24/4/10

E O MONTE DO SEIXO ALBOREXOU EN AURIA




.
.

Bos días, miñas donas e meus señores. Benia a todos. Tráiolles a voz dos enmudecidos aborixes da Terra das Carballeiras, celtoindíxena son da fragosa aldea de Abelaíndo, sangue entrego luído polas augas relouqueiras do río do Seixo, enfornado co paínzo que medra vizoso nos agros do castro de Arén. Son morgado da fala patrucial e garántolles que aínda non naceu monifate quen me coutar a lingua. Gardo folgos abondos para berrar outa a miña verdade, para denunciar alí onde se me chame a batida e acurralamento da nosa xínea. Alerta, fillos de Mil, abriuse a veda e o volcán do asimilismo chospe negras bafaradas de cinza sobre a eira e o canizo, sobre o cimbro e a valiña, sobre a pelame do lobo arreguizado.

Dúas e poderosas son as razóns polas que hoxe en Auria o sol raia tras as lombas verdecentes do monte do Seixo, nestora escintilantes de chorisma. E dou grazas ao querido amigo Xosé Manuel Barbosa pola súa xentil deferencia. A primeira razón, gozosa, é a de partillar con vostedes o farto tesouro tanxíbel e intanxíbel da montaña: túmulos, pedrafitas, petróglifos, aras, vieiros iniciáticos, cidades sucumbidas, penoucos definitivos e un caldiño de lendas cociñado na lareira milenaria. A segunda, nefasta, é a de facelos partícipes da súa beleza derramada, mágoa de nós, posto que no fatídico ano 2000 o monte do Seixo, a Montaña Máxica, foi desfigurado por mor da instalación dun arrepiante enxeño eólico, argallado polas hostes da cobiza. Os señores feudais da bisbarra de Montes aconchegáranlle a porta aos raspuñeiros tratantes de vento. Nada hai de limpo neste ventimperio especulativo. Foi tamaño o espolio, tamaña a desfeita, tanto o ladroízo que non podo máis que, perante esta boa e xenerosa audiencia, amosar a miña vergoña, lamber choroso e carpido a miña deshonrosa derrota, pois non fun quen de arreporme rexamente aos malditos, non fun quen de gardar incólume o prezado patrimonio dos nosos devanceiros e, malia o día, esta eiva acompañarame mentres os meus pés batuxen vagantíos nos lameiros do mundo.

Coa elaboración deste humildoso mais sentido documentario (“Monte do Seixo. A Montaña Máxica”), o Grupo de Estudos Etnográficos Serpe Bichoca, ao que pertenzo xunta aos irmáns Joao Bieites, aquí presente, e Rafael Quintía, insuflámoslle vida a todo canto se gorecera nas páxinas do libro “Monte do Seixo. O santuario perdido dos celtas”, delongado labor de recolleita que me levou, porta a porta, até acugular o fardel da común tradición dos pobos atlánticos: o vedoiro Tecelán de Carballás que, dende o seu agocho eterno da Mámoa Ghrande, agoirou certo a fin dos tempos; a asolagada vila de Trentinán, berce da afouta Mariña, xamais nunca serva de romanos; o primitivo culto solar, fosilizado na pedreira da Cruz do Seixo; a maxestosa Portalén, soleira do Outro Mundo, peirao dos imramma de santo Amaro o peregrino e santo Ero da Armenteira; o Marco do Vento, vello deslinde da Gallaecia en tempos heroicos de Breogán; o Castro Ghrande, gabinete da moura construtora de megálitos...

Eríxese o monte do Seixo excelsa pirámide das nosas xenealoxías sagradas, aviadas en toda a súa gloria e esplendor; mostra diáfana do xermolar da cultura celta na Galiza da fin das xeografías, na terra máis antiga do mundo. Alén das humanas derregas, perpetuados no formol da tradición, ábrense de par en par as oceánicas singraduras, refolguexa a arcana inspiración de torques e trísceles, insinúanse, inefábeis, os labirintos, fúndense no horizonte increbantábeis parapetos en fasquía constelada; e todos glosan polo baixo os misterios da nosa orixe. Fincados na oufanía daquela primeira Idade de Ouro, imos acugulando no prato da balanza o acervo toponímico, o testemuño dos clásicos, as epigrafías, a arte, a mitoloxía, a xenética..., e non hai quen nos atalle por moito que o muiñeiro zune en trampear a maquía.

.Espetado o ramo no pinche, ofrézolles, á sombra do loureiro protector, os carreiros finais da “Alba de groria” do inmorredoiro irmán Daniel, requintado introito deste filme cuxo protagonista non é outro que o pobo galego quen, en habelenciosa porfía, todo dispuxo e todo nos deixou en herdo. A el, a todas as ánimas sen nome que forxaron o noso ser, vai dedicado. Dixo vehemente Castelao:

."Esas ánimas sen nome son as que crearon o idioma no que eu vos estou falando, a nosa cultura, as nosas artes, os nosos usos e costumes, e en fin, o feito diferencial de Galiza. Elas son as que, en longas centurias de traballo, humanizaron o noso territorio patrio, infundíndolles a todas as cousas que na paisaxe se amosan o seu propio espírito, co que pode dialogar o noso corazón antigo e panteísta. Elas son as que gardan e custodian, no seo da terra-nai, os legados múltiples da nosa tradición, os xermes incorrutíbeis da nosa futura historia, as fontes enxebres e purísimas do noso xenio racial. Esa moitedume de luciñas representa o pobo que nunca nos traizoou, a enerxía colectiva que nunca perece, e, finalmente, a esperanza celta que nunca cansa. Esa infinda moitedume de luciñas e vagalumes representa o que nós fomos, o que nós somos e o que nós seremos sempre, sempre, sempre".

Moitas grazas. Érgase o pano. Benvidos á Montaña Máxica.

.

Ídem en:

.