13/9/15

OS DRAGÓNS DA TERRA DO MEDIO - Faro de Vigo (13-9-2015)

.
.
.
.
.
Os dragóns de Cerdedo (ilustración de Nan Vaz).
.
.
.

Moito antes de que os nenos de cidade descubrisen a existencia dos dragóns nos libros de Tolkien (1892-1973), os nenos de Cerdedo xa sabían que, nunha agochada peneda do monte do Sangal, nomeada O Embigo do Becho, vivía prisioneiro un fabuloso dragón –o Becho– que, até a súa reclusión, sementara o pavor pola comarca.  
            A bisbarra de Montes coñecíase no antigo co nome latino de montes Metae (“os montes da Meta”), sendo “Meta” a denominación dunha montaña cónica e preeminente que, canda o río Lérez, establecía a fronteira entre a Galiza (Keltia) do norte e do sur.
A Meta, a dita montaña rechamante, identifícase co monte do Seixo, contraforte setentrional da serra do Cando que, en lingua celta (*cand-/*cant-), redunda na súa orografía sobranceira. Na penechaira, os seis metros de altura da pedrafita do Marco do Vento, ergueita na encrucillada da Feira Vella (oenach), sinalou o límite das xurisdicións célticas da Artabria e da Grovia e, após, deslindou os conventus romanos de Lucus e Bracara. Salientando a súa consideración de limes, contan que, no Marco do Seixo, todos os ventos dan a volta. Nas feraces valiñas da Meta, a Terra do Medio, esparexíanse os castros das tribos metacias, os celtas da marca.
            O Becho do monte de Cerdedo é un dragón e, como todos os dragóns, unha criatura arrepiante. Non debemos confundir o Becho coa Bichoca ou co Cancodrilo (deles xa nos ocupamos noutrora nesta mesma cabeceira). A confusión é doada, pois, todos tres son seres estarrecedores, voraces e desapiadados que, procurando non cruzarse no camiño, cohabitan (ou cohabitaban) na conca do Lérez.
            O dragón do Sangal bota a durmir boa parte do ano, aletargando a súa escamenta anatomía no máis fondo dunha lóbrega toqueira. Eis o Embigo do Becho. Mentres o sol de forza espreguiza e non os seus membros, na durmideira, o comellón maxina gorentosos rabaños, carne fresca coa que aledar o bandullo. Acirrado pola canícula, o monstro acorda do seu sopor e teima en estricar a cabeza fóra do tobo.
            Antano, non se aviña a couto ningún e, abandonando o buraco, despregaba a súas enormes ás morcegueiras e chimpábase lomba abaixo para remontar o voo e sucar o ceo de Cerdedo coma grácil tartaraña. A envergadura do dragón do Sangal facía vir as sombras á terra. Mesmo así, para que nos entendamos, un espécime é o Becho e outro moi distinto, o paxaro Aighoto, colosal rapina que escolle o poio da Penadaigha, pedrestal do monte do Seixo, para esculcar e lanzarse ao baleiro.
Con chío estridente, reclamaba o dragón o seu tributo cadaneiro: unha moza casadeira, un xato de rubia galega, uns roxelos de leite (outros tesmuños elevan o imposto a trinta animais con cornos ou a trinta cornos canda os seus respectivos animais).
            De non lle cumprir o antollo, o dragón trousaba unha escaldante labarada que chamizaba a eito quinteiros, colleitas e arboredos.
            Contan que san Xoán, baril cabaleiro chegado de afastadas terras, ofreceuse para redimir o pobo de Cerdedo da súa maldición.
            San Xoán fíxolle a espera ao saurio terríbel, atraéndoo co engado dun año acabado de nacer. O Bautista, pé en terra, enfrontouse á besta voadora nun combate que tivo por escenario as leiras que despois nomearon San Xoán, varcias lerezás sitas na entrada de Cerdedo segundo se vai de Pontevedra.
            O santo, homiño pequecho malia que destemido, contivo a serpe alífera valéndose dun fachón, mentres no colo gardaba das enlaricadas fauces a coitada ovelliña, tal e como o canteiro Xosé Neto o representou entre as dúas torres da igrexa parroquial.
            A por de pasar o fachizo unha e outra vez polos fociños do malvado, foino arrecunchando en recuada até a boqueira do seu cubil que atoou con grandes pedras. Avíndose á etimoloxía do seu nome, o paladín non lle deu morte ao Becho, antes ben, deixoulle unha reganduxa para que puidese respirar.
O pobo fixo punto da estratexia e, ano a ano, cadrando coa efeméride do San Xoán, os aldeáns prenden innúmeras fogueiras para conmemorar a fazaña do seu valedor e, asemade, para lembrarlle á fera encarcerada que non perde ren ficando onde está.
            A peneda do Embigo do Becho localízase na face norte do monte de Cerdedo, polo camiño da Cubeliña adiante; verea nemorosa de seu que o Concello, tras chantarlle dous bancos e un caldeiro do lixo, recualificou como “paseo biosaludable” e que o tren de Madrid (un dragón dos tempos modernos) a fará desaparecer ao seu paso. Maldita ignorancia. 
En setembro de 1985, TVE pretendeu atraer a atención dun rapaciño de Pontevedra que pasaba os veráns en Cerdedo (coa orella posta), estreando unha serie de debuxos animados en cuxa cabeceira soaba: “Dragones y mazmorras, un mundo infernal, se oculta entre las sombras la fuerza del mal...”. Érache voa!!  
O dragón, inquilino forzoso da canfurna do Embigo do Becho, non gozaba en exclusiva do espazo aéreo de Cerdedo, pois, tamén é sabido que no lugar de Arén, no alborecer do monoteísmo, o arcanxo san Miguel, por mandado de Deus, pechou outro dragón no alxube da capeliña do castro.
            O arcanxo, acoirazado guerreiro dotado de apéndices alares, bateuse nas alturas coa coca septicéfala cospelume, e a batalla debera figurar nos anais da aviación de combate.
            Anxo e dragón, enleados na contenda, trucáronse até a extenuación, trazando no ar mil e un bucles e cabriolas: o infante celeste, procurando esquivar o alento pelante do dragón; o soldado do averno, caneando a fendedora espada de luz do seu opoñente. 
            A sorte da batalla decantouse do lado do san Miguel, mais, coma no caso anterior, foi lide sen morte. O dragón de Arén, indultado, acabou preso no rocho da capela, ao coidado de sete cadeados (un para cadansúa cabeza). Encol dunha peaña da parede sur do templo de Arén consérvase, tallado en pedra, un fotograma daquel episodio bélico: o Arcanxo, apolíneo, impásibel, lanceiro e fiel contraste, tripa e atravesa a diabólica criatura coa man esquerda, ao tempo que, coa dereita, pesa un lote de almiñas.
            O san Miguel, así que lle deu a derradeira volta á derradeira chave (sete cadeados de sete voltas), pronunciou ofegante aquilo de “Quis ut Deus?” que, en román paladino, vén significar “Quen coma Deus?”, e no vervo xido, traduciríase por “Quenvius comius Queico?”. O dragón, repregándose, seica refungou: “O mundo volverá saber de min”.
            O invicto xeneral dos exércitos anxelicais, receando das artes do demo, ocultou as chaves en sete postorios diferentes, esparexéndoas pola contorna. E aínda que a operación foi considerada alto segredo, o paradoiro das chaves, non sabemos como nin por quen, foi revelado. “Tres poderían gardar un segredo se dous deles morresen” (B. Franklin).
Segundo M. Azaña, “en España o mellor xeito de gardar un segredo é escribir un libro” e, xa que logo, preservando o arcano do gran público, deste xeito precisei a xogada no Almanaque de encantos (2005):
No pío da fonte do San Miguel, o Arcanxo guindou a primeira das sete chaves que fecha o alxube no que recluíu o dragón das sete cabezas. A segunda chave gardouna baixo unha tella do muíño do Bico. A terceira, so un dos peares do pasadoiro do Souto, no río do Castro, aquel sinalado coa marca J F “Xuízo Final”. A cuarta chave chimpouna ao pozo da Torre, no mesmo río. A quinta colgouna da carranca do Turco da Pilara, can fero escorrentador de franceses, e a sexta chave pousouna tras a pedra armeira dos arencos (escudo da casa de Elsita). Da sétima, deixou dito que se as forzas do mal a arelaban, terían de saber ler nas inscricións dos muros da capeliña que abeira a súa imaxe, na aldea de Arén: calvario e minguante.
            Así como o dragón do Embigo do Becho segue amodorrado no Sangal, desconfíase que o dragón de Arén liscou para alén do Seixo, achando acubillo na provincia de Ourense onde teñen aumentado exponencialmente as prácticas piromaníacas.
            Son acérrimo defensor dos viventes cos que compartimos o orbe, non tolero can pola cadea, e non nego tampouco o meu natural falcatrueiro, porén, prométolles que eu non ceibei o dragón de Arén. Eu non fun.
            Honrando estes contiños de dragóns que arrequeceron o leite co que me fun criando, bauticei o meu blog co nome de O Embigo do Becho. Revélolles con gusto estoutro segredo porque, sete anos despois, a miña bitácora persoal na que publico cousiñas de Cerdedo acadou xa as 100.000 visitas. Moitas grazas pola súa curiosidade.

.
.
.

11/9/15

CAPITÁN GOSENDE DESCOBRE UN PETRÓGLIFO EN VILARCHÁN (QUIREZA)

.
.
.
.
.
.

O domingo 30 de agosto o colectivo Capitán Gosende deu cun novo petróglifo a medio camiño entre as aldeas de Vilarchán e Fondós (parroquia de Quireza), no lugar coñecido por As Mámoas.
O gravado rupestre (coordenadas: X: 545.717; Y: 4.711.502) localízase a uns 50 m da estrada PO-7102, dirección Vilarchán, agochado no seo dun eucaliptar que, canda a matogueira, cobre un outeiriño que acada os 381 m de altitude. Para a súa descuberta, contamos coa axuda de Carlos Valiñas, ilustre veciño de Vilarchán, que nos guiou até o cotarelo na procura de vestixios megalíticos.  
O “petróglifo de Vilarchán” ou “petróglifo das Mámoas” (sobre filloas, mel) áchase a uns 600 m ao sueste do depósito arqueolóxico do Castriño, en cuxas proximidades se atopou un muíño barquiforme (léase Faro de Vigo, 22-4-2012); a uns 900 m ao sueste do gravado rupestre de Fondós (descuberto por Capitán Gosende hai unhas semanas (léase Faro de Vigo, 11-8-2015); a 1 km ao nordés do xacigo tumulario de Mamoalba, e a perto de 2 km ao noroeste da cimeira de Castrodiz (631 m). Ben seguro, dada a súa orientación, o artista prehistórico tallou a inscultura fitando o pico de Castrodiz, o horizonte montañoso no que raia o amencer.
A zona denominada As Mámoas é unha pequena prominencia rochosa cuberta na súa meirande parte pola vexetación: arboredo e monte baixo. Descoñecemos o paradoiro das medoñas, mais, na lomba de levante, faise visíbel unha lousada duns 40 m2 de superficie (pedra de gran groso) que, malia os efectos da erosión e do labor extractivo, aínda conserva unha mostra da simboloxía ritual dos “cerdedenses” de hai 4.000 anos.
O conxunto componse dunhas 13 coviñas de tamaños diversos. Contemplando o panel na dirección leste-oeste, apreciamos, no recanto superior dereito, dous círculos concéntricos con foquiña central e apéndice. No recanto inferior dereito, observamos outra coviña con apéndice, contida nun círculo.
Desculpen o meu arrouto de inmodestia, mais, cómpre facer balance. Na compaña do colectivo Capitán Gosende, quen escribe expresa o seu orgullo e contentura por descubrir, en Cerdedo, 15 gravados rupestres: o petróglifo da Cerqueira (Biduído-Cerdedo), os petróglifos do Monte de Baixo IV e V (Limeres-Cerdedo), o petróglifo da Laxa das Filloeiras (Pedre), o petróglifo da Laxa do Sangal (Cerdedo), o gravado (histórico) do muíño de Herdeiros de Baixo (Abelaíndo-Cerdedo), o petróglifo do Outeiro da Bichoca (Chamadoira-Cerdedo), o petróglifo do Outeiro de Riba (Buduído-Cerdedo), o petróglifo de Carballás (Cerdedo), o petróglifo do monte de Laxoso (Quireza), os petróglifos do Outeiro da Corva I e II (Pedre), o petróglifo da Porteliña (Tomonde), o petróglifo da Lomba de Castrodiz (Deán-Figueiroa) e, agardamos que non sexa o último, o petróglifo de Vilarchán (Quireza).
Polo que respecta ao concello da Estrada, sumen os petróglifos do Outeiro da Pena I, II e V (Sabucedo), que fan un total de 18 na miña conta persoal.
Pola súa banda, o colega Anjo Torres anotou no seu haber o petróglifo de Fondós (Quireza) e o petróglifo do Outeiro da Pena IV (Sabucedo) que elevan a 20 os gravados rupestres descubertos por Capitán Gosende naquel territorio. Como di o compañeiro Xoán Soto: “E coa cana pescando”.

Faro de Vigo-Terra de Montes (9-9-2015).

.
.
.

5/9/15

"A CONXURA DOS GOSENDE. RETRINCOS DA INTRAHISTORIA DE CERDEDO III" - Presentación na Estrada (4-9-2015)

.
.
.
.
.
 .
.
 .
.
 .
.
 .
.
 .
.
 .
.
 .
.
 .
.
 .
.
 .
.
 .
.
 .
.
.