27/2/09

A lenda de SANTO AMARO o peregrino

.
.
.
Foi Amaro, un nobilísimo varón, ao parecer galego de nacemento, que, á morte dos seus pais, atopouse herdeiro dunha gran facenda.
Home piadoso e enteiramente cheo de fe
[…] polos seus ímpetos relixiosos desprendeuse de todas as súas riquezas en favor dos pobres e dos humildes…
Mandou construír forte e lixeira nave
[…] e el e a súa tripulación, despois de ben provisto o buque, lanzáronse […] en aventureira e longa expedición polos mares […] na procura do lugar do Paraíso onde moran as almas dos patriarcas profetas.
Compadecéndose Deus de tanta constancia e tan gran fe, permitiu que a nave de Amaro topase cun seguro e apracible porto nunha costa descoñecida e solitaria…
Deixou, pois, o santo no porto a súa embarcación
[…] e, ordenando aos seus compañeiros que alí o agardasen, largouse valentemente terra adentro…
Inda ben non dera comezo a súa camiñada, xurdiu ante os seus ollos agre e impoñente serra, cal se o chan lanzase á conquista do ceo…
Moitísimas foron as dificultades que lle saíron ao paso; mais logrounas vencer todas e asentou as súas plantas triunfadoras no cume máis alto.
Dende alí ollou a vertente oposta e albiscou un val ridente no medio do que se erguía un muro branquísimo que no seu centro deixaba ver unha altísima PORTA de ouro, ornamentada de pedras preciosas nas que, en múltiples e vivísimos reflexos, que ferían a vista, desfacía o sol as súas brillantes raiolas…
Chegado ao muro, co máis santo do respectos chamou timidamente na PORTA, primeiro cos cotenos e, non tendo resposta, fíxoo logo un pouco máis forte co caxado…
Tras dos ferros que a defendían, viuse aparecer o nobre rostro dun venerable vello, de longa e poboada barba branca cal folerpas…
Díxolle Amaro o seu nome e o fin que fora o norte da súa viaxe, pregando humildemente autorización para penetrar, sequera fose por breves momentos, naquela paraxe do Paraíso…
Moveuse a piedade o Santo Patriarca e, obedecendo a designios do Alto, outorgoulle o don pedido; mais non ben tiña aplicado a súa vista o devoto peregrino, ordenoulle
[…] que […] se afastase pois xa estivera mirando tempo abondo…
Todo cheo de aflición polo curto da súa contemplación deu a volta o noso bo Amaro…
Dirixiuse, Amaro, en procura da súa nave e da súa xente
[…] en troques da soidade na que deixara os seus seus, vía nas beiras do mar […] unha gran e populosa cidade, sobre da que destacaban cal raíñas e señoras, as erguidas torres dunha igrexa. Grandes fatos de xentes, o mesmo por mar que por terra, dirixíanse cara á urbe…
Ao demandar aos seus compañeiros de camiño a advocación da igrexa
[…] non quedou pouco pampo ao lle diciren que era a de Santo Amaro […] en recordo do seu santo fundador: un venerable peregrino que, chegado a aquel porto dende longas terras había uns 300 anos e no mesmo día en que se encontraban, ordenara a tripulación do buque que o levara […] que alí o agardara…
Así, Amaro, entendeu que grande é o poder e sabenza de Deus Noso Señor e como este llos mostrara no que el entendera fora tan só rápido instante.
.
González Reboredo, X. M.: Lendas galegas de tradición oral.
.
.
>>>
Fotografía 1: Portalén (monte do Seixo) no seo da néboa.
Fotografía 2: Solpor en Portalén.
.
LÉASE: Monte do Seixo. O santuario perdido dos celtas, Serpe Bichoca, 2008:
.
.
.

22/2/09

PREGÓN da IX Festa da Vincha (Cerdedo, febreiro de 2009)

.
. .
.
.
PREGÓN DA IX FESTA DA VINCHA
.
.
Que ninguén erga a voz en Terra de Montes,
que ninguén diga “teño boca”;
que non sabe un onde a ten.
.
Que ninguén dea un paso á fronte,
que ninguén se mova;
que papá del cielo llora.
.
Hei dicir o que
usté
digha que eu pense,
non hei pensar o que
usté
digha que eu fagha,
hei facer o que
usté
digha que eu digha;
trabalho que me aforra
usté.
.
Que ninguén pestanexe en Terra de Montes,
que ninguén mire o que non se poida ver;
que El-Rei leva a un preso.
.
Que ninguén acorde, antes de o ghalo cantar;
que osma na fronde o home do unto.
.
.
Viñeches ao mundo indefensa, monda, espida; investida da fealdade entenrecedora do feto temperán. Moves en min un arcaico instinto de paternidade. Devezo por comerte a bicos e, asemade, morro por che dar unhas azoutas, para que diante da fidel parroquia, rompas a chorar nun estrondoso pranto, laio atreboado que, ben se puidera interpretar: "XA ESTOU AQUÍ, CERDEDO, XA CHEGHEI!", ou tamén: "COA QUE ESTÁ CAENDO, PARA QUE CARALLO ME SACASTES DO MEU TOBO!?".
.
Vincha repoluda, mírote e remírote coma o lobo espreita o roxelo. Esculco, reparo e pregúntome de quen vés sendo, a quen demo saes. Abofé que es filla dunha esquecida divindade pagá, abofé que a túa historia está aconchegada nalgunha traspapelada teogonía. Así como Afrodita, a deusa grega do amor, naceu do esperma eslavuxado da pixalleira de Urano, do mesmo xeito fuches ti enxendrada, singularísima vincha: extirpada, inchada, pendurada, afumada, enchida, anoada, cocida e arrefecida da mexalleira do porco, animal sagrado dos antigos celtas e dos contemporáneos.
.
De non formares parte dunha mítica xenealoxía, con certeza has ser vestixio fósil da pretérita idade na que os dinosauros campaban sobre o planeta, quizais un ovo goro do estarrecedor Tiranosaurus Rex; ou endegho furtado do poñedoiro do colosal paxaro Aighoto, na lomba de Coios Brancos, farangulla máxica do noso monte do Seixo.
.
Sóbranos imaxinación, pois soñar é de balde, e agás mediar a picada letal da velenosa morte, non haberá cadeas, nin medos, nin autoridade sobre a terra que couten nin acalen a emocionada mensaxe deste, hoxe, voso namorado pregoeiro, voso humilde valedor:
.
Se algún día o meu atribulado corazón pide papas, prégovos, meus amigos, que convenzades os sabios doutores para que me sexa implantada na caixa do peito o cachazudo latexo dunha vincha de Cerdedo, e se a vincha for feita con ovos da casa, mellor que mellor. Non procuredes un reposto ao chou, non vaia ser que me toque en sorte a víscera dun malogrado partidario de Galicia Bilingüe e, ao interaccionar co meu cerebro, produza un fatal cortocircuíto. De acontecer tal malfadado acaso, agardo non me atopar lonxe do meu querido Isidro Peleteiro, co aquel de amañar con habelencia a avaría. Que non se vos pase pola cabeza chamar a Fenosa.
.
Mírote e remírote coma o usureiro cofea o seu ouro. Queda, adurmiñada á calorciña da miña man, a túa hierática maxestosidade transfórmame nun Cristovo Colón que, dende o peirao da Moureira, albiscase a atinxíbel redondeza da Terra. Con só fincarche unha cruciña no cotote, ergueito nun fornelo do altar maior, competiría en magnificencia co mesmo Deus Neno…
.
Mírote e remírote e non sei se es ou o aparentas. Ser ou non ser, velaquí o dilema. (De calquera xeito, ti sempre preferiches a SER, antes ca a COPE).
.
Oh, prezadísima vincha, requeixo muxido do sol; a túa pelella engurrada, a túa tosca anatomía dinnos que compartes un ferrado de ADN cos elefantes, cos xibardos, cos sapoconchos, coas vacalouras, cos extintos trilobites… Es, dende logo, un fósil vivente. Das túas feituras xa nos falaron os secretos petroglifos; tamén, o mestre Seoane, ao retratar as mans escravas dos nosos aldeáns. Tes nove anos e pareces unha vella.
.
E non te queren por fea, por mala moza, por esfarrapada, porque te xuntas con mala xente, porque non oes misa de doce, porque non repenicas as campás de San Xoán nin botas foghetes ao aire (porque con pólvora allea calquera fai festa). Non te estiman porque non tes papas na boca nin pelos na lingua, porque non recúas, porque non amansas, porque non vas canda os outros na procesión.
.
Aborrécente porque non colaboras a maior gloria do Nunca Ben Ponderado Capítulo Xeral da Orde da Encomenda da Serenísima Sacrosantísima e Devotísima Festa do Ghalupín Quetevín Quetestouvendo; porque non tes percha para lucir con donaire a distinguida capa española. Porque non es garota da Bahía, nin reloucas no sambódromo, nin tornas a cabra da Lexión; nin es deputada en Cortes, nin reputada personalidade, nin puta na Coruña, nin saes nas revistas do corazón, xente ghuapa toda ela, e que Dios nos conserve a vista.
.
Porén, a vincha, melindre de orfandade, vestiuna Noso Señor da súa pobreza e da súa infinita misericordia. E do mesmo prodixioso xeito que fixo andar a Lázaro, do mesmiño que multiplicou os pans e os peixes, doce Cenicienta, converteu a vexiga mexeira dun porco-marrancho nas feitiñas galas que hoxe paseas, Cerdedo arriba, Cerdedo abaixo; e non hai quen che tusa.
.
Ai, miña vincha de solteira, meu bolo bravo, meu pudin de ao pé da toxeira; ai, petisco de porta aberta, doce de achego, pastel de furto; ai, meu confeito do canaval, meu petote do monte, miña lambiscada de palleiro; ai, milfollas de peta na porta, pan do raposo, flor de tras da silveira; ai, miña filloa do vento, miña chula ventureira; meniña de azucre, sabedeira moneca do mundo; meu molete, meu miolo…
.
Se os teus duros pais non te porfillan, se o sangue do teu sangue non te recoñece, non por iso amoleghes, non por iso deixes de levedar; hano facer teus padriños. Si, mulleriña, si, teus padriños; ben sabemos que non teñen carghos, nin facenda, nin metro e medio de chan para cando morrran, mais, quérente tal como es, tal coma o mundo viñeches; galeguiños limpos e lampos coma ti.
.
Mira para eles, coitada; viñeron, estanche todos aquí, congregados á roda do teu satánico parlamento. Un ano máis, imperturbábeis, inaccesíbeis ao desalento, agardando inquedos a hora de apachocar no ceo da boca a comuñón do santo Entroido. Somos todos os que estamos, abofé, festexando gozosos o teu aniversario; e alá van nove primaveras, nove invernos xa vencidos.
.
Eu son Calros Solla da aldea das Raposeiras, miñato ceibo das esgrevias lombas do Seixo. A miña entrega liñaxe labrega e canteira érguese no val coma o xigante carballo das Revoltas e finca as súas raíces no lar dos castrexos de Arén. E xuro por Deus que non é merecente de tal honra aquel que aínda non rubiu a costa da Ghalghareta, o que non atravesou o limiar de Portalén, o que non dexergou o mar dende o coto da Laxa Mosqueira, o que non se tallou na peneda do Castro Ghrande, o que non se somerxeu na fondura abisal do pozo Sangoento. E xuro e perxuro que non ten perdón o que aínda non fixo da vincha almorzo, xantar, merenda e cea, bula e dispensa, voda e revoda.
.
Non merecen ser chamados fillos desta terra aqueles que dubidan defender con unllas e dentes a entesourada herdanza dos nosos devanceiros. Home branco falar con lingua de serpente. Alí onde se espolie, estrague, desfigure ou asoballe o meu/voso patrimonio, alí atoparedes a pantasma gherrilleira do capitán Gosende, que escorrentara os piratas da Galiza, e alí me atoparedes a min. Así caia instantáneo diante de vós.
.
Vou ir dando a despedida:
.
E coido que non existe máis acaído remate que o de brincar novamente nas barras e palleiros do pasado. Confeso que roubei froita nas hortas de Meilide: mazás na Aldea de Riba, uvas na Aldea de Baixo, urracas en Portocelos, figos no lugar da Toxa, delictos dos que non me arrepinto polo ben que me soubo o roubado; fixen arteiras cabanas na carballeira do Batán; aprendín a fumar no muíño do Rapenlo, quizais o primeiro muíño do mundo dotado de biblioteca, inda que a meirande parte dos fondos estivesen dedicados ao “desnudo” feminino; xoguei no glorioso San Xoán Fútbol Club, ao lado de Feroz, Vizocas, Corzo e o Ghrande de Cavenca, invatíbeis na rexa liga de Terra de Montes –os trofeos non nos caben nas vitrinas–; bañeime en coiros no pozo Fumeghas -ben, iso sígoo facendo-; fun ás troitas con Simal; escoitei con degoro os sabios da tribo; andei do dereito e do revés o roteiro Sarmento e o da Montaña Máxica -e podo dicirvos que o frade Sarmento sabía moi ben cal era o camiño que se debía escoller-; coñecín o monte sen os abouxadores tarabelos da Esther Koplowitz e a aldea-museo de Pedre sen as papeleiras-tambor de lavadora; vin traballar a inefábel pedra da pezoña; tintinei a campaíña de man de San Salvador; comín filloas na casa de Manuela de Barro; toquei o redobrante cos Abrentes de Cerdedo; sumeime á cruzada cultural da asociación Verbo Xido; metinme en política porque, insensato de min, pensaba que o noso enfermo aínda tiña cura; e xa no presente, fun agasallado polas Espadelas coa honra de dar lectura a este pregón, co privilexio de rezar na novena da Festa da Vincha.
.
Que máis se lle pode pedir á vida?, quizais, non deixar nada ao esquecemento, dicir sempre a verdade, devolverlle o querer aos que me queren e morrer, cando toque, con todo o sentido.
.
Esta noite hai unha fía
e mañá unha espadela;
por moito que as murmuren,
non che han poder con elas.
.
Saúde e Terra, nobres espadeladeiras, netas do Foucellas e Pepa a Loba, bisnetas da Rosalía de Cavenca, tataranetas da Eva libertaria. Terra e tempo, chan de Cerdedo. Viva por sempre (e por riba dos de sempre) a Festa da Vincha!!!!!
.
Moitas grazas.
.
[…]
.
Aínda non rematei. Despois deste pregón digno da mesmísima Escarlata O’Hara, imos merecer de verdade o xantar e a gorentosa sobremesa. Chámovos, arestora, de novo á loita. Acompañádenos a min e os magníficos Chichisos no cantar e no bailar dun pasodobre, de autor descoñecido, que leva por título: “Contra a rapina do AVE”.
.
.
Contra a rapina do AVE
(Pasodobre)
.
.
Ten conta, meu vello,
que che aí vén o tren;
cacarexa o ghoberno
que vén pró teu ben.
.
Roxe nas Españas,
alanca nos carrís;
meu probe velliño,
non podes subir.
.
Hanche tripar a terra,
a túa chouza, tamén;
en pagho pola perda
daranche un vintén.
.
Pois non ten paraxe,
Cerdedo a velas vir;
só é prós señoritos
que campan en Madrí.
.
O país pola xanela,
nun dicir amén;
o demo de ferro
non coñece a ninguén.
.
Ten conta, meu vello,
ai, ollo co tren!;
o demo de ferro
lonxe ten o rei.
.
Eu xa sei que o sabes,
e ti sabes que o sei:
o demo de ferro
lonxe ten o rei.
.
.
Calros Solla, Cerdedo, febreiro de 2009.
.
.

2/2/09

GALIZA NON SE VENDE!!

.
. .
.
Vídeo-resumo da manifa en Compostela do 17 de febreiro de 2008:
.
.
.