29/1/12

O ACHADO DAS BANDEIRAS DO REXEMENTO DA UNIÓN EN SANTA CLARA (PONTEVEDRA)

.
.
AMAIS DAS BANDEIRAS DO REXEMENTO DA UNIÓN, A IGREXA DE SANTA CLARA (PONTEVEDRA) GARDABA OUTROS SEGREDOS:
.
.
..
.
.
Sheela na Gig, a deusa Moura do templo de Santa Clara
.
Moitos son os segredos que atesoura a pontevedresa igrexa conventual de Santa Clara (séc. XIV). Amais das xa amentadas bandeiras do glorioso Rexemento da Unión que, ás ordes do coronel Pablo Morillo, liberou a cidade de Vigo e defendeu vitorioso Ponte Sampaio en tempos da decimonónica francesada; amais do retablo barroco que adobía o altar mor, protagonizado pola Ascensión; amais das vidreiras da ousia, ocultas tras o retablo; amais das reliquias de san Vicente mártir (sécs. III-IV), amais da fermosa táboa da Virxe dos Desamparados..., no muro norte do edificio, sumándose á sucesión de canzorriños que sosteñen o beirado da cuberta, e ocupando unha posición central (14º pola esquerda, 16º pola dereita) unha grotesca figura exhibe coa desinhibición propia das deusas a súa hiperbólica vulva. E os ollos arelan devezosos recrearse na súa indecorosa actitude. Velaí a impúdica e desapercibida Sheela na Gig.
.
Sheela na Gig, “Xela a da gran cona”, é a denominación, cecais gaélica, da nosa Moura, a Vella, a Deusa Nai Terra dos primitivos galaicos. O seu anónimo escultor, un canteiro da décimo terceira centuria, inspirándose na tradición celta, común á Europa atlántica, labrou na pedra sustentante a singular iconografía da Moura, deidade primixenia, omnipresente no folclore galego. A exuberante nudez da muller faise acompañar, entre outras figuras (29), dun itífalo. Cremos que esta feitura da Moura é única na cidade de Pontevedra.
.
Segundo os estudos consultados, a talla pétrea de Sheela na Gig amósasenos unhas 146 veces nas Illas Británicas, tamén en Francia, Suíza, Noruega..., adobiando, as máis antigas, a arquitectura medieval. Cómpre, daquela, non esquecer a Moura do santuario galaicorromano de Pena Furada (Coirós-A Coruña), precursora na exaltación da súa feminidade, que viría ratificar o berce galego do celtoatlantismo.
.
A Moura representada na igrexa de Santa Clara, esvaecida a súa identificación coa prehistórica Deusa Nai Terra, o nume da fertilidade, a divindade que todo o prové, foi asumindo co paso do tempo funcións apotropaicas, amuleto protector contra o mal, encarnado na figura do demo. Outros, na liña do bispo de Córdoba, verían nela unha alegoría da luxuria, incitándonos, paradoxalmente, a “fuxir da fornicación”.
.
Calros Solla
.
.
Léase a reportaxe de Fernando Salgado no Diario de Pontevedra (29-1-2012).
.
.
.

8/1/12

A SOMBRA DO NEOCOLONIALISMO EN TERRA DE MONTES

.
.
..
.
ALBERTA I. A desacougante sombra do neocolonialismo en Terra de Montes
.
.
Alberta é unha das dez provincias do Canadá. O Canadá é o segundo Estado máis extenso do mundo e un dos que garante mellor calidade de vida. A provincia de Alberta, cuxa capital é a cidade de Edmonton, nomea un territorio cuadrangular con apenas 100 anos de historia, mais, grazas á súa riqueza gasística e petrolífera, converteuse nun dos máis puxantes deste país norteamericano.
.
O Canadá –hoxe, monarquía parlamentaria‒ foi colonia francesa e británica, en detrimento, por suposto, da poboación aborixe (First Nations, esquimós, métis...). A raíña británica Isabel II, como Xefa da Commonwealth, é a Xefa de Estado do Canadá. God save the Queen.
.
A rexión de Alberta foi propiedade, até o ano 1870, da Compañía da Badía de Hudson (HBC), corporación empresarial, fundada no século XVII, que, en orixe, orientou a súa actividade á caza de animais e ao comercio das súas peles, sendo, na actualidade, propietaria dunha vasta e diversa rede comercial.
.
Calgary, a cidade máis populosa de Alberta, centro financeiro do oeste canadense, acolleu os Xogos Olímpicos de Inverno de 1988. Calgary basea a súa prosperidade económica na explotación das reservas petrolíferas, na alta tecnoloxía, na agricultura e no turismo. No eido turístico, converteuse en destino vacacional preferente por mor da práctica dos deportes de inverno e do denominado ecoturismo. Nas actividades ecoturísticas prima a sustentabilidade e a preservación do medio (natural e cultural), comportando a conscienciación dos visitantes e priorizando o benestar da poboación local.
.
O ano 2002 foi considerado o Ano Internacional do Ecoturismo. En maio dese mesmo ano, celebrouse en Quebec (O Canadá) o Cumio Mundial do Ecoturismo. Algúns dos principios do turismo ecolóxico son os seguintes: fomentar respecto e consciencia ambiental e cultural, proporcionar experiencias positivas tanto para os visitantes coma para os anfitrións, xerar beneficios finaceiros directos para a conservación do medio, afortalar a participación na toma de decisións da comunidade local, bla, bla, bla...
.
Solid Resources Ltd. é unha multinacional canadense dedicada á exploración e extracción de minerais industriais raros e preciosos. Como reza a súa publicidade “exploran o futuro”, o seu futuro, por suposto. A sede central da empresa localízase na cidade de Sherwood Park (Edmonton-Alberta). Calquera pode acceder á súa web (www.solidresources.com) e alí, en primeira plana, a pouco inglés que un saiba, constatará a súa ledicia por posuíren unha concesión de case 4.000 hectáreas de monte comunal, xa prospectado (mercé a unha xenerosa subvención do Ministerio de Industria) e subsceptíbel de ser esburgado, afectando os lugares de Presqueiras (concello de Forcarei), Correa, Doade (concello de Beariz) e Acevedo, Rubillón e Taboazas (concello de Avión). Por se alguén aínda non se situou no mapa, falamos dunha zona (11 km de N a S) ao leste da xa magoada serra do Cando (monte do Seixo), incluída –non sei para que– na Rede Natura 2000.
.
Dita exciting propiedade é o buque insignia dun ambicioso proxecto empresarial que consiste na exploración (traballo case concluído) e posterior explotación (se lles convén aos explotadores) dos minerais do subsolo: estaño, tántalo (coltán), litio, niobio, cesio e rubidio; todos eles “estratéxicos” (teléfonos móbiles, computadores, armamento...), cuxa posesión desencadeou sanguentos conflitos bélicos en África.
.
Como tamén se comproba, a toponimia indíxena foi substituída –actitude común nos colonizadores de sempre‒ pola toponimia da metrópole: “Alberta I”, patria querida. O monte de Forcarei, Beariz e Avión foi rebautizado, a fin de contas, en lembranza e honra da princesa Alberta, a cuarta filla da moi británica e decimonónica raíña Vitoria.
.
Non aprendemos!!, e un non gaña para desgustos e desazos. Haberá, en Terra de Montes, autoridade que se erixa valedora do pobo? Fará alguén por explicar os efectos que a actividade mineira a ceo aberto pode provocar na saúde dos malfadados veciños? Haberá quen medite sobre o sabido “pan para hoxe e fame para mañá”? Haberá quen nos informe de algo? Créanmo, con Alberta I planando no ceo, afóndase na nosa condición de colonia parasitada, na nosa consideración de país terceiromundista. De non contar con reservas de petróleo, de non incentivar a economía agropecuaria, de non posuír industria acaída na que transformar os nosos recursos minerais, Forcarei, Beariz e Avión están obrigados a preservar, cando menos, o seu patrimonio natural e cultural, por ver de tirar rendemento ao xa amentado ecoturismo.
.
Sabían vostedes que no Canadá foron prohibidas as minas a ceo aberto por mor da contaminación e o impacto ambiental? Sabían vostedes que unha das razóns que argüe a empresa para desbaratar o noso monte e ripar os nosos recursos é que hai “boa receptividade” por mor da nosa precaria economía? De aquí ao turismo sexual hai un paso.
.
.
Calros Solla
.
.
.

7/1/12

ANO 10 DESPOIS DE PORTALÉN: A loita continúa. Salvemos o Seixo!!

.
.
..
.
.
O MONTE DO SEIXO. O irrefreábel atractivo da Montaña Máxica
.
.
Conforme leo nas miñas anotacións, no verán de 2002 –axiña fará os dez anos–, na compaña de meu pai, Manuel Solla, natural de Abelaíndo (Cerdedo), e de Manuel Vidal, orixinario de Ratel (Forcarei-Beariz), visitei a rechamante formación granítica do monte do Seixo coñecida, entre outros nomes, por A Portalén. Non era a primeira vez que pasmaba perante o singular rochedo, levo pateando o Seixo dende a recuada nenez, mais, naquela esclarecedora excursión, escoitei de novas, na pausada voz de Manuel Vidal, o testemuño que identificaba o lugar co linde do Outro Mundo, co soarego do Máis Alá.
.

Por se alguén vir doutro planeta, A Portalén do Seixo localízase na encrucillada do camiño de Coto e do camiño da feira de Doade, alí onde, de antigo, se nomeaba Feira Vella. O lugar pertence, na actualidade, aos comuneiros da Barcia do Seixo, freguesía do pontevedrés concello da Lama.
.
A estación mítica de Portalén víñase sumar á trintena de recunchos con lenda descubertos no alto do monte tras anos de recolla, porta a porta, polas aldeas da contorna do Seixo. A oportuna esculca deu como resultado o Almanaque de encantos (2005) e dúas monografías: Monte do Seixo. Reivindicación da Montaña Máxica (2007) e Monte do Seixo. O santuario perdido dos celtas (2008), todos tres libros gozosamente editados e reeditados (Ed. Morgante). Os segredos da montaña púñanse, deste xeito, en coñecemento do mundo.
.
Ao pé da Portalén, coa solemnidade requirida, o señor Manuel contou o inveterado costume aldeán de acudir á peneda no mes de Santos, atravesar o pétreo portelo, pousar un exvoto no petón regañado, demandar resposta dos defuntos e volver saír por onde se entrou, so risco de ficar antaruxado. A mesma historia, con algunha que outra variante, escoitéillela, así mesmo, ao señor Xosé Cortizo (Barro de Arén) ou á señora Arxentina López (Carballás). O propio Xosé Cortizo narrouna primorosamente para o documentario Monte do Seixo. A Montaña Máxica de 2009.
.
Unha década despois da descuberta de Portalén, o monte do Seixo xa se defende só e non hai tarabela que lle faga sombra. Guiei centos de persoas polos predios do Seixo, vilmente desbaratados polo desacerto do parque eólico; falei para os xornais, para as radios, para as televisións, para a Internet, nos congresos e conferencias aos que fun convidado... da urxente necesidade de promover a montaña do Seixo, a Montaña Máxica, como parque temático da mitoloxía popular galega, privilexiado anfiteatro natural no que recrear a nosa alborada celta, demandando unha e outra vez a colaboración das distintas administracións.
.
Desgrazadamente, ningunha das autoridades locais, provinciais ou autonómicas “competentes” moveron un músculo na dignificación e pulo do que, a todas luces, é un dos reclamos turísticos máis atractivos desta atristurada e decadente bisbarra.
.
Aínda que cause vergoña, cómpre engadir que, en todo este tempo, non se recibiu, por calquera dos condutos posíbeis, nin tan sequera unha sucinta comunicación dos alcaldes ou dos concelleiros de Cultura da zona, interesándose, xa non polo traballo realizado, senón pola indiscutíbel repercusión do mesmo. Non me abraio, ben sei que é actitude común no noso país.
.
Mais, pola contra, arrepóndose ao silenciamento raposeiro e porfión, o monte do Seixo, A Portalén burbullan na Web: nas redes sociais e mais en ducias de páxinas e blogs, espazos virtuais interesados pola arqueoloxía, a etnografía, o turismo ou a cultura galega en xeral. Do mesmo xeito, o labor desenvolvido foi obxecto de estudo e enxalce en numerosas publicacións de aquí e de fóra. O evidente potencial do monte do Seixo mereceu a atención do III Congreso Internacional sobre a a Cultura Celta, organizado en Narón (2011), é mereceu, nese ano, o valioso recoñecemento dos Amigos da Cultura Celta.
.
Por outra banda, os seres míticos do Seixo foron agasallados coa súa inclusión na Guía ilustrada da Galicia invisible (Xerais, 2010) da autoría de Antonio Reigosa, coordinador, asemade, da web “Galicia Encantada”, onde o Seixo é tamén protagonista de excepción. A maiores, Vítor Vaqueiro engadiu as lendas do Seixo á súa magnífica Mitoloxía de Galiza (Galaxia, 2011), mentres que Portalén, que xa aparecera ilustrando o libro Caroianos (Xunta de Galiza, 2008) de Xosé e Xermán Fortes, foi escolleita como un dos cincuenta lugares máxicos da Galiza, escolmados no libro homónimo do xornalista Carlos G. Fernández (Cydonia, 2011), etc. etc. Para todos os confrades da Montaña Máxica vai a miña emocionada gratitude.
.
Ofrecinlles desinteresadamente un monte do Seixo alternativo aos veciños de Terra de Montes e, agás contadas aínda que reconfortantes mostras de apoio, só obtiven xélido silencio cómplice. Non me enrugo, temos o que merecemos. Hoxe, Aninovo de 2012, o ano 10 despois de Portalén, principia unha nova década de loita tan necesaria como ilusionante. Salvemos o Seixo!!
.
.
Calros Solla
.
.
.