13/9/15

OS DRAGÓNS DA TERRA DO MEDIO - Faro de Vigo (13-9-2015)

.
.
.
.
.
Os dragóns de Cerdedo (ilustración de Nan Vaz).
.
.
.

Moito antes de que os nenos de cidade descubrisen a existencia dos dragóns nos libros de Tolkien (1892-1973), os nenos de Cerdedo xa sabían que, nunha agochada peneda do monte do Sangal, nomeada O Embigo do Becho, vivía prisioneiro un fabuloso dragón –o Becho– que, até a súa reclusión, sementara o pavor pola comarca.  
            A bisbarra de Montes coñecíase no antigo co nome latino de montes Metae (“os montes da Meta”), sendo “Meta” a denominación dunha montaña cónica e preeminente que, canda o río Lérez, establecía a fronteira entre a Galiza (Keltia) do norte e do sur.
A Meta, a dita montaña rechamante, identifícase co monte do Seixo, contraforte setentrional da serra do Cando que, en lingua celta (*cand-/*cant-), redunda na súa orografía sobranceira. Na penechaira, os seis metros de altura da pedrafita do Marco do Vento, ergueita na encrucillada da Feira Vella (oenach), sinalou o límite das xurisdicións célticas da Artabria e da Grovia e, após, deslindou os conventus romanos de Lucus e Bracara. Salientando a súa consideración de limes, contan que, no Marco do Seixo, todos os ventos dan a volta. Nas feraces valiñas da Meta, a Terra do Medio, esparexíanse os castros das tribos metacias, os celtas da marca.
            O Becho do monte de Cerdedo é un dragón e, como todos os dragóns, unha criatura arrepiante. Non debemos confundir o Becho coa Bichoca ou co Cancodrilo (deles xa nos ocupamos noutrora nesta mesma cabeceira). A confusión é doada, pois, todos tres son seres estarrecedores, voraces e desapiadados que, procurando non cruzarse no camiño, cohabitan (ou cohabitaban) na conca do Lérez.
            O dragón do Sangal bota a durmir boa parte do ano, aletargando a súa escamenta anatomía no máis fondo dunha lóbrega toqueira. Eis o Embigo do Becho. Mentres o sol de forza espreguiza e non os seus membros, na durmideira, o comellón maxina gorentosos rabaños, carne fresca coa que aledar o bandullo. Acirrado pola canícula, o monstro acorda do seu sopor e teima en estricar a cabeza fóra do tobo.
            Antano, non se aviña a couto ningún e, abandonando o buraco, despregaba a súas enormes ás morcegueiras e chimpábase lomba abaixo para remontar o voo e sucar o ceo de Cerdedo coma grácil tartaraña. A envergadura do dragón do Sangal facía vir as sombras á terra. Mesmo así, para que nos entendamos, un espécime é o Becho e outro moi distinto, o paxaro Aighoto, colosal rapina que escolle o poio da Penadaigha, pedrestal do monte do Seixo, para esculcar e lanzarse ao baleiro.
Con chío estridente, reclamaba o dragón o seu tributo cadaneiro: unha moza casadeira, un xato de rubia galega, uns roxelos de leite (outros tesmuños elevan o imposto a trinta animais con cornos ou a trinta cornos canda os seus respectivos animais).
            De non lle cumprir o antollo, o dragón trousaba unha escaldante labarada que chamizaba a eito quinteiros, colleitas e arboredos.
            Contan que san Xoán, baril cabaleiro chegado de afastadas terras, ofreceuse para redimir o pobo de Cerdedo da súa maldición.
            San Xoán fíxolle a espera ao saurio terríbel, atraéndoo co engado dun año acabado de nacer. O Bautista, pé en terra, enfrontouse á besta voadora nun combate que tivo por escenario as leiras que despois nomearon San Xoán, varcias lerezás sitas na entrada de Cerdedo segundo se vai de Pontevedra.
            O santo, homiño pequecho malia que destemido, contivo a serpe alífera valéndose dun fachón, mentres no colo gardaba das enlaricadas fauces a coitada ovelliña, tal e como o canteiro Xosé Neto o representou entre as dúas torres da igrexa parroquial.
            A por de pasar o fachizo unha e outra vez polos fociños do malvado, foino arrecunchando en recuada até a boqueira do seu cubil que atoou con grandes pedras. Avíndose á etimoloxía do seu nome, o paladín non lle deu morte ao Becho, antes ben, deixoulle unha reganduxa para que puidese respirar.
O pobo fixo punto da estratexia e, ano a ano, cadrando coa efeméride do San Xoán, os aldeáns prenden innúmeras fogueiras para conmemorar a fazaña do seu valedor e, asemade, para lembrarlle á fera encarcerada que non perde ren ficando onde está.
            A peneda do Embigo do Becho localízase na face norte do monte de Cerdedo, polo camiño da Cubeliña adiante; verea nemorosa de seu que o Concello, tras chantarlle dous bancos e un caldeiro do lixo, recualificou como “paseo biosaludable” e que o tren de Madrid (un dragón dos tempos modernos) a fará desaparecer ao seu paso. Maldita ignorancia. 
En setembro de 1985, TVE pretendeu atraer a atención dun rapaciño de Pontevedra que pasaba os veráns en Cerdedo (coa orella posta), estreando unha serie de debuxos animados en cuxa cabeceira soaba: “Dragones y mazmorras, un mundo infernal, se oculta entre las sombras la fuerza del mal...”. Érache voa!!  
O dragón, inquilino forzoso da canfurna do Embigo do Becho, non gozaba en exclusiva do espazo aéreo de Cerdedo, pois, tamén é sabido que no lugar de Arén, no alborecer do monoteísmo, o arcanxo san Miguel, por mandado de Deus, pechou outro dragón no alxube da capeliña do castro.
            O arcanxo, acoirazado guerreiro dotado de apéndices alares, bateuse nas alturas coa coca septicéfala cospelume, e a batalla debera figurar nos anais da aviación de combate.
            Anxo e dragón, enleados na contenda, trucáronse até a extenuación, trazando no ar mil e un bucles e cabriolas: o infante celeste, procurando esquivar o alento pelante do dragón; o soldado do averno, caneando a fendedora espada de luz do seu opoñente. 
            A sorte da batalla decantouse do lado do san Miguel, mais, coma no caso anterior, foi lide sen morte. O dragón de Arén, indultado, acabou preso no rocho da capela, ao coidado de sete cadeados (un para cadansúa cabeza). Encol dunha peaña da parede sur do templo de Arén consérvase, tallado en pedra, un fotograma daquel episodio bélico: o Arcanxo, apolíneo, impásibel, lanceiro e fiel contraste, tripa e atravesa a diabólica criatura coa man esquerda, ao tempo que, coa dereita, pesa un lote de almiñas.
            O san Miguel, así que lle deu a derradeira volta á derradeira chave (sete cadeados de sete voltas), pronunciou ofegante aquilo de “Quis ut Deus?” que, en román paladino, vén significar “Quen coma Deus?”, e no vervo xido, traduciríase por “Quenvius comius Queico?”. O dragón, repregándose, seica refungou: “O mundo volverá saber de min”.
            O invicto xeneral dos exércitos anxelicais, receando das artes do demo, ocultou as chaves en sete postorios diferentes, esparexéndoas pola contorna. E aínda que a operación foi considerada alto segredo, o paradoiro das chaves, non sabemos como nin por quen, foi revelado. “Tres poderían gardar un segredo se dous deles morresen” (B. Franklin).
Segundo M. Azaña, “en España o mellor xeito de gardar un segredo é escribir un libro” e, xa que logo, preservando o arcano do gran público, deste xeito precisei a xogada no Almanaque de encantos (2005):
No pío da fonte do San Miguel, o Arcanxo guindou a primeira das sete chaves que fecha o alxube no que recluíu o dragón das sete cabezas. A segunda chave gardouna baixo unha tella do muíño do Bico. A terceira, so un dos peares do pasadoiro do Souto, no río do Castro, aquel sinalado coa marca J F “Xuízo Final”. A cuarta chave chimpouna ao pozo da Torre, no mesmo río. A quinta colgouna da carranca do Turco da Pilara, can fero escorrentador de franceses, e a sexta chave pousouna tras a pedra armeira dos arencos (escudo da casa de Elsita). Da sétima, deixou dito que se as forzas do mal a arelaban, terían de saber ler nas inscricións dos muros da capeliña que abeira a súa imaxe, na aldea de Arén: calvario e minguante.
            Así como o dragón do Embigo do Becho segue amodorrado no Sangal, desconfíase que o dragón de Arén liscou para alén do Seixo, achando acubillo na provincia de Ourense onde teñen aumentado exponencialmente as prácticas piromaníacas.
            Son acérrimo defensor dos viventes cos que compartimos o orbe, non tolero can pola cadea, e non nego tampouco o meu natural falcatrueiro, porén, prométolles que eu non ceibei o dragón de Arén. Eu non fun.
            Honrando estes contiños de dragóns que arrequeceron o leite co que me fun criando, bauticei o meu blog co nome de O Embigo do Becho. Revélolles con gusto estoutro segredo porque, sete anos despois, a miña bitácora persoal na que publico cousiñas de Cerdedo acadou xa as 100.000 visitas. Moitas grazas pola súa curiosidade.

.
.
.

11/9/15

CAPITÁN GOSENDE DESCOBRE UN PETRÓGLIFO EN VILARCHÁN (QUIREZA)

.
.
.
.
.
.

O domingo 30 de agosto o colectivo Capitán Gosende deu cun novo petróglifo a medio camiño entre as aldeas de Vilarchán e Fondós (parroquia de Quireza), no lugar coñecido por As Mámoas.
O gravado rupestre (coordenadas: X: 545.717; Y: 4.711.502) localízase a uns 50 m da estrada PO-7102, dirección Vilarchán, agochado no seo dun eucaliptar que, canda a matogueira, cobre un outeiriño que acada os 381 m de altitude. Para a súa descuberta, contamos coa axuda de Carlos Valiñas, ilustre veciño de Vilarchán, que nos guiou até o cotarelo na procura de vestixios megalíticos.  
O “petróglifo de Vilarchán” ou “petróglifo das Mámoas” (sobre filloas, mel) áchase a uns 600 m ao sueste do depósito arqueolóxico do Castriño, en cuxas proximidades se atopou un muíño barquiforme (léase Faro de Vigo, 22-4-2012); a uns 900 m ao sueste do gravado rupestre de Fondós (descuberto por Capitán Gosende hai unhas semanas (léase Faro de Vigo, 11-8-2015); a 1 km ao nordés do xacigo tumulario de Mamoalba, e a perto de 2 km ao noroeste da cimeira de Castrodiz (631 m). Ben seguro, dada a súa orientación, o artista prehistórico tallou a inscultura fitando o pico de Castrodiz, o horizonte montañoso no que raia o amencer.
A zona denominada As Mámoas é unha pequena prominencia rochosa cuberta na súa meirande parte pola vexetación: arboredo e monte baixo. Descoñecemos o paradoiro das medoñas, mais, na lomba de levante, faise visíbel unha lousada duns 40 m2 de superficie (pedra de gran groso) que, malia os efectos da erosión e do labor extractivo, aínda conserva unha mostra da simboloxía ritual dos “cerdedenses” de hai 4.000 anos.
O conxunto componse dunhas 13 coviñas de tamaños diversos. Contemplando o panel na dirección leste-oeste, apreciamos, no recanto superior dereito, dous círculos concéntricos con foquiña central e apéndice. No recanto inferior dereito, observamos outra coviña con apéndice, contida nun círculo.
Desculpen o meu arrouto de inmodestia, mais, cómpre facer balance. Na compaña do colectivo Capitán Gosende, quen escribe expresa o seu orgullo e contentura por descubrir, en Cerdedo, 15 gravados rupestres: o petróglifo da Cerqueira (Biduído-Cerdedo), os petróglifos do Monte de Baixo IV e V (Limeres-Cerdedo), o petróglifo da Laxa das Filloeiras (Pedre), o petróglifo da Laxa do Sangal (Cerdedo), o gravado (histórico) do muíño de Herdeiros de Baixo (Abelaíndo-Cerdedo), o petróglifo do Outeiro da Bichoca (Chamadoira-Cerdedo), o petróglifo do Outeiro de Riba (Buduído-Cerdedo), o petróglifo de Carballás (Cerdedo), o petróglifo do monte de Laxoso (Quireza), os petróglifos do Outeiro da Corva I e II (Pedre), o petróglifo da Porteliña (Tomonde), o petróglifo da Lomba de Castrodiz (Deán-Figueiroa) e, agardamos que non sexa o último, o petróglifo de Vilarchán (Quireza).
Polo que respecta ao concello da Estrada, sumen os petróglifos do Outeiro da Pena I, II e V (Sabucedo), que fan un total de 18 na miña conta persoal.
Pola súa banda, o colega Anjo Torres anotou no seu haber o petróglifo de Fondós (Quireza) e o petróglifo do Outeiro da Pena IV (Sabucedo) que elevan a 20 os gravados rupestres descubertos por Capitán Gosende naquel territorio. Como di o compañeiro Xoán Soto: “E coa cana pescando”.

Faro de Vigo-Terra de Montes (9-9-2015).

.
.
.

5/9/15

"A CONXURA DOS GOSENDE. RETRINCOS DA INTRAHISTORIA DE CERDEDO III" - Presentación na Estrada (4-9-2015)

.
.
.
.
.
 .
.
 .
.
 .
.
 .
.
 .
.
 .
.
 .
.
 .
.
 .
.
 .
.
 .
.
 .
.
.

27/8/15

SALVOCONDUTO DE CAPITÁN GOSENDE

.
.
.
.
Ilustración: Santiso & Nanvaz - Texto: C. Solla
.
.
.

"OS DOCE TRABALLOS DE CAPITÁN GOSENDE" (Folleto-guía imprimíbel)

.
.
.
.
.
.

"OS DOCE TRABALLOS DE CAPITÁN GOSENDE" - Faro de Vigo (26-8-2015)

.
.
.
.
A Pedra do Talle, A Cabeza do Mouro, A Cadeira do Rei e o petróglifo do Outeiro do Mestre.
.
.
.


Difundida a través da libérrima internet, o colectivo Capitán Gosende enxeñou este verán a campaña “Cerdedo. Descúbreo por ti mesmo”. O lema, concibido para revitalizar o turismo cultural en Cerdedo, insiste na necesidade de ofrecer unha imaxe dinámica e positiva do noso concello. A maiores, co gallo da campaña, a asociación, sen esquecer os seus roteiros xa consolidados (Padre Sarmento, Montaña Máxica, Pedre milenario, A Pantalla...), presentálles arestora unha nova actividade de lecer: “Os doce traballos de Capitán Gosende”.
            O enredo está pensado para persoas dotadas de espírito aventureiro, capacidade de superación e ansia de coñecemento. Inspirados nos doce traballos de Hércules, heroe da mitoloxía clásica, ou nas doce probas de Astérix, heroe do cómic contemporáneo, os de Capitán Gosende formulámoslles unha ducia de encomendas que se realizarán empregando a xeografía de Cerdedo e do monte do Seixo como taboleiro de xogo.
A “penitencia” non contempla matar e esfolar leóns, capturar cervos ou xabarís, nin roubar gando nin froita (aínda que a froita roubada é a que mellor sabe). A única pretensión é que, en calquera estación do ano, os nosos visitantes gocen dunha estadía enriquecedora en contacto coa natureza.
Queremos compartir con vostedes a nosa angueira, a nosa paisaxe e o noso tesouro patrimonial, sabendo que, cando o descubran, hanse converter en activos defensores da súa singularidade. Boa falta nos fai. Non somos unha axencia de turismo, porén, animámolos, xa de paso, a facer gasto nos establecementos hostaleiros da zona. En resumo, Capitán Gosende, en ausencia doutras iniciativas, postula Cerdedo como alternativa de ocio.
Recomendámoslles aos intrépidos que non emprendan esta apaixonante experiencia sometidos á ditadura do cronómetro. O concurso semella unha xincana, mais, non é unha contrarreloxo. Tómeno, xa que logo, con calma.
O reto consiste en atopar doce fitos patrimoniais e fotografarse ao seu carón para verificar a exitosa descuberta. Daquela, se a aventura se vive en solitario, non lles viría mal proverse dun “pau selfie” ou calquera dos sucedáneos artesanais. Se a aventura se desenvolve en grupo, algún dos participantes (ou o grupo) debe figurar en cada unha das doce fotos.
Superados os doce encargos, contacten co colectivo Capitán Gosende a través do seu perfil público en Facebook. Feita a comprobación, amais de recibir os nosos parabéns, farémoslles entrega do correspondente diploma acreditativo, “O salvoconduto do capitán Gosende”, carta probatoria do ousado periplo, credencial do venturoso camiñante por Cerdedo.
Completar con éxito os doce traballos non se premia con bens materiais, xa que, como di un vello proverbio chinés, a viaxe (a sabedoría) é a verdadeira recompensa.
Co aquel de facilitarlles un chisco a tarefa, anotámoslles as coordenadas aproximadas (visor SixPac) dalgunha das estacións máis arrecunchadas. O emprego de mapas ou do GPS é opcional, pois, preguntando chégase lonxe. Organicen as expedicións baixo a súa responsabilidade e con total liberdade.
No monte do Seixo, os participantes deben localizar e fotografarse xunta os seguintes obxectivos: O Outeiro do Coto, Portalén, A Cadeira do Rei e A Pedra do Talle.
Situado a 1.014 m de altitude, O Outeiro do Coto é o cume do monte do Seixo e unha das cotas máis elevadas da provincia de Pontevedra. A cimeira sitúase a uns 30 km en liña recta do litoral, polo que, con día claro, ollar o horizonte marítimo acada a condición de privilexio. Se a atmosfera o permitir, cara ao noroeste, a uns 45 km rectos, pódense albiscar as torres da catedral de Santiago. Encadren na fotografía, por exemplo, a antiga caseta da Forestal. No penedo que lle serve de alicerce, a rente do miradoiro, labrouse un petróglifo (4.000 anos de antigüidade), composto por un arco de tres coviñas disimilares.
A rechamante peneda coñecida por Portalén (coordenadas.- X: 550. 702; Y: 4.702.497) é, consonte a tradición, a soleira do Outro Mundo (Monte do Seixo. O santuario perdido dos celtas, 2008). Durante o mes de Santos, o magosto celta, o van de Portalén “actívase” e serve de pasadeiro ao Máis Alá (accédese na dirección nordés-sudoeste). Segundo a lenda, nada do visto ou do oído no alenmundo debe ser revelado, a risco de perder a voz.
A 90 m cara o sudoeste, verán a pedrafita do Marco do Vento, un monumento megalítico de 6 m de altura.
O sentadoiro pétreo nomeado Cadeira do Rei áchase no Coto da Santa Mariña (994 m, vértice xeodésico), nas inmediacións doutra antiga caseta da Forestal. O trono (coordenadas:.- X: 549.964; Y: 4.701.389) é un miradoiro avantaxado das tres rías: Arousa, Pontevedra e Vigo. Coróense reis por un día. Na fondeira, cara ao norte (a uns 650 m de distancia), dexérgase a ermida da Santa Mariña.
A Pedra do Talle (coordenadas.- X: 550.552; Y: 4.704.417) é un saínte rochoso que se acha na lomba de poñente do Castro Grande (919 m). Conforme a lenda, a Moura de loiros cabelos que habita a cova do Castro emprega a Pedra do Talle para tomarlles a medida aos seus pretendentes. O bico da pedra afástase do chan 1’85 m. Fotografarse baixo o beirado é inescusábel. 
Cos catro albos do Seixo no fardel, afronten a quenda de traballos sinalados para o concello de Cerdedo. O municipio divídese en oito parroquias. Prescríbese un fito por cada parroquia.
Na parroquia de Cerdedo, escollan a mellor perspectiva para retratarse na ponte de Arén, sobre o río do Castro. Construída durante a República polo músico e canteiro Xosé Benito García, pon en comunicación as aldeas de Arén e Cernados. Nunha das pedras do peitoril lese: “La Corporación - 1934”. No lugar de Arén, paga a pena visitar a capela do San Miguel (século XVII), edificada sobre un castro.
Na parroquia de Pedre, fotografaranse a carón dun dos cruceiros que coroan o cotarelo do San Lourenzo (O Serrapio). A capela, baixo o padroado do mártir romano, data do século XVIII. Á beira da desembocadura do río de Quireza no Lérez, érguese o Coto das Insuas, lombo no que se descubriu a pedra antropomorfa denominada O Xacente. Río abaixo, a escasa distancia, érguese a ponte medieval da Pontapedre. Congostra arriba, na aldea de Pedre, poden admirar o conxunto de hórreos da Eira Grande e a igrexa parroquial do Santo Estevo (séc. XVII).
Na parroquia de Figueiroa, acadarán o cimo do Outeiro do Mestre (coordenadas.- X: 547.989; Y: 4.710.531; alt. 605 m). Na parte superior do penedo, amais da panorámica, poden contemplar un fotoxénico gravado rupestre (4.000 anos de antigüidade). O petróglifo componse dun conxunto de círculos concéntricos. Os elementos meirandes aparecen fusionados (tipo “castañola”). Por mor da matogueira, esta excursión reviste certa dificultade.
Dende o Outeiro do Mestre, a 600 m cara ao noroeste, áchase o coto de Castrodiz (631 m), sito na parroquia de Castro. Pasado o foxo castrexo que o arrodea, perto da cima, débese identificar unha rocha que, pola súa morfoloxía, recibe o nome de A Cabeza do Mouro (coordenadas.- X: 547.628; Y: 4.711.027). Disque, a pedra figurativa é a entrada secreta ás minas de ouro da mourindade. Por mor da matogueira, esta excursión tampouco a podemos cualificar de doada.
Na parroquia de Folgoso, visitarase o camposanto da Santa María (igrexa do século XVII). Retrataranse na compaña dun esqueleto, alegoría da morte, que adobía un suntuoso panteón do escoupro do canteiro Manuel Barros. A unha carreira de can, á beira da estrada que vai cara a Parada, sitúase a ermida do Pego mais o cruceiro anexo, esculpido polo canteiro Ignacio Cerviño.
O labor asignado para a parroquia de Parada é a localización da ponte medieval sobre o Lérez, rota de arrieiros e camiño de peregrinación a Compostela. Nas inmediacións, atópanse o castro da Mouteira e o castro das Cercas. De camiño, acharán a igrexa parroquial (San Pedro) do século XVIII.
No cemiterio da parroquial de Quireza, pousarán unha flor na sepultura do defunto anónimo. Na lápida riscouse o signo da interrogación ( ? ). O templo (San Tomé) data do século XVI. Integrando un viacrucis, cómpre salientar o chamado cruceiro das Procesións (fuste helicoidal), da autoría do canteiro Xosé Ferreiro. 
Finalmente, se aínda gardan folgos, ascenderán ao monte da parroquia de Tomonde na procura dos Santos da Porteliña (coordenadas.- X: 549.943; Y: 4.714.263). Ambas as dúas figuras de cachote (o macho e a femia) empregáronse no antigo para esconxurar o trebón. Coa súa construción ou derruba, conseguíase mudar a meteoroloxía en beneficio das colleitas. Cara a poñente, albíscase o templo parroquial (Santa Mariña) que data do medievo (séc. XII).
Velaquí os doce traballos de Capitán Gosende. Ben seguro, xa están desexando botarse ao camiño. Ánimo e benvidos a Cerdedo!!
.
.
.