27/2/09

A lenda de SANTO AMARO o peregrino

.
.
.
Foi Amaro, un nobilísimo varón, ao parecer galego de nacemento, que, á morte dos seus pais, atopouse herdeiro dunha gran facenda.
Home piadoso e enteiramente cheo de fe
[…] polos seus ímpetos relixiosos desprendeuse de todas as súas riquezas en favor dos pobres e dos humildes…
Mandou construír forte e lixeira nave
[…] e el e a súa tripulación, despois de ben provisto o buque, lanzáronse […] en aventureira e longa expedición polos mares […] na procura do lugar do Paraíso onde moran as almas dos patriarcas profetas.
Compadecéndose Deus de tanta constancia e tan gran fe, permitiu que a nave de Amaro topase cun seguro e apracible porto nunha costa descoñecida e solitaria…
Deixou, pois, o santo no porto a súa embarcación
[…] e, ordenando aos seus compañeiros que alí o agardasen, largouse valentemente terra adentro…
Inda ben non dera comezo a súa camiñada, xurdiu ante os seus ollos agre e impoñente serra, cal se o chan lanzase á conquista do ceo…
Moitísimas foron as dificultades que lle saíron ao paso; mais logrounas vencer todas e asentou as súas plantas triunfadoras no cume máis alto.
Dende alí ollou a vertente oposta e albiscou un val ridente no medio do que se erguía un muro branquísimo que no seu centro deixaba ver unha altísima PORTA de ouro, ornamentada de pedras preciosas nas que, en múltiples e vivísimos reflexos, que ferían a vista, desfacía o sol as súas brillantes raiolas…
Chegado ao muro, co máis santo do respectos chamou timidamente na PORTA, primeiro cos cotenos e, non tendo resposta, fíxoo logo un pouco máis forte co caxado…
Tras dos ferros que a defendían, viuse aparecer o nobre rostro dun venerable vello, de longa e poboada barba branca cal folerpas…
Díxolle Amaro o seu nome e o fin que fora o norte da súa viaxe, pregando humildemente autorización para penetrar, sequera fose por breves momentos, naquela paraxe do Paraíso…
Moveuse a piedade o Santo Patriarca e, obedecendo a designios do Alto, outorgoulle o don pedido; mais non ben tiña aplicado a súa vista o devoto peregrino, ordenoulle
[…] que […] se afastase pois xa estivera mirando tempo abondo…
Todo cheo de aflición polo curto da súa contemplación deu a volta o noso bo Amaro…
Dirixiuse, Amaro, en procura da súa nave e da súa xente
[…] en troques da soidade na que deixara os seus seus, vía nas beiras do mar […] unha gran e populosa cidade, sobre da que destacaban cal raíñas e señoras, as erguidas torres dunha igrexa. Grandes fatos de xentes, o mesmo por mar que por terra, dirixíanse cara á urbe…
Ao demandar aos seus compañeiros de camiño a advocación da igrexa
[…] non quedou pouco pampo ao lle diciren que era a de Santo Amaro […] en recordo do seu santo fundador: un venerable peregrino que, chegado a aquel porto dende longas terras había uns 300 anos e no mesmo día en que se encontraban, ordenara a tripulación do buque que o levara […] que alí o agardara…
Así, Amaro, entendeu que grande é o poder e sabenza de Deus Noso Señor e como este llos mostrara no que el entendera fora tan só rápido instante.
.
González Reboredo, X. M.: Lendas galegas de tradición oral.
.
.
>>>
Fotografía 1: Portalén (monte do Seixo) no seo da néboa.
Fotografía 2: Solpor en Portalén.
.
LÉASE: Monte do Seixo. O santuario perdido dos celtas, Serpe Bichoca, 2008:
.
.
.

No hay comentarios: