28/2/12

SE A ILUSTRÍSIMA MANUELA DE BARRO ME CONSIDERA UN IRMÁN, AS MIÑAS ASPIRACIÓNS ESTÁN SATISFEITAS

.
.
"Además, las coplas de esta mujer de oro fueron recogidas también por el estudioso de Cerdedo Calros Solla en el libro Cantares de Manuela de Barro, un trabajo en el que se incluyen más de un millar de obras, algunas de ellas compuestas por esta vecina. Manuela no puede disimular el cariño que le inspira este escritor, al que agradece profundamente la atención prestada. "Es un hombre que para mí es como si fuese un hermano", confiesa".
.
Faro de Vigo (27-2-2012).
.
.
.
Ligazón á nova no Faro de Vigo (27-2-2012):
.
http://ocio.farodevigo.es/agenda/noticias/nws-58052-medalla-oro-tradicion-oral-cerdedo.html
.
.
.

26/2/12

XORNADA HISTÓRICA PARA O MONTE DO SEIXO, A MONTAÑA MÁXICA

.
.
Dez anos despois de Portalén. Dez anos despois da inesquecíbel xornada na que fun agasallado cos segredos da soleira do Outro Mundo. Dez anos do Proxecto Montaña Máxica. Moita xente quedou no camiño. Os bos e xenerosos seguen canda un berrando aos catro ventos os prodixios do monte do Seixo.
Hoxe, 26 de febreiro de 2012, os Guías Turísticos da Galiza (APIT), co asesoramento do Instituto Galego de Estudos Celtas (IGEC), ascenderon as lombas do Seixo, achegáronse a Portalén, pasaron as derregas do Máis Alá, perante un solpor digno dos mellores Fisterras.
Comeza, abofé, unha nova época, ilusionante, esperanzadora. A transmisión oral, o boca a boca, perpetuará o tesouro inmaterial do noso pobo. Esta noite, antes de confiarme a Pedro Chosco, lembrarei de novo a quen todo mo contou para que todo volo puidese contar a vós. Moitas grazas. Salvemos o Seixo!!
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.

25/2/12

"ONDE AS ALMAS VAN MORRER": O mellor acompañamento musical para unha camiñada polo Seixo

.
.
Para a xornada de mañá no monte do Seixo, recoméndovos o traballo musical de "Sangre de Muérdago", en concreto o tema "Onde as almas van morrer" no que se fala da Portalén, do Marco do Vento...; unha fermosa homenaxe á Montaña Máxica. Grazas, amigos!!
.
.
.
.
.
Ligazón ao tema na web de "Sangre de Muérdago":
.
.
.
.

21/2/12

QUE FOI DA PEDRA ARMEIRA DO PAZO DOS GOSENDE?

.
.
..
.
.
Peaña onde até o ano 2001-2 pousaba o brasón dos Gosende en San Domingos (Pontevedra).
.
.
.
Gosende é un apelido de lugar de orixe. Segundo o Nomenclátor da Galiza, Gosende é o nome de catorce lugares esparexidos pola nosa xeografía: doce na provincia da Coruña, un na de Lugo e outro na de Ourense. Non existe, daquela, lugar ningún con tal denominación na provincia de Pontevedra.
.
O topónimo Gosende é un antropotopónimo, é dicir, un lugar bateado co nome do seu antigo posesor, Gaudesindo, chamadeiro de orixe latino-xermánica. Da expresión latina (villa) Gaudesindi “o eido de Gaudesindo” derivou Gosende.

.
O apelido Gosende aparece en trinta e cinco concellos galegos, acadando as máis altas porcentaxes no de Outes (A Coruña). Na provincia de Pontevedra, Gosende rendibilízase, entre outros, nos concellos de Cuntis, Cerdedo, Forcarei e Pontecesures. Os devanceiros dos Gosende de Cerdedo, fidalgos rurais, deberon aveciñar na Terra de Montes en época medieval, chegando a enseñorarse de boa parte da parroquia de San Xoán.

.
Os Gosende galegos de máis sona adscríbense a árbore xenealóxica de Frei Martiño Sarmento (Pedro Xosé García de Ceraxe e Figueiroa Gosende e Balboa Sarmento), descendente dos Gosende das Raposeiras (Meilide-Cerdedo). Sarmento, nado no pazo das Raposeiras no ano 1695, vén sendo da xunción dos Ceraxe de Augasantas (Cotobade) e os Gosende de Meilide (Cerdedo). A finais do século XVI, o tataravó de Sarmento, o capitán Gosende, comandando as milicias aldeás de Montes, acudiu en auxilio das cidades de Compostela e A Coruña violentadas pola hoste do corsario inglés Francis Drake.

.
No mes de Nadal do ano 1745, Sarmento, en tornando a Madrid tras unha frutuosa estadía de oito meses na Galiza, visita a casa patrucial das Raposeiras. Nela pernocta os días 2, 3 e 4 do devandito mes. No seu caderno de viaxe, escribe: La dicha casa grande tiene un corral con un grande arco de piedra sillería y en la clave este escudo antiguo. A seguir, o frade ilustrado reproduce o brasón familiar.
.
Nove anos despois, no diario de viaxe de 1754, recunca: mi abuelo paterno [...] Se llamaba Alonso García de Ceraxe y Figueiroa, nacido en Ceraxe, y oriundo de Viascón por el Figueiroa, familia patrona de Viascón. Mi abuelo dicho pasó a casarse a Cerdedo con María de Gosende en la casa das Raposeiras, en donde nació mi padre, casa solar del capitán Xoán Gosende, mi tercer abuelo, y cuyas armas, que subsisten en dicha casa y copié el diciembre de 745, son una grande media luna, tres luceros y cuatro globos.
.
Xosé Millán (†1936), membro da Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra, xestiona a adquisición da peza cara ao final dos anos vinte, comezos dos trinta do pasado século. Uns din que o escudo dos Gosende marchou para Pontevedra en troco de cinco pesos, outros que foi –forzosa ou non– unha doazón. Coa extracción da pedra brasonada derrubouse o arco do portal polo que se accedía ás dependencias pacegas.

.
L. F. Messía de la Cerda, no seu libro, Labras heráldicas del Museo de Pontevedra (1991), fai descrición da pedra armeira, integrante da sección lapidar do museo e posta a recado nas ruínas de San Domingos (avenida de Montero Ríos nº 1): Se trata de una piedra que es la dovela del arco de entrada a una casa; sobre la misma está grabado un escudo cortado, correspondiente a las armas del Capitán Gosende: Primero, leyenda: “Capitán Gosende”. Segundo, GOSENDE: A la siniestra una media luna “tornada”, entre sus puntas una estrella de ocho puntas. Adiestrados de otras dos estrellas de ocho puntas colocadas en palo. En jefe, en faja dos bezantes o roeles, y otros dos en la misma posición, en punta.

.
Alá polo ano 2000 ou 2001, cando preparaba os materiais para o Inventario xeral da freguesía de Cerdedo (2002), visitei as ruínas de San Domingos na procura do escudo. E alí atopei, medín e fotografei a doela brasonada do pazo dos Gosende, exposta ao fondo do recinto, arrecunchada tras o mainel da reconstruída portada de San Bertolameu o Vello, parede enfeitada cun gótico rosetón. O escudo en pedra da liñaxe gosendina pousaba enriba dun pequeno esteo.

.
No Inventario xeral escribín o seguinte: En San Domingos a peza antedita repousa sobre pedestal pétreo de feitura moderna de 74 cm de alto 22/26 cm de ancho e 21/24 cm de fondo, enfeitado con motivos vexetais e xeométricos mais a inscrición: R[everendísimo]. P[adre]. M[estre]. Fr. MARTÍN SARMIENTO. A doela brasonada posúe unhas dimensións aproximadas de 60 cm de alto, 70 cm de ancho na parte superior, 40 cm na parte inferior (achafranada) e 18 cm de fondo. O escudo (45 x 35 cm) sobresae 3’5 cm da clave.

.
Pouco despois, a pedra armeira desapareceu da súa peaña en San Domingos. Preguntei en varias ocasións polo escudo aos guías do museo, mais non houbo quen me soubera dar razón dunha peza de indiscutíbel relevancia para a historia do noso concello.
.
A pedra armeira dos Gosende das Raposeiras, devanceiros do cerdedense Fr. Martiño Sarmento e mais de Rosalía de Castro, leva unha década afastada do seu postorio, privando os numerosos visitantes da súa contemplación. Sabedores da existencia en Cerdedo dun museo adicado ao enxalce da pedra e dos pedreiros –é dicir, ao enxalce da nosa idiosincrasia–, ben farían as autoridades en preocuparse por pescudar o paradoiro deste símbolo selleiro, solicitar a súa pronta reposición en San Domingos, ou mellor, facer as xestións pertinentes para, ben como cesión, ben como depósito, custodialo no Museo da Pedra local para enriquecemento, congruencia e lustre da súa colección.

.
.
Ligazón á nova do Faro de Vigo:
.
.
.
.

18/2/12

AGARIMOSA ACOLLIDA DO MONTE DO SEIXO NO CONGRESO DOS GUÍAS TURÍSTICOS DA GALIZA

.
.
.
"SANTUARIOS CELTAS DA GALIZA"
.
FOI UN HONROSO PRACER PARTILLAR A XORNADA, ENTRE OUTROS, CON JUAN JOSÉ MORALEJO, ANDRÉ PENA GRAÑA, BLANCA GARCÍA FDEZ.-ALBALAT, XESÚS MARTÍNEZ, GUILLERMO PROUPÍN, XOÁN PAREDES, DAVID OUTEIRO...
.
O MONTE DO SEIXO, PORFILLADO POLOS APIT GALICIA E POLO IGEC. ALBÍZARAS!!
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
...E O VINDEIRO DOMINGO, DÍA 26, POLA TARDE, GUIAREMOS OS GUÍAS POLOS PREDIOS DA MONTAÑA MÁXICA.
.
.
Ligazón á web do IGEC:
.
.
.
.

15/2/12

O SÁBADO, VOLVEREMOS FALAR DO MONTE DO SEIXO EN COMPOSTELA

.
.
.
O CELTISMO, IDENTIDADE E RECLAMO: Os santuarios celtas da Galiza (Compostela: sábado, 18-2-2012)
.
.
.
.
.
Ligazón á web dos Guías de Galicia:
.

12/2/12

...E OS ARQUEÓLOGOS VISITARON O XACENTE DO COTO DAS INSUAS

.
.
.
.
.
.
.
Agradecemos a colaboración dos arqueólogos Laureano Carballo e André Pena Graña e o apoio entusiasta dos veciños de Pedre e O Serrapio.
.
.
.

11/2/12

O XACENTE DO COTO DAS INSUAS: Primeiras fotos

.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
DIMENSIÓNS (aprox.):
.
Cabeza: 45 x 40 cm
Pescozo: 6 cm de ancho
Tronco (até a prominencia inferior): 1'25 m x 60 cm
Total: 3'50 m
Pía: 1'10 m x 90 cm
.
.

10/2/12

O XACENTE DO COTO DAS INSUAS: A PEDRA ANTROPOMORFA ATOPADA NA ALDEA DO SERRAPIO (PEDRE-CERDEDO)

.
.
..
.

.

Hai uns días, empreguei as páxinas deste xornal para facelos partícipes do limbo no que esmorece a aldea do Serrapio (Pedre-Cerdedo). O máis da aldea fora expropiado pola eléctrica Fenosa alá pola década dos setenta, por mor do proxectado pantano de Dorna que, polo momento e para o noso gozo, non se consumou.

Escribín verbo da baldía destrución do poboado, verbo da indefensión dos veciños –algúns tornaron ás súas antigas vivendas, como en Chernóbil–, verbo do estado ruinoso da ponte de Pedre, verbo do esparexemento do seu patrimonio arquitectónico, verbo do conxunto do San Lourenzo (peneda, capela, cruceiros e pombal)..., e tamén lles falei do coto das Insuas.

Con estes antecedentes e advertido polo amigo xornalista de Faro de Vigo, Manuel Blanco Rivas, natural de Presqueiras (Forcarei), dexerguei Serrapio e o coto das Insuas dende a altura coa axuda do Google Maps e, seguindo as súas indicacións, fixei a vista no devandito outeiro (lat. 42º 32’ 4,50’’ N - lonx. 8º 26’ 28,40’’ W). O coto das Insuas é un outarelo pedrallento duns 100 m de diámetro e uns 8.000 m2 de superficie. Elévase uns 328 metros sobre o nivel do mar e sobrancea na pradería circunda.

.A vista de paxaro, a forma circular do coto das Insuas fíxonos pensar na existencia dun xacigo castrexo, malia que a toponimia, nesta ocasión, non o corroborase. Así e todo, o seu singular feitío, a súa selleira localización na verdecente chaira, á beira do relanzo fluvial formado pola xunción do río de Quireza e o río Lérez, empurrounos a pór o pé sobre o terreo. Na súa foz, os ríos serpean entre insuas, illotes fluviais, xustificando o topónimo.

.A primeira visita cadrou no sábado 21 de xaneiro. Percorremos o seu perímetro, ascendemos, sen moita dificultade, ao cimo; dexergamos dende alí a peneda onde se construíra, no século XVIII, a capela de San Lourenzo, a uns douscentos metros de distancia, e o coto de Antas, linde con Campo Lameiro, a uns setencentos metros cara ao noroeste; comprobamos o dano inflixido polo lume á, noutrora, mesta carballeira; fixemos punto nos valos que, aínda en pé ou convertidos en croieiras, arrodeaban o coto nas zonas de doado acceso e, así mesmo, reparamos na ausencia dos mesmos, alí onde a natureza, de seu, impedía o avance. O lugar posuía moitas das características que, ás veces, non son facilmente observábeis nos depósitos xa confirmados. Botamos toda a mañá subindo e baixando o outeiro, barallando hipóteses, establecendo comparanzas. Cansos, demos por concluída a xornada arqueolóxica, facendo promesa de investir no lugar outro quiñón do noso lecer.

.Que segredo agochaba o pedroso coto das Insuas? Que se ocultaba no seo da minguada carballeira? Cómpre lembrar que o coto das Insuas é, hoxe, como todo o terreo adxacente, propiedade da multinacional Gas Natural Fenosa, con domicilio social en Barcelona. “A nosa Terra non é nosa”.

.Din os que me coñecen que posúo un sexto sentido para atopar cousas de mérito. Co descuberto, días despois, no coto das Insuas, debo comezar a tomalo en consideración. Cóntolles.

.Transcorridas dúas semanas e, aproveitando unha viaxe ás Raposeiras, parei de novo no Serrapio. Tiña unha horiña en por min, polo que determinei repetir a ascensión á lomba. Achegueime a Pontapedre e virei á esquerda na dirección do montiño (uns cento cincuenta metros), volvín percorrer o perímetro do valado, retrocedín, accedín ao cume pola rampla sueste –como de adoito, non afastei a vista do chan, tripándoo coa axuda dun pau do que me provera.

.Nalgún momento, decidín tomar a dirección nordés, achegándome a un afloramento rochoso que xa chamara a nosa atención durante a primeira visita. Fixen un alto no sitio, decidín sentar un chisco no laxedo, á raxeira, e, mentres axeitaba o sentadoiro, ao remexer a follaxe, os meus ollos fitaron un risco cruciforme.

.Asolagado por unha primitiva emoción, comecei o labor de desbravamento co caxato, mais, desbotándoo axiña, empreguei as mans para retirar a frouma e despois a terra e o brión que cubrían aquela laxa. Canto máis aparruñaba, máis me decataba de que, outra vez, o destino me guiara ben. Diante de min, prostrado nun sono de séculos, saudaba o meu aglaio o que, despois, dei en chamar “o xacente do coto das Insuas”.

.A tosca e ríspeta figura impresionoume, mesmo infundiu en min un certo temor supersticioso. Identifiquei uns ollos, quizais uns indicios de nariz e boca, trazos dunha cabeza dolicocéfala. Algo semellante a un colar cinguía o seu pescozo. Unha protuberancia, localizada na súa parte inferior, lembroume uns pés. Unha cruz, en posición central, outra baixo a cabeza, e aínda outra a carón dos pés esconxuraban a tesa anatomía. En conxunto, a pedra figurativa do coto das Insuas evocaba a rixidez dun sarcófago exipcio ou a dun sartego mitrado.

.Non tardei en acharlle parecido cun outro pétreo antropomorfo no que pousara a miña atención na primeira visita: un cantacuco (remate do tellado) dunha casa construída ao pé do camiño de acceso á capela do San Lourenzo.

.Devecía por obter respostas. Na primeira casa da aldea, batín con xente. Formulei as preguntas de manual. Un home octoxenario faloume da existencia doutras cruces, acompañando o trazado do antigo camiño dos defuntos. Non podía ser doutro xeito, o vieiro arrodeaba o coto das Insuas en dirección ao camposanto de Pedre. A súa muller, tamén octoxenaria, lembrou a lenda da Pedra Chinada: “Disque, nunha ocasión, un home que viña polo camiño bateu cunha pedra que lle falou deste xeito: Oe, se non me dás a volta, quedas chinado [gafado]! O home ghañou medo, polo que, con moito esforzo, envorcouna. A pedra respondeulle: Xa non quedas chinado, e aghora descanso polo outro lado!”.

.De momento, puxen o achádego en coñecemento da prensa e mais daquelas amizades que lles dan valor a estas cousas e contiven a emoción para redactar este primeiro comunicado. Non tardando, organizaremos una excursión ao lugar. Tereinos informados.

.

Calros Solla

.

.

Ligazón ao artigo do Faro de Vigo (9-2-2012):
.