Aquel modelo de Igrexa pobre e identificada cos pobres, ortodoxa mais non intransixente, tolerante e aglutinadora, combativa coa superstición alienante, comprometida coa instrución das clases populares, abandeirada dun cristianismo de xorne social... Aquel modelo de Igrexa prendeu na vocación duns poucos iluminados, mais o molde rachou e, cos anacos, os pioneiros fixeron mortalla. Rodríguez Fraiz apunta: “García Leiro se adelantó cincuenta años a las ideas renovadoras de la Iglesia y al mundo de hoy”. Deberemos agardar até finais da década dos sesenta para que, na agra fertilizada do Concilio Vaticano II, xermolase a Teoría da Liberación: “Deus está a carón dos necesitados”. Hogano, séguese a esfollar na margarida.
Fólgame concordar que Cerdedo, baixo o edificante maxisterio de Leiro, anticipou o camiño de remuda que debeu emprender a Igrexa. Ende mal, o cura abandonou este mundo en decembro do fatídico ano 36. A dentame do nacionalcatolicismo asexaba tras a reconca da ponte do Barco.
Rodríguez Fraiz visita a García Leiro por derradeira vez un ano antes, no Nadal de 1935: “Apenas reconocía al que le hablaba [...] Físicamente se hallaba agotado, vivía solo prácticamente, apenas se alimentaba, unas veces porque no tenía nada, otras porque nadie se lo hacía. Sus ropas en estos momentos eran desastrosas, él que nunca se preocupó por el vestido; carecía de ropa interior, su sotana estaba rota a trozos [...] me dio la sensación de que a las once de la mañana tenía hambre, frío y sed. Al carecer de todo y vivir en la más absoluta soledad, sin familiar alguno a su lado, tomaba lo más fácil de conseguir; para aquella mente un tanto alborotada, cualquier bebida le proporcionaba un poquito de calma y breve bienestar [...] Difícilmente podrá darse situación más angustiosa que la de aquella vida que toda se había consumido en hacer el bien”.
En outubro de 1936, dous meses antes da súa morte, na prensa afecta de Pontevedra publícase que García Leiro doara 10 pesetas en beneficio do exército franquista. É evidente que alguén se valeu do seu prestixio e da súa senilidade para revestir de lexitimidade o sanguento golpe de Estado. Aínda hoxe, en Cerdedo, os que non gardan silencio afirman que “se a gherra non o collese nas últimas, don Fernando tería evitado os asasinatos, as malleiras e os castighos”.
Nove anos antes do seu pasamento, emprende García Leiro a materialización dun vello e arelado proxecto: “su mente creadora y corazón generoso, pensaron en nuevos modos de ejercer la caridad, la liberación de la pobreza en la ancianidad y la ignorancia [...] Pensó en la fundación de un asilo que redimiese tanta necesidad como él diariamente estaba viendo. Aquellos ancianos y ancianas arrastrándose por las corredoiras cerdedenses, hambrientos, casi desnudos, viviendo en chozas, a veces sin familia, enloquecidos por la necesidad, la ignorancia y el fanatismo [...] Esta alma grande trató de buscar la solución a este estado pobreza e ignorancia en una casa-residencia y un taller-escuela en el que se capacitasen las gentes de Montes”.
Por moi boas que fosen as intencións do seu promotor, a obra non se tería levado a cabo sen o concurso do pobo: “era frecuente en la parroquia que cuando don Fernando pedía maderas para el asilo, se le mandase a la robleda, pinar o castañal a cortar lo que él indicase; sólo así, con esta cooperación, pudo conseguirse tan amplio y hermoso edificio, en momentos de la máxima penuria económica por la que atravesaba aquellos años Cerdedo y toda Galicia”.
Entre os elementos populares, solidarios coa benemérita empresa de Leiro, cómpre facer especial mención do mestre de cantaría Antonio Márquez Iáñez. Boa parte da información que posúo do meu bisavó materno Antonio Márquez extraína dos libros de Rodríguez Fraiz.
O apelido Márquez é abondoso na Terra de Montes, acadando en Forcarei e Cerdedo as porcentaxes máis elevadas do territorio galego. Meu bisavo Antonio debeu ser froito da unión dun meu tataravó Márquez, canteiro cerdedense, e unha tataravoa Iáñez, natural da provincia de Lugo (Vilalba?), a onde se trasladara por motivos de traballo.
            Antonio Márquez Iáñez naceu, xa que logo, en terras luguesas no ano 1862. Roldando a trintena, veuse para Cerdedo, casou con Mariana Sueiro Cadavide (†6-2-1923), natural de Lourido, e aveciñou en Meilide, na casa familiar sita na Aldea de Baixo, onde naceu miña avoa Isolina Márquez Sueiro (1908-1988) e naceron os seus cinco irmáns.
            Antonio Márquez herdou e asumiu, cara a 1910, o capital das súas tías, as Marcas, panadeiras solteironas, e, en concreto, a casa das Raposeiras (Meilide). Márquez Iáñez, mestre canteiro de sona, dirixiu obras por toda a xeografía peninsular.
Home laborioso e abnegado, consagrou os últimos anos da súa vida a facer realidade, de xeito altruísta, a encomenda de García Leiro, asumindo como propio o lema vital do abade de San Xoán: “Nada teño do que gañei, só posúo o que dei, sufro polo que neguei e o que gardei, perdín”.
Rodríguez Fraiz escribe: “Los trabajos dieron principio en el mismo 1927, bajo la dirección del maestro de cantería y carpintería don Antonio Márquez Yáñez [...] Las obras caminaron lentamente, una década después todavía no estaba concluído el edificio, que consta de dos plantas y sótano, casi pegado a la rectoral por el norte. Ideados los bajos para las cocinas, comedores, despensas y otros menesteres; el primer piso para residencia de ancianos, oficinas... y el tercero, residencia de religiosas y escuelas para jóvenes”. E engade: “Este artista, case en solitario, foi facendo as pedras e ano tras ano lovantando os muros, sin axudas nin cartos, namentras tivo mente e vida aquela alma chea de dozura, amor e caridade que foi o reitor García Leiro. Este vello canteiro non deixou de traballar no asilo mentras tivo vida”. Antón Márquez Iáñez bateu coa morte o 9 de abril de 1935, cando se dirixía, como cada día, á obra.
            Tras a morte de Márquez Iáñez e García Leiro (un ano despois), a magna construción, a piques de ser coroada co loureiro, foi malvendida polo sucesor de Leiro na reitoría de Cerdedo, o crego Ventura Pérez Alvite, quen esfurricou perante unha mísera débeda. O prezo de venda do edificio non superou as 13.000 pesetas, cando o seu valor era infinitamente superior: “las mismas circunstancias que rodearon la tal venta fueron harto oscuras”. O inmóbel, que ía ser destinado a escola e centro de acollida da ancianidade desvalida, foi adquirido, en primeira e segunda quenda, polos próceres franquistas, aproveitando o chope no seu beneficio. A avellentada poboación de Cerdedo non se beneficiaría da construción dunha residencia para a terceira idade até 70 anos despois.
Antonio Márquez Iáñez foi soterrado no adro da igrexa de Cerdedo, ao pé da porta grande e a carón da tumba de García Leiro. A miña avoa, Isolina Márquez, e mais o meu tío avó, Xosé Márquez, sufragaron os gastos de construción do panteón familiar, fermosa á par que austera obra de cantaría, sito no novo cemiterio. Lese na inscrición: “Ano-Propiedade familia Márquez-1946”. Cando a clausura do cemiterio vello, os restos mortais de Antonio Márquez Iáñez e familia trasladáronse á oseira do novo panteón.
No dito panteón, ben no cinceiro, ben nos nichos, amais dos vestixios do meu bisavó Antonio, descansan, así mesmo, cinco dos seus seis fillos, entre eles: Avelino (†8-9-62), morto en estrañas circunstancias, crego de menores (ostiario, lector, exorcista e acólito) e alumno de García Leiro.
.
.
.