22/4/15

"O RÍO DOS GAFOS TEN MÁIS QUE CONTAR CA MOITAS NOVELAS SUPERVENDAS"

.
.
.
.
.
.

ENTREVISTA (“Pontevedra 4 costados”-Faro de Vigo, 21-4-2015)

1.- Viene de presentar la segunda edición del libro “O río da memoria. Cartafol do río dos Gafos”. ¿Sinónimo de que ha tenido una gran aceptación?

Se os amigos de Vaipolorío están satisfeitos, eu estou satisfeito. Dende logo, non se pretendía escribir un best-seller, malia que o río dos Gafos teña máis que contar ca moitas novelas supervendas. A acollida do libro por parte do público e da crítica especializada foi moi agarimosa. Humildemente, non se pode pedir máis, só expresar o meu agradecemento.
            É unha sorte que se esgotase a primeira edición, pois, posibilitou que Vaipolorío, entidade promotora, recuperase o investimento e, asemade, consonte a súa liña de actuación, déuselles a coñecer outra fasquía do río aos pontevedreses. Mel sobre filloas.
            Cómpre salientarmos o apoio da editorial Morgante e o das librarías Paz e Follas Verdes, puntos de venda na cidade, que, nun xesto que as honra, reintegran na súa totalidade o prezo do libro á asociación.


2.- Para el que todavía no haya podido leer la publicación, ¿qué nos podemos encontrar en este libro?

“O río da memoria” é unha viaxe de 225 anos (1745-1970) pola intrahistoria de Pontevedra, un roteiro fascinante no que o Gafos asume, sen pretendelo, o rol de cicerone, un moi particular narrador homodiexético. O libro válese, fundamentalmente, das referencias que a prensa dos séculos XIX e XX fai do río dos Gafos, o río dos leprosos.
Os xornais de entreséculos, aínda que orfos de ilustracións, achégannos información de primeira man sobre o río, a súa paisaxe e a súa paisanaxe. En ausencia de imaxes, botouse man da valiosísima herdanza dos célebres fotógrafos pontevedreses: Zagala, Novás, Pintos... Esta combinación de ingredientes deu como resultado un volume sabedeiro para calquera padal, ameno e de doada consulta. Como ben sinalou a crítica, nesta nosa pequena historia, teñen cabida os persoeiros e a xente do común, a vida cotiá e os grandes acontecementos, o anecdótico e o transcendente, os feitos e as desfeitas. 


3.- Creo que no es el primer libro que escribe sobre el Gafos. ¿Tanta historia esconde?

En 2009, co apoio de Vaipolorío e o Concello de Pontevedra, saíu do prelo “Andar primeiro de río. Inmateriais do río dos Gafos”. Esta chiscadela a Cunqueiro, amais de abordar o asunto da microtoponimia ribeirá, fornece os amadores da nosa cultura dun abondoso material arredor dos ríos e a súa circunstancia: fraseoloxía, cantigueiro, refraneiro e adiviñanceiro, contos e lendas. Se están interesados, a asociación aínda conserva algún exemplar.
            Di unha copla que “Mentres avante o río, non serei pedra dormente nin tallamar abatido...”, é dicir, mentres o río dos Gafos suque os predios da Boa Vila, seguira sendo escenario do noso acontecer e do traballo edificante dos de Vaipolorío. O río dos Gafos (ou de Tomeza) é, xaora, eterna e muda testemuña do evoluír de Pontevedra: primitivo asentamento, castro, aldea, vila, cidade. O río espella no relanzo das súas augas o bulir da comunidade que, xacando, escolleu instalarse á súa beira, ao amparo da súa madre nutricia.
            É a nosa obriga devolverlle a dignidade ao río, preservar a súa integridade. Non hai fin máis meritorio que legarlles aos nosos descendentes un río libre de todo aquilo que o denigra.


4.-Cuentan que la historia del río se escribe en mayúsculas cuando se trata de atestiguar la transformación del municipio.

O río dos Gafos deu conta da chegada do ferrocarril a Pontevedra e aturou calado o proxecto de levar o tren a Marín por riba do seu curso baixo. O río tamén se dispuxo a ser sobrevoado polo enlace da autoestrada que se pretendía conectar coa avenida de Montero Ríos.
            O río dos Gafos viviu (mellor, padeceu) a transformación do litoral pontevedrés: as manobras de resucitación do peirao da Moureira, os recorrentes aliñamentos da súa embocadura, o desaforo inmobiliario da beiramar, os reenchidos da ría...; a maiores, a transgresión das súas servidumes e o seu cubrimento por mor da desaxeitada urbanización de Campolongo. De obrigada lectura, o proxecto que en 1933, deseñou Bermúdez de Castro para este ensanche da cidade. Mágoa que caese no esquecemento.
            No positivo, o Gafos e os seus afluentes seguen achegando a súa auga á terra de labor e seguen propulsando os aparellos de moenda construídos nas súas ourelas, fariña coa que se elaborou o pan que alimentou a xeracións e xeracións de pontevedreses. As reconcas verdecentes do Gafos agocharon e agochan a maxia da tradición, o namoro e a xogueta e, a pesar das moitas ameazas, ofrécennos de balde o espectáculo da biodiversidade.
            O río dos Gafos deunos de beber e de comer e, agora, ameniza o noso lecer ambulatorio. A nosa débeda é impagábel.  


5.- El mérito de que la villa -y sus habitantes- tuvieran fama de limpios era del río dos Gafos. ¿Eso es cierto?

Hai uns meses, respondendo outra entrevista, fixen fincapé na relevancia social das desaparecidas lavandeiras, mulleres que durante séculos integraron a paisaxe do Gafos. Estas heroínas anónimas, arrostrando a friaxe e o cansazo, entregáronse a unha angueira tan indispensábel coma mal paga, colaborando decisivamente na hixiene de Pontevedra e dos pontevedreses. Se a cidade e os cidadáns arrecendían a limpo, foi grazas á auga do Gafos e ás atafegadas lavadoras humanas, axeonlladas día tras día encol das laxas ou das súas táboas de lavar. Ao parecer, esta idea foi do agrado dalgunha empresa de ambientadores. Ben está.
Postos a erixir estatuas, as lavandeiras do Gafos, as encantadas e as de carne e óso, ben merecen unha homenaxe.


6.- ¿Confía en su recuperación total?

O saneamento integral do río dos Gafos, de todos os nosos ríos e rías non é só unha obriga moral e política, é unha necesidade perentoria. O lixo non se pode ocultar indefinidamente baixo a alfombra das canalizacións ou dos emisarios submarinos, daquela, urxen medidas eficaces para tratar de xeito integral o noso refugallo. Reciclar e depurar deben ser prioritarios, a súa omisión afecta a sáude pública; respectar a natureza redunda no noso benestar físico e psíquico.
Somos conscientes de que espelir a inercia da xente é un labor lento e dificultoso, pero, como aconteceu coa peonalización, as cousas ben feitas ben parecen. A xestión do ben común debe valerse da pedagoxía. Cómpre seguir avanzando neste modelo de cidade saudábel. Clausurar Ence, liberar o Gafos do cadaleito de Campolongo e exoneralo da súa condición de sumidoiro son tarefas pendentes que, antes ou despois, se levarán a termo. Vaipolorío e os seus activistas axudarán a acelerar o proceso. 


7.- ¿Siguen organizando rutas para conocer el patrimonio que luce en los alrededores del río?

A responsabilidade de guiado e interpretación da ribeira do Gafos e do seu tesouro cultural e ambiental compételles, por méritos propios, aos voluntarios de Vaipolorío. Eu, na medida das miñas posibilidades e mentres haxa folgos, estarei ao seu dispor para o que necesiten.
.
.
.

17/4/15

CAPITÁN GOSENDE DESCOBRE UN PETRÓGLIFO EN LAXOSO (QUIREZA)

.
.
.
.
.
.

O domingo 12 de abril, o colectivo cerdedense Capitán Gosende descubriu, no monte de Laxoso (Quireza), perto da estrada PO-7102, na cimeira dun outarelo (506 m) situado á dereita do vial (dirección norte), un novo gravado rupestre. O petróglifo, que non consta no catálogo de Patrimonio, localízase a uns 850 m, ao sueste, da cimeira do Coto do Corvo (599 m).
            Así mesmo, o petróglifo sitúase a uns 235 m, ao sueste, dun depósito calcolítico, catalogado por Patrimonio como “Asentamento ao ar libre Coto do Corvo 1”. Consonte a descrición de Patrimonio: “Fragmentos de cerámica (14) e líticos (1). Un dos fragmentos ten decoración de tradición campaniforme”.
            No catálogo de Patrimonio tamén se lle asignan á parroquia de Quireza o “Asentamento ao ar libre Coto do Corvo 2”, a “Mámoa 1 do Coto do Corvo” e a “Mámoa 2 do Coto do Corvo”, malia que, segundo os nosos cálculos, todos tres sitios se localizan na parroquia de Sabucedo (A Estrada). Estes depósitos arqueolóxicos sitúanse a 160 m, 255 m e 265 m de distancia do petróglifo, cara ao nordés. É tarefa pendente corrixir o capítulo arqueolóxico do PXOM de Cerdedo (2014), xa que este documento os localiza aquén das nosas fronteiras.
            O novo achado foi bautizado, provisionalmente, co nome de “Petróglifo do monte de Laxoso” (coordenadas.- X: 547.309; Y: 4.714.850). A laxa inscrita, que presenta signos de rotura ou extracción, conserva un agrupamento incompleto de 6 coviñas e media. A meirande acada os 12 cm de diámetro e a máis pequena, os 5 cm.
            A carón do conxunto de coviñas, na prominencia granítica que coroa o outarelo, cremos albiscar un motivo podomorfo e un risco en forma de “u” ou ferradura (quizais, moderno).  
            Cómpre salientar tamén que, segundo as coordenadas adxuntas, as catro mámoas que o PXOM de Cerdedo nomea “Marco do Feal 1”, “Marco do Feal 2”, “Marco do Feal 3” e “Marco do Feal 4” non se atopan na parroquia de Quireza (Cerdedo), senón na de Codeseda (A Estrada). Pola contra, dúas mámoas, dun agrupamento de cinco, da zona Marco do Feal (no linde das parroquias de Quireza e Codeseda, a uns 200-250 m ao sueste das anteriores e a uns 250 m ao noroeste do cimo do Coto do Corvo), visitadas o pasado domingo día 5 de abril, si se localizan en Cerdedo e non están consignadas en parte ningunha.
            Coa descuberta do petróglifo do Coto do Corvo, o colectivo Capitán Gosende anota na súa conta o décimo cuarto gravado rupestre (10 gravados, en Cerdedo) e e o patrimonio arqueolóxico cerdedense acada a cifra de vinte e cinco petróglifos (tres, aínda sen localizar).
.
.
.

5/4/15

CAPITÁN GOSENDE DESCOBRE SEIS CASTROS EN CERDEDO (e II)

.
.
.
.
A beleza agochada do castro das Cercas, entre os ríos Lérez e Freixeira (Parada).
.
.
.
Óvalo da Roda da Ameixoada (Figueiroa). Á dereita, o río Lérez e a central hidroeléctrica.
.
.
.
No centro da imaxe, albíscase o óvalo do castro de San Bernabé e mais a capela. Á esquerda (inf.), a aldea.
.
.
.


Dende a ponte Parada, sobre o Lérez, catalogada por Patrimonio como medieval (arco de medio punto), cómpre avanzar cara ao norte e vadear o río da Freixeira polos pasais. Deixaremos á esquerda a insuíña que forma o Freixeira na súa embocadura. Alí onde amece no Lérez, áchase o rochedo coñecido por Cortello das Cabras, adobiado coa lenda da Moura. Relanzo de muíños.
Xa na outra beira, seguiremos o camiño que ascende pola lomba oeste do outeiro até albiscar, á dereita, o planalto no que se estende a croa do castro. O valo defensivo da croa das Cercas debuxa un cuarto minguante de lúa (superficie semielíptica). O lado recto acada unha lonxitude de 190 m. O largo máximo (raio) é de 115 m. A área resultante é duns 17.000 m2. Tomando o camiño como estrema, unhas corenta parceliñas dividen a croa e o terreo adxacente.
A poñente, as lombas do outeiro das Cercas descenden até o leito do río Lérez. Cara ao sur, abéiranse ás cinco reconcas do río da Freixeira. Ao nacente, en acusadísima pendente (que acada porcentaxes de verticalidade), baixan até o Freixeira (castro en interfluvio). A distancia horizontal entre a croa e a madre do Freixeira é de 50 m. O desnivel, duns 25 m. As ilustracións permítennos comprobar como, por mor da inexpugnábel orografía, aqueles canteiros bimilenarios aforraron a construción da muralla de cara ao nacente. O castro das Cercas figura no catálogo de Patrimonio e no PXOM de Cerdedo (2014). O lugar adobíase coas lendas da Cova dos Mouros (arca de ouro, de prata e de millo miúdo) e do Forno de san Martiño (abrigadoiros rupestres).
A silueta do castro das Cercas lémbranos a feitura de Dún Aonghasa, a coñecida fortificación irlandesa da Idade do Ferro, localizada en Inishmore (Aran Islands). O castro das Cercas ábrese cara ao cavorco do río da Freixeira, Dún Aengus cara ao cantil do Atlántico. O castro irlandés recibe a visita de milleiros de turistas ao ano. En Cerdedo, o castro das Cercas non está nin sinalizado. Vergoñento.
A maiores, o colectivo Capitán Gosende informa a autoridade da existencia doutros cinco depósitos castrexos (non catalogados por patrimonio nin consignados no PXOM). Tres deles, na parroquia de Cerdedo; un, na de Figueiroa e outro, na de Quireza. Tomen nota: castro de Cernados, Castro dos Aghorvellos e Castro de San Bernabé, en Cerdedo; Roda da Ameixoada, en Figueiroa e O Castriño, en Quireza.
A Roda da Ameixoada e O Castriño xa se recollían na Carta arqueolóxica do concello de Cerdedo (2009). O Castriño localízase á beira do camiño que une os lugares de Mamoalba e Fondós. Nas proximidades do Castriño, acháronse dous fragmentos dun muíño navicular (Faro de Vigo, 22-4-2012). Bótanse en falla no PXOM e seguen sen figurar no catálogo de Patrimonio.
Ao sueste da parroquia e lugar de Figueiroa, na estrema coa de Cerdedo, localízase a devandita Roda da Ameixoada, un recinto murado oval de 165 m x 70 m (superficie: uns 9.000 m2). O coto da Ameixoada atópase a 418 m de altitude. Cara ao nacente, discorre o río Lérez (60 m de desnivel). En Faro de Vigo (2-12-2012), barallabamos a posibilidade de que se tratase dun curro prehistórico. Así mesmo, en Faro de Vigo (23-9-2012), adiantabamos a existencia do Coto da Roda, no linde interparroquial Parada-Castrelo. O depósito arqueolóxico do Coto da Roda deulle nome á parroquia de Castrelo que integrou o concello de Cerdedo e, hoxe, pertence a Forcarei. Acháronse en superficie escouras de fundición. O sitio do Coto da Roda figura na listaxe patrimonial do PXOM de Cededo (2014).
Consonte o material ortofotográfico que manexamos, sinalamos como máis ca probábeis o castro de San Bernabé, o castro dos Aghorvellos e o castro de Cernados. Nunha visita recente (Faro de Vigo, 14-9-2014) á aldea de San Bernabé, identificáronse en superficie, nos arredores da ermida, os restos doutro muíño barquiforme.
Finalmente, fronte á Roda da Ameixoada (cara ao sur), na outra banda do Lérez, localízase o castro dos Aghorvellos (tense noticia do achado dun muíño circular, depositado xacando no Museo de Pontevedra). Fronte ao castro de Arén (cara ao norte), na outra banda do río do Castro, atópase o castro de Cernados. O río do Castro, afluente do Lérez en Cerdedo, malia discorrer entre castros, escolleu o de Montes (san Miguel de Presqueiras-Forcarei) para identificarse. Sobre o depósito arqueolóxico do castro de Montes, a mitra compostelá ergueu, en época medieval, unha fortaleza que foi residencia dos xuíces meiriños e centro administrativo da bisbarra. Derrubada cando a revolta irmandiña (séc. XV), encol dos seus vestixios construíuse, no século XVII, unha capela baixo a advocación da Nosa Señora do Castro.  
Con esta media ducia de descubertas, o número de xacementos castrexos existentes en Cerdedo acada a cifra de dezanove. Eis a relación por parroquias: Castro: Castrodiz. Cerdedo: castro de Arén, Castro Segón, castro de Cernados, castro dos Aghorvellos, castro de San Bernabé e Castro Grande. Figueiroa: castro de Vilar e Roda da Ameixoada. Parada: Coto da Roda, castro das Cercas, castro da Mouteira e castro do Pego. Quireza: Roda do Castro, castro de Abaixo, O Castriño e Os Castrelos. Tomonde: castro de San Cibrán e Coto do Castro.
Campo Lameiro e Cotobade beneficiaranse dos 6’5 millóns de euros de diñeiro público que Fomento e a Deputación van investir na recuperación e mantemento de 23 castros da provincia. Cerdedo a velas vir.
Descoñécese canto nos custou aos contribuíntes sufragar a elaboración do capítulo arqueolóxico do PXOM. O colectivo Capitán Gosende fixo este traballo de balde. 
.
.
.