31/5/15

QUEN É O CAPITÁN GOSENDE? ( e II ) - Faro de Vigo (31-5-2015)

.
.
.
.
O pazo das Raposeiras no ano 2002.
.
.
.
O pazo das Raposeiras no ano 2012.
.
.
.
O pazo das Raposeiras na actualidade.
.
.
.
Doela brasonada do capitán Gosende.
.
.


O capitán Alonso de Gosende e Quinteiro, que establece o vínculo familiar nas Raposeiras (Meilide), é o tataravó do Padre Sarmento: “Este capitán Gosende é Alonso de Gosende, capitán das milicias de Montes, o que as conduciu á Coruña, cando veu sobre ela o Dracke [...] Este capitán Gosende e a súa muller María (Núñez?) [...] foran pais do meu bisavó Alonso de Gosende e os meus terceiros avós”.
Alonso de Gosende e Quinteiro ordena a construción do pazo das Raposeiras (a casa matriz), no que residirá xunta a súa muller, María Núñez. Asemade, o seu irmán, Xoán de Gosende e Quinteiro manda edificar o pazo e capela de Cavenca, aveciñándose, canda súa primeira muller, nesta aldea. Tras enviuvar, casa en segundas nupcias coa compostelá María de Castro, ascendente de Rosalía de Castro. Os veciños denominan o pazo de Cavenca “a casa de Rosalía de Castro”, argüindo que a egrexia poeta naceu ou viviu na antiga residencia dos seus parentes cerdedenses, os Gosende.
Após o falecemento de Alonso de Gosende, a súa viúva dispón construír a casa anexa (ao leste da matriz), para legarlle a vincular ao seu fillo Alonso de Gosende e Núñez (bisavó de Sarmento). Ambas as dúas construcións uníronse cun portal arcado en cuxa doela mestra se labrou o escudo familiar.
Alonso de Gosende e Núñez casou con María Lourenzo, irmá do crego Pedro Lourenzo, fundador da capela do Loreto, padroeira de Meilide (ano 1734, segundo lemos nunha inscrición da parede norte). Da unión xorde María de Gosende e Lourenzo (avoa de Sarmento) que casará con Alonso García de Ceraxe, natural de Augasantas (Cotobade). O matrimonio concibe, entre outros, a Alonso García de Ceraxe Gosende e Lourenzo que, á súa vez, contraerá matrimonio con Clara de Balboa e Sarmento, oriúnda de Samos. O 9 de marzo de 1695, vén ao mundo, no pazo das Raposeiras, o seu cuarto fillo: Pedro Xosé García de Ceraxe Gosende e Lourenzo Balboa e Sarmento (o Padre Sarmento).
Afastándonos de todo dogmatismo, sigo defendendo o que xa intuíra e avanzara en “Cerdedo na obra do Padre Sarmento” (2002): “Este fillo de Cerdedo, persoeiro insigne da Europa ilustrada, xamais esqueceu de onde era nin de quen viña sendo, xamais esqueceu a súa orixe galega e cerdedense (páx. 17).
A inexistencia da partida bautismal en Vilafranca do Bierzo e as oportunísimas pescudas do profesor da Universidade da La Laguna José Santos Puerto (“Martín Sarmiento, natural de San Juan de Cerdedo”, Sarmiento. Anuario Galego de Historia da Educación, nº 12, ano 2008) confirman a natureza cerdedense do ilustre beneditino: “Que Sarmiento era natural de San Juan de Cerecedo (Zercedo, Zerecedo) aparece en la documentación del monasterio de San Martín de Madrid, a donde llegó por primera vez el 18 de mayo de 1710 con la intención de tomar el hábito benedictino. Como la toma de hábito era una decisión que debía acordarse en consejo, al día siguiente el abad de San Martín, Juan Bautista Lardito, convocó a los monjes que formaban parte del consejo. En el libro de actas quedó anotada la decisión tomada el 19 de mayo de 1710: “En dicho consejo su Rvma. propuso para el hábito de monje de este dicho monasterio a D. Pedro García, natural de San Juan de Zercedo en el reino de Galicia...” [...] En el libro de San Martín no hay referencias que relacionen a Sarmiento con El Bierzo. Lo que sí advertimos, es que un año después de la toma de hábito y en el acta de un acontecimiento fundamental para un monje, como es el examen que da paso a la profesión, nuevamente se dice que Sarmiento es natural de San Juan de Zerecedo, en Galicia”.
Reproducindo a esclarecedora descrición facilitada en 1745 polo propio Sarmento: “A casa da aldea das Raposeiras componse de tres, e vellas, unha grande no medio e outras dúas casas colaterais. A do medio ten unha xanela na sala, que mira dereita a igrexa de Cerdedo, case ao rumbo de noroeste”.
A casa matriz (“a do medio”), que data de finais do século XVI, abrangue unha superficie duns 70 m2. Cara ao leste, atópase a segunda das vivendas, de comezos do século XVII (superficie habitábel: uns 100 m2). No principiar do século XX, ambas as dúas construcións aínda se unían polo devandito portal brasonado, conforme se aprecia na recreación de Agostiño Portela Paz.
A mediados do século XVII, levantouse (cara ao sur) a terceira das construcións (superficie habitábel: uns 50 m2). In situ, a tipoloxía construtiva permite distinguir, no conxunto pacego, as estruturas orixinais dos engadidos.
O panel informativo, chantado polo Concello no camiño de acceso, omite, inexplicabelmente, a posibilidade de que o Padre Sarmento nacese naquel lugar.
O catálogo do patrimonio cultural de Cerdedo (PXOM, 2014) oculta a relevancia histórica da casa matriz (cuxa cuberta veu abaixo hai dous invernos) e nos mapas alusivos, identifícase erroneamente o pazo das Raposeiras. Nin saben nin queren saber.
Dende hai máis dunha década, os actuais donos do pazo das Raposeiras, aveciñados en Asturias, veñen manifestando con reiteración o seu desexo de converter en ben público as súas propiedades nas Raposeiras. En troco, apenas solicitan unha inxel inscrición, agradecido recordatorio de seus pais, os benqueridos e lembrados Gumersinda e Vitorino, e, unha vez rehabilitado o inmóbel, o seu emprego exclusivo para a promoción da cultura galega en xeral e cerdedense en particular (museo ou aula de interpretación). Neste senso, agradézolles de corazón as mostras de agarimo que, ao longo destes anos, me teñen dispensado.
Hai uns meses (verán de 2014), e polo mesmo motivo, os posesores do pazo dos Gosende entrevistáronse co rexedor local, obtendo como resposta a frialdade do desinterese. Na prensa de Pontevedra (20-12-2012), nun irreflexivo desaforo, a alcaldía cualificara as ruínas da casa grande das Raposeiras como “pésima palleira”. A sibilina autoridade, que ancheou e rebautizou a costa de Meilide co pomposo nome de Avenida do Padre Sarmento, consente, ao mesmo tempo, a derruba das paredes que o viron nacer, un edificio de indiscutíbel valor histórico para Cerdedo.
A maiores, os descendentes de Gumersinda e Vitorino desexarían que o escudo dos Gosende tornase a Cerdedo. De non ser posíbel reconstruír o arco orixinal, a doela brasonada dignificaría a colección do rimbombante e paupérrimo Museo da Pedra.
O 30 de decembro de 2014, unha delegación do colectivo Capitán Gosende entrevistouse co director do Museo de Pontevedra no seu despacho da vila do Lérez. Transmitímoslle a nosa preocupación polo estado de conservación do pazo das Raposeiras, a vontade dos propietarios de legarllo ao pobo e a abulia do Goberno cerdedense. Manifestámoslle, así mesmo, o desexo de fotografar o escudo que, custodiado de primeiras nas ruínas de San Domingos, leva máis dunha década lonxe da vista da xente (ao parecer, embalado nalgún almacén). O director da institución museística limitouse a trasladarnos o seu pesar persoal e a súa incapacidade institucional. Mágoa do Museo de Pontevedra, convertido nun tentáculo do caciquismo cefalópodo da provincia.
Como xa expuxen no “Inventario xeral da freguesía de Cerdedo” (2002), as operacións de compra (fálase de cinco pesos daquel tempo) e traslado do brasón resolvéronse a finais dos anos vinte do pasado século, axilizadas polas componendas dalgún preboste. Recepcionouna Xosé Millán, membro da Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra.
 Abafados por tanta ineptitude, un empresario da hostalaría local decidiu hai uns meses enfeitar o seu establecemento cunha reprodución en pedra a tamaño real (45x35 cm) das armas de Gosende. Alí reina dende aquelas o escudo para quen se queira reconciliar co noso glorioso pasado. Agardo que estes artigos vallan para satisfacer a curiosidade (ou inducida ignorancia) dos que, á vista do símbolo do que nós tanto nos honramos, preguntan: “E quen é o Capitán Gosende?”.
.
.
.

12/5/15

CAPITÁN GOSENDE DESCOBRE DOUS PETRÓGLIFOS EN PEDRE (CERDEDO)

.
.
.
.
.
.
.
 
.
.
.
O domingo 3 de maio, o colectivo Capitán Gosende deu cun novo gravado rupestre no concello de Cerdedo. O petróglifo, non catalogado, foi labrado na parte superior dun bolo granítico situado nas proximidades do lugar coñecido como Outeiro da Corva (denominación: “Petróglifo do Outeiro da Corva I”), no monte comunal de Pedre (coordenadas.- X: 546.729; Y: 4.707.684; alt. 540 m).
O gravado componse de 6 coviñas ou cazoletas, unha delas contida nun círculo. O conxunto presenta un avanzado grao de deterioro por mor dos axentes erosivos. A inscultura localízase a uns 400 m ao sudoeste da Laxa das Filloeiras (petróglifo descuberto por Capitán Gosende no ano 2012) e a uns 800 m ao sueste das primeiras casas de Pedre (O Salgueiro). Entre o O Salgueiro (N) e a Laxa das Filloeiras (S), Fomento proxecta abrir unha trincheira de máis dun quilómetro de longo (leste-oeste) e uns 80 m de ancho, infraestrutura da liña ferroviaria do AVE.
O domingo 10 de maio, a tropa dos Gosende bateu con outro petróglifo (2 coviñas), riscado na parte superior dun bolo granítico, situado a uns 25 m cara ao nordés do anterior (denominación: “Petróglifo do Outeiro da Corva II”; coordenadas.- X: 546.754; Y: 4.707.693).
 A día de hoxe (10-5-2015), o número de gravados rupestres localizados en Cerdedo ascende a vinte e catro. Doce dos vinte e catro petróglifos foron descubertos polos exploradores de Capitán Gosende.

.
.
.

3/5/15

QUEN É O CAPITÁN GOSENDE? ( I ) - Faro de Vigo (3-5-2015)

.
.
.
.
.
.


Na primavera do ano 1589, o capitán Xoán de Gosende e Rascado e mais o seu morgado, o capitán Alonso de Gosende e Quinteiro, dos Gosende das Raposeiras (Meilide), chefiando as milicias de Terra de Montes, acoden en auxilio da vila da Coruña, asediada pola frota corsaria da raíña Isabel I de Inglaterra.
            O transo da defensa da Coruña enmárcase no contexto da chamada guerra anglo-española que se estenderá ao longo de case vinte anos, dende 1585 deica 1604.
            Na amañecida do 4 de maio de 1589, unha podente escuadra, integrada por perto de 200 naves, apóstase en fite ás costas coruñesas. Ao mando da temíbel English Armada vén o almirante Sir Francis Drake. O goberno das tropas de desembarco correspóndelle ao xeneral Sir John Norreys.
            A gornición e o pobo da Coruña, en evidente inferioridade, axiña recibirán o apoio dos batallóns de milicianos, mobilizados polas autoridades das distintas xurisdicións do país. Os de Montes responden xaora á chamada. Os labregos, instruídos polos Gosende nas artes da guerra, pousan a fouce e o legón e empuñan agora picas, espadas e arcabuces. As forzas defensivas manteñen o inimigo alén dos muros da fortaleza de San Carlos e do castelo de Santo Antón.
            O xeneral Norreys, tendo ao seu dispor un continxente de 17.000 homes, procede ao desembarco no areal de Oza, tomando, non sen dificultade, a parte baixa da cidade (A Peixaría) e causando unhas 300 mortes. A seguir, diríxense cara aos recintos murados. Na porfía, os asaltantes sofren a perda duns 1.000 efectivos, por mor da tenacidade dos herculinos. Malia a forte resistencia, o día 14, a artillaría británica consegue abrir unha fenda nas fortificacións. A situación inclínase, ende mal, do lado dos invasores. A moral dos nosos soldados semella decaer ante o embate do inimigo.
            De socate, no fragor da loita, na ardencia do corpo a corpo, xurdiu arroubadora a voz dunha muller: “Quen teña honra, que me siga!!”. Eis María Pita, a carniceira coruñesa que, brandindo a pica do seu home, caído en combate, abateu con saña un abandeirado inglés, heroica determinación que insuflaría folgos nas fileiras da paisanaxe.
            Revividas, as tropas galegas fan recuar o invasor. O día 16, os Gosende interveñen na refrega da ponte do Burgo, intenso combate no que resultan feridos varios mandos britanicos, entre eles, Edward Norreys, irmán do xeneral Norreys . O 18 de maio, 14 días despois do seu avistamento, as hostes anglosaxoas optan por embarcar, abandonando o noso litoral para non volver. A batalla da Coruña sáldase cun milleiro de vítimas galegas por mil trescentas inglesas.
            Os “inimitábeis” galegos vingaban deste xeito a desfeita protagonizada pola Armada Invencíbel que, un ano antes, fora enviada por Filipe II ás Illas Británicas para loitar, como é sabido, contra os elementos.
            Os capitáns Xoán de Gosende e Alonso de Gosende, pai e fillo, tornarán indemnes da lide, mais, non vivirán para inaugurar a décimo sétima centuria. Os despoxos de ambos os dous heroes, amortallados co brasón da “grande media lúa, tres luceiros e catro globos”, xacen baixo as lousas da parroquial de Cerdedo, ao pé da capela do Rosario que, en pago pola intercesión divina, dotaran e investiran con indulxencias papais.  
Séculos despois, nunha tarde treboenta do verán de 1982, a señora Gumersinda Solla e o señor Vitorino Bouzán, os derradeiros moradores do pazo, transmitíronlle a un neno de Pontevedra (que tiñan por neto), a historia do capitán Gosende, unha anacrónica pantasma que, alertada polas bombardas do ceo, deambula cerimoniosa e marcial polas congostras das Raposeiras.
O primeiro de abril do ano 2012, ao abeiro da hospitalaria Casa Florinda (Pedre-Cerdedo), un grupo de entusiastas da cultura galega conxurámonos para, máis alá das boas palabras e da militancia de gabinete, demostrar con feitos a nosa adhesión inquebrantábel ao proxecto de conservación e promoción do patrimonio de Terra de Montes e, por extensión, da Galiza.
            Os lazos familiares ou sentimentais dos integrantes do colectivo con Cerdedo propiciaron que se escollese este concello, paradigma da Galiza, como territorio de referencia e, así mesmo, como escenario das nosas primeiras intervencións. A denominación escolleita para o colectivo, Capitán Gosende, escusa máis xustificacións.
            Capitán Gosende difire de moitos outros colectivos de natureza e motivacións semellantes en que é unha asociación exenta de cargos directivos e retórica estatutaria, aberta a todos aqueles que, afectos ao progresismo mais obviando matices ideolóxicos, queiran sumar o seu esforzo á ardua tarefa de reivindicación do noso acervo. O debate interno considérase síntoma inequívoco de vizo e louzanía. Suxeitos á dinámica do comando cultural, o noso leitmotiv inspírase no coñecido lema martiano “Facer é o mellor xeito de dicir”. Nestas porfiaremos até que os azos ou a saúde dispoñan outra cousa.
En Capitán Gosende non hai obrigas nin aliñación titular. O grao de compromiso demóstrase coa asistencia e participación nas diversas actividades e cometidos que adoitan escollerse por unanimidade (buscar, documentar, valorar e dar a coñecer). Por regra xeral, corta feira, no faladoiro do Eirado da Leña (Pontevedra), decídese a misión e o domingo vénse actuando. As presenzas non se gaban, as ausencias non esixen xustificación. Non estamos abonados ao martiroloxio, secomasí, aínda gozamos de dignidade abonda como para escoller con quen sentamos a unha mesa. Os que son o problema xamais nunca serán a solución.
Feitas as presentacións, recuemos, de novo, no tempo. En xuño do ano 1592, morto Alonso de Gosende e Quinteiro, a súa viúva, María Núñez, a requirimento do xuíz de Montes, fai inventario dos bens que gozaba canda seu home. O extracto da listaxe, transcrito por Rodríguez Fraiz (Protocolos de Xoán Sueiro, ano 1592), non ten desperdicio.
Velaquí, baixo xuramento, algúns dos haberes do 3º capitán Gosende a finais do século XVI: o casarío das Raposeiras coas súas herdades “no que vivían e moraban”; parte do muíño do Bustelo (ou dos Montinos, ou da carballeira de Meilide), xa por herdanza do falecido, xa por escrituras e títulos de compra. Media ducia de vacas (cinco animais adultos, unha xovenca e mais tres becerros); outros cinco animais; corenta roxelos (cabritos) e outros; tres porcas paridas e cinco bacoriños. Unha arca de castiñeiro de catro pés e trece fanegas, coa súas pechaduras; unha caldeira de cobre e un caldeiro pequeno e vello. Unha meda de centeo; dúas fanegas de millo (miúdo) e outras dúas de centeo. As leiras do Cachafal e do Agro do Val (O Ghordoval), a leira do Saighideiro (O Seidorio), a leira de Foce (A Foza) e As Revoltas de Augalonga, todas elas, entre outras moitas, sementadas de centeo. Unha vaca marela que se vendeu para sufragar as honras fúnebres do defunto. Outros tres becerros. Tres mantas de burel novas, de a tres lenzos; dúas de la, novas, de a dous lenzos; seis mantas de burel de a tres e a dous lenzos, usadas (“que andan polas camas”); lenzos de liño para dúas sabas; vinte e seis meadas de liño; dúas varas e media de xénero que gardaba o defunto para facer unha capa; cinco mesas de manteis novas, tres de liño e dúas de estopa, novas. Un carro de campo usado, dous xugos para bois, un arado de man e un tomoeiro de cedro, usado. Unha fouce e un legón; tres fouzañas de segar pan e un fouzaño de coller palla. Un trado vello. Unha decena de cuncas de pau e cinco pratos de pau; unha mesa grande de carballo na que se adoita comer e catro tallos para sentar. Dúas lanzas, unha longa e outra media, e unha espada de puño do defunto. A roupa do finado, de pouco valor, déuselles aos pobres. Oito galiñas e un capón, e esterco nas cortes e casas onde viven; dúas picañas de ferro coas que se saca o esterco. Unha xuntura cumprida para bois, xa usada, agás os adivais que son bos. Uns armarios de catro portas, xa vellos e rotos. Unha grade usada e vella. Unha arquiña pequena de porte de tres fanegas de pan. Un martelo de man de ferro. Tres touciños curados e dous untos de porco”.
Continuará…
.
.
.

2/5/15

CERDEDO: 80 ANOS TRIUNFAIS

.
.
.
.
Fonte inaugurada en Cerdedo durante a ditadura
.
.

Abriuse a veda do voto e, en Cerdedo, aqueles aos que lles vai a vida nisto andan un chisco abelloados. Hai uns días, porta a porta e con dilixencia, foron distribuídos os exemplares dun panfleto intitulado “2005-2015: 10 anos de goberno”, outro alarde propagandístico que, encargado polos estrategas locais do partido da Gürtel, pagouse, madía leva!, cos cartiños de todos. Con pólvora allea calquera fai festa.
É unha mágoa que tanto a primeira fotonovela (de 2014) como a segunda (máis carghada de bombo) non rexistren o nome do obradoiro de artes gráficas onde foron editadas, xa que, en prol da transparencia, moito conviría unha consulta para saber a canto ascendeu a voda e a revoda. Suponse que o importe ha figurar no libro de contas do Concello (probabelmente, no apartado “Outros gastos”); por desgraza, en Cerdedo non hai oposición que, anque sexa por dignidade, bote as mans á cabeza.
Estamos ás portas de que se cumpra o octoxésimo aniversario do triunfo da dereita en Cerdedo. O último alcalde de esquerdas, o socialista Luciano García Ventín, foi desposuído do seu cargo, perseguido, encarcerado, aldraxado e extorsionado, tras o golpe de Estado fascista de xullo de 1936. O seu sobriño, Ramiro Lois Ventín, canda outros catros membros da mesma familia, todos socialistas, foron fusilados en decembro do ano fatídico. Cunha morea de mortos clamando xustiza, a deriva ideolóxica do PSOE, aquí e acolá, é cousa inadmisíbel. A parroquia nacionalista tamén viviu épocas mellores.
Despois de anos de reiteradas e folgadas maiorías, o Sogro, que foi un dos mandatarios máis lonxevos do mundo mundial (1974-2004), despedíase na prensa afirmando con oufanía que a súa mellor obra fora a remodelación da Casa do Concello. Tempo tivo de reformar o castelo. Aplicando a consigna “Todo atado y bien atado”, acaeceu en Cerdedo o nepótico relevo no poder. Dende as municipais de 2007, o salón de plenos, presidido por o Xenro, vén sendo escenario de malleiras do tipo 10-0. Ben, sexamos xustos, 10-1, pois, as boas tundas aínda son mellores se se adornan co gol da honra. Contan os que o viron que é todo un espectáculo de ensaiada coreografía ver os dez braciños erguerse ao unísono.
Segundo o censo de poboación de 1940 (fonte: INE), o número de habitantes de Cerdedo ascendía a 5.211 (2.101 varóns e 3.110 mulleres). Consonte o censo de poboación de 2014 (fonte: INE), a optimista cifra de cerdedenses acadaba os 1.860 (784 teñen máis de 64 anos de idade (fonte: IGE)). A aplicación, durante décadas, da mesma política (“piche e puntos de luz”), auspiciada por unha intricada arañeira clientelar, deu como resultado unha catástrofe demográfica explicitada na perda de 3.351 habitantes. Non se deixen enganar, Cerdedo non é un concello pequeno, é un concello despoboado.
Sospéitase que nos vindeiros comicios, o panorama sexa susceptíbel de empeorar, porque, ao parecer, non hai en Cerdedo quen dea un paso á fronte e ofreza unha alternativa (por non haber, non hai nin quen ouse erguer a voz). Outra impúdica goleada, e semanas atrás, días ao cabo.
Agora ben, con todo o peixe vendido, como se explica a onerosa necesidade de autoafirmación mostrada pola autoridade na súa arroutada editorial?
A nova entrega da serie “Vida e milagres” semella un álbum Panini de 86 páxinas a toda cor (e mais capa e contracapa). Escusan andar na procura dos cromos ou perder o tempo en trocar os repetidos, porque a colección xa vén completa. Aínda así, mellor sería que o caderno fose mudo, porque, no tocante ao estilo (reseso) e á ortografía (deficiente), o autor é digno candidato, xa non á convocatoria de maio, senón á de setembro. Máis de 100 erros ortográficos en apenas 5 páxinas de texto!!!
Na páxina 2, a dúas columnas, principia o que, comunmente, se denomina “Saúda”. Conmóvenos o exceso de sentimentalismo dos primeiros parágrafos, confésolles que a min tamén se me humedeceron os ollos; mais, cómpre ler entre liñas. Cando a autoridade di, de xeito redundante: “Lémbrome claramente do apoio de cada un dos veciños que naquel día quixestes mostrarme o voso apoio...”, quere dicir, como se comprobará, que tamén se lembra de cada un dos veciños que non lle renderon preitesía.  
Chegados ao remate da páxina 3, se lles solicitase aos meus alumnos de literatura que escribisen o tema do relato, decantaríanse abofé por “Excusatio non petita, accusatio manifesta”.
Concordo plenamente co expresado pola autoridade no comezo da páxina 4: “Tampouco podemos obviar que, estes últimos anos, tocounos vivir a que está considerada como a maior crise da democracia deste país”. Pódese dicir máis alto, pero non máis claro: os anos de goberno do plenipotenciario partido da Gürtel minaron de tal xeito os fundamentos democráticos que, tras a pérfida reforma laboral, a sectaria reforma educativa, a privatización da sanidade, o desmantelamento dos servizos sociais, a lei mordaza e a enxurrada de corrupción e ladroízo, un xa non sabe se reside nun país do primeiro mundo ou nunha república bananeira (mellor, eucalipteira). Descoñezo as consecuencias que, para as aspiracións políticas da autoridade cerdedense, poida ocasionar este lapso de sinceridade subversiva.
No tocante á estrita austeridade imposta dende fóra, á vista das publicacións que pagamos todos para enxalce da súa maxestade, axiña se conclúe que sempre hai cartos para o que convén.
Moito se laia a autoridade da desaparecida “comedela do xabarín”, esquecendo a pioneira “Festa da Vincha”, loábel iniciativa veciñal, que foi raposeiramente asfixiada porque non lle producía réditos electorais. Se a tolerancia fose unha das súas virtudes, a Festa da Vincha, celebraría este ano a súa XV edición. A axuda económica que recibía do Concello (cando a recibía) era duns 600 euros, ridícula, se a cotexamos cos 70.000 euros destinados a financiar cada lupanda do porco bravo. Ambas as dúas, ao seu xeito, axudaban a situar este recuncho de Terra de Montes. A Festa do Xabarín, a maiores, solicitaba o voto a cambio dun prato de comida.   
Ao respecto dos agradecementos polos consellos e pola crítica construtiva, non hai de que.
O 2015 é ano profusamente electoreiro, xa que logo, fariamos ben en blindarnos da lexión de falabaratos que, sen deixar de mirarse para o embigo, porán a proba a nosa paciencia, prometendo coma nunca para incumprir coma sempre. Asistimos impávidos á macabra constatación da sistémica corrupción institucional. Doe presenciar a impunidade coa que manobran as redes gangsterís vinculadas ás maiorías absolutas. Pouca xustiza se pode agardar dun dinamitado Estado de dereito. Urxe rexeneración, mais, quen lle vai pór o axóuxere ao gato?
Neste tempo de xustificada indignación social, os servidores públicos, os que sostemos economicamente (a algúns por riba das súas posibilidades) para que xestionen asisadamente o que é de todos, deberan rexerse polo comedimento e a humildade; deberan deixar de dar tantos consellos e escoitar, de cando en cando, algún.
A situación terminalista de Cerdedo é cuspidiña á relatada na lenda “A cidade somerxida”, recollida por Leandro Carré Alvarellos (As lendas galegas tradizonaes, 1969). No relato, a Virxe vagabunda pregúntalle a unha paisana pola decadencia moral na que se some a cidade de Beria. A muller respóndelle: Porque ninguén quere se poñer a mal côs que rixen e mandan na vila; e uns porque s’arriquecen, e outros porque viven ledamente sen grandes traballos, vanse deixando iren. E os probes inda menos, que nada podemos facer contra dos máis podentes... E tódol-os bos vanse indo pra outras terras; e así a perdizón é maor a cada día. Tras escoitar as explicacións da vella, a Virxe toma a decisión de asolagar a cidade de Beria. Agardemos que a Nosa Señora de Fenosa non se lle dea por recuncar na idea de alagar a valiña.
E pasando nas follas do catálogo haxiográfico, atinximos á paxina 6, remate dunha longa introdución enchoupada de recorrente autobombo. O mellor agardaba por nós ao final, xa que o panexírico deriva en libelo.
          Reitero o dito, os políticos deberan facer máis e falar menos (e escribir, a ser posíbel, nada). No penúltimo parágrafo, antecendendo os agradecementos e as apertas, froito dunha inopinada transformación jekyllhydeana (desculpen o palabro), aquela “boa persoa”, aquel “home responsable”, aquel que pedía “mil perdóns” e que facía “propósito cada día para non cometer erros nin causarlle prexuízo a ninguén”, carga desaforadamente contra os veciños que, segundo a súa opinión, “poñen paus nas rodas da evolución”, cualificándoos, ademais, de “irrelevantes”, “insolidarios”, “apenas dous ou tres, e case sempre os mesmos”, “xente que nin tan sequera está empadroada en Cerdedo”. Vindo dun alcalde, que aspira a seguir exercendo e cuxa obriga é garantir a convivencia, este exabrupto é absolutamente intolerábel e a vontade de publicalo, dunha pueril irresponsabilidade.

Lémbrolle á autoridade que, mal que lle pese, seguimos vivindo en democracia e que, malia os recortes consumados polo seu partido, segue amparándonos a liberdade de expresión. É evidente que a autoridade dixire mal a crítica e esta doenza é consecuencia da falta de oposición. Vostede está acostumado a facer o que lle peta, sen atrancos, animado por unha lexión de interesados aduladores. Administrar a diverxencia e o descontento tamén vai no soldo. Cando se goberna con man de ferro, facer boa política é asunto desdeñábel. Sementar discordia non está entre as súas atribucións.
Invista toda a súa enerxía en sacar a Cerdedo do buraco no que o meteu e agradeza que haxa alguén que, de raro en raro, lle poña os pés na terra. A grandeza do bo gobernante reside na prudencia, na capacidade de consenso e en aceptar como positivo que non todo o mundo teña por costume ou necesidade facerlle as beiras.
Actúa vostede arroupado por unha maioría absoluta que, se ninguén o remedia, revalidará nas próximas eleccións; que máis quere?, bater algún récord de permanencia? Malo é non saber perder e pésimo non saber gañar. É consciente a autoridade de que os veciños, sinalados como díscolos e descastados, axudan a pagarlle o seu salario e, a maiores, queiran ou non, o seu pasquín. Ante todo, non perdamos a calma. 
Gábase vostede na prensa pontevedresa das pelexas que hai en Cerdedo por figurar na listaxe electoral do partido da Gürtel. Se así fose, todos, sen escrúpulos, a cabalo gañador. Mais, de aquí a pouco, como non faga por estimular a demografía, a restra dos seus candidatos e o padrón municipal han ser a mesma cousa. De momento, Cerdedo perde dous concelleiros.
Créame cando lle digo que, por saúde democrática, a existencia do contrapunto, do debate, da confrontación de ideas é imprescindíbel para o progreso dos pobos. Xa que logo, evite fachendearse de que non ten rivais e laméntese de gobernar en soidade. Non hai nada máis perigoso ca o endeusamento e vostede xa revela algún que outro síntoma.
Lonxe queda aquela aspiración de converter Cerdedo nun concello dormitorio, o paraíso da segunda vivenda. Algo ten este territorio que escorrenta a xente de fóra e mais a de dentro. Non habendo solución, conformémonos pois coa figura, meritoria ou merecida, de concello tanatorio. Morrer hai que morrer.
Volvo ao seu arrebato narcisista e resumo, finalmente, o balance da súa década prodixiosa: 20 páxinas de piche, 5 de formigón, 3 páxinas de puntos de luz, 37 fontes, 17 lavadoiros e un lote de churrasqueiras. Sabendo que o uso da lavadora eléctrica se popularizou nos anos 60, sabendo que a auga da traída é tamén unha conquista do pasado, sabendo que a vaca se considera, en Cerdedo, fauna en extinción, sabendo que non hai nin xente, nin humor, nin cartos, nin permiso de queima, para facer grelladas, os seus investimentos son, cando menos, anacrónicos e reiteradamente desaxeitados. Así mesmo, as comunidades de montes deberan reflexionar sobre a pertinencia das obras que se executan co seu diñeiro.
A comisaria de Política Rexional da Unión Europea e a secretaria de Estado de Orzamentos e Gastos (a súa correlixionaria) esixen “Menos cemento e máis coñecemento”; en Cerdedo, mallan en ferro frío.
Do timo do Sangal xa falei abondo. U-los postos de traballo? U-la parcela de monte comunal? No tocante á Escola Infantil e os parques de randeeiras, é triste realidade que en Cerdedo só figuren censados 32 nenos menores de 10 anos (fonte: IGE). Segundo imos comprobando, a redacción do catálogo dos bens culturais do recén-aprobado PXOM (que demorou unha década) semella que a fixo un can cos dentes. Na escolma dos “Ecos de prensa” aplicouse a censura. No capítulo “Promesas”, salientamos máis piche e, entre outras fantasmadas, a da “área recreativa” que, en ausencia sequera de proxecto, anúnciase botando man dos equipamentos de a saber onde. O papel ten conta do que lle poñen.
O concello de Cerdedo arrastra un problema que require urxente solución: a perda de poboación (a forza vital, a razón da súa existencia). Enfastía comprobar como, allea á realidade, a xestión municipal, moi dada á megalomanía, obcécase no ancheamento de estradas (infrautilizadas), na construción de avenidas, rotondas, viadutos, variantes... A burro morto cebada ao rabo. A campaña informativa “Máis en Cerdedo” de fomento do empadroamento é, a todas luces, ineficaz, porque non persegue os fins que enuncia, senón manter o status dunha autoridade que non predica co exemplo.
Ninguén lle discute o apoio popular, polo que tampouco se lle vai negar o mérito de levar apegado á poltrona dez anos. A maioría é quen de albiscar os seus méritos, sexa como for, todos concordamos en que o listón herdado estaba a rente do chan. 
No eido turístico, moito nos aledamos de que caese, por fin, da burra, non obstante, para implantar en Cerdedo un modelo de explotación turística sustentábel, non abonda con manter limpos os camiños. O plan esixe salvagardar a integridade dos nosos valores paisaxísticos e patrimoniais (lembre o arrebato carballicida, non esqueza o AVE que nos vén enriba), encher de contido as rotas de camiñada e dignificar todo aquilo que desexamos mostrarlles aos nosos visitantes.
Desgrazadamente, non somos un prodixio de hospitalidade. As aldeas esmorecen carentes de “horizonte”. Pedre é unha sombra do que foi. A Eira da Pena dá, literalmente, pena. Os nosos bosques son couto forestal da Celulosa. Os nosos ríos, chope das hidroeléctricas. O Museo da Pedra pouco máis ten ca a súa ambiciosa denominación. Como é posíbel que non se presentase alegación ningunha á desfeita que a liña do TAV vai causar na parroquia de Pedre? Éche o primeiro caso de abuso institucional no que os veciños afectados responden co silencio. Por algo será. Dende o Concello concédeselle máis relevancia a un “paseo biosaludable” que ao benestar do pobo e á integridade das aldeas.  
Conseguir que Cerdedo se convirta en destino turístico implica discernir a nosa singularidade, crear unha mínima infraestrutura, dotarse dun equipo humano solvente e implicar a veciñanza, fundamentalmente, a hostalaría local (en franca decadencia). Debemos, canto antes, sacudirnos o sambenito de que en Cerdedo “nada vai adiante” (vállanos de exemplo a arruinada escola de parapente). Por outra banda, constatada a súa habilidade negociadora, un plan industrializador que, de verdade, achegue prosperidade e postos de traballo, seguirá sendo unha quimera.
O colectivo Capitán Gosende leva anos traballando en prol da investigación e promoción cultural de Cerdedo e, sendo conscientes das moitas limitacións, demostrou que o sistema funciona. Os froitos da experiencia ofrécense de balde para quen os queira pór en práctica. Lémbrolle, con orgullo, unha pequena mostra do labor realizado: máis de 2.600 persoas guiadas polo monte do Seixo, a Montaña Máxica, e perto de 600 polo “Pedre milenario”. Estas actividades, desenvolvidas con humildade e sen ánimo de lucro, deixaron riqueza en Cerdedo.
O espazo arqueomítico do Seixo, convertido con esforzo e grazas á internet nun referente, segue sendo para vostedes un interesado e patético parque eólico. A montaña do Seixo abrangue cinco concellos (clónicos), así e todo, Capitán Gosende sempre fixo por priorizar os intereses de Cerdedo.
No eido das descubertas, sumamos 10 gravados rupestres e a localización de sete depósitos castrexos en Cerdedo. Moito máis non se lle pode pedir a un entusiasta voluntariado. Esta “pandillita” fai gala da súa independencia. Poderanse acadar máis ou menos obxectivos, pero, polo menos, nós non chuchamos da teta do erario nin nos moven intereses electorais. Pola contra, a súa Concellaría de Cultura, valéndose dun mausoleo infrautilizado, non programa outra cousa ca cultura enlatada.
A ponte de Santo Antonio data de época medieval, é dicir, un chisco anterior á súa chegada ao poder. Os recursos naturais e paisaxísticos, dos que tanto fachendea (e ao mesmo tempo desvirtúa), antes de figurar no seu programa, xa constaban no primeiro libro da Biblia.
En conclusión (2005-2015): 10 anos máis, uns 500 cerdedenses menos.
.
.
.