22/1/10

DE CANDO REI ARTUR ACADOU OS CUMES DO SEIXO

.
.
.
.

Foi no maio de 2009, na presentación en Cerdedo do libro “Recordar doe” –acto organizado pola Asociación Verbo Xido–, cando o autor, Herminio Barreiro, ao fío das súas esclarecedoras memorias e lúcida acordanza, evocou a adoita e folgada presenza en Cerdedo do novelista británico Graham Greene (1904-1991), autor entre outras da inmorredoira “The power and the glory”. O fillo da mestra de Meilide, lembrou, así mesmo, as gorentosas conversas con Xosé Luís Méndez Ferrín, nas que a terra de Cerdedo se erguía novamente protagonista.

.

Segundo Herminio, o de Vilanova dos Infantes, firme candidato á presidencia da Academia Galega, amosa decote a súa querencia pola paisaxe material e inmaterial de Cerdedo. Loou Ferrín a fermosura do topónimo “Cavenca” –débese grafar con “uve”–, lar dos aborixes “caviancos”, aldea da freguesía de San Xoán e antiga sé parroquial. “Caivanca”, “Cavianca” ou “Cavenca” –depresión do terreo– son topónimos curmáns. O rueiro de Cavenca xa engaiolara a Fermín Bouza Brey quen o visitou no ano 31. “Caivanca” é voz presente na poética de Aquilino Iglesia Alvariño (“Cómaros verdes”, 1947), Arcadio López-Casanova (“Mesteres”, 1976) e na do propio Méndez Ferrín.

.

Visualizou Ferrín a Rotbaf Luden, a protagonista de “Retorno a Tagen Ata” (1971), descendo polas corripas da aldea de Pedre cara á antiquísima ponte, ergueita sobre o pai Lérez, no corazón da mítica e insubmisa nación dos “azerratas”: “Todo o bosco brillaba, cunha estreliña en cada folla. Húmida a atmosfera, parada, tépeda. Cheirumes seminais e polens mestos proclamaban a primavera. Os meus pés afundíanse nunha masa de folla podre, carriza, gromos tenros, apóutegas, campaíñas azuis. Eu camiñaba seguindo a dirección da estrada real vella. A Grande Fraga de Tagen Ata era coma unha campá enorme onde resoaba o arruallo do meu corazón. O cabalo, atrás miña, espirraba por veces e eu percibía na caluga o chafariz cheirento do seu bafo. Que emoción fonda a miña, introducíndome na fraga, en procura do meu!”. Mágoa destes predios, abeizoados pola sublime literatura, rabuñados polo camiño de ferro que galga dende Terra Ancha.

.

No número 12 (ano 2009) da revista “Madrygal”, revista de estudos galegos editada pola Facultade de Filoloxía da Universidade Complutense, Méndez Ferrín deitará un sentido poema ateigado de referencias ao ameno val de Cerdedo. O camiñante, o poeta, tras render visita á mítica montaña do Seixo, tras experimentar a irresistíbel chamada de Portalén, o lintel do Outro Mundo, escribiría:

.

Rubimos aos esgrevios cumes do rudo inverno.

Era todo de lazo nos abismos do soño.

Aló abriuse a montaña en bocexo de pedra.

.

Pasamos para Alén: as neves avesías

foron neves de antano. Cantou a paxarada

no latín dos arghinas con peteiro dourado.

Lambeunos unha vaca torta e o seu calor

encheu de vidros rotos a fondura dos ventres.

Naquel verxeu as mans foron máis ben recíprocas.

Detivéronse os astros, o Universo pairou.

.

Todo isto é mentira. As portas xiratorias

volvéronnos ao vale no que o corvo arrevoa.

Segue o frío na alma “unde lüge ich iu daz”.

Na miña lingua sinto que se enrosca unha serpe.

.

É acaído recoñecer, nesta altura, a influencia da lectura ferriniana “Amor de Artur” (1982) á hora de compoñer o poemiña que, para analxesia da ferida montaña do Seixo, incluín na antoloxía “Ras e tritongos” (2003): “o larghato da Santa Mariña/a testa coroada do Castro/(cornos do rei Artur)/a aghia, o lobo/o xabaril/húmido chan de Xestido/(febres da raíña Xenebra)/urces, coios/tallamerendas/saben/que os xighantes/de verba revirada/son nuncios/da noite”. É afouteza ceibar bágoas emocionadas, quentes como roxóns, ao testemuñar o vizo da confraría do Seixo, xacando landra, nestora rexo e cernudo carballón. Cómpre ser pacientes e teimudos, a nosa porfía mídese co reloxo das inconmensurábeis xeoloxías; insignificante é, xa que logo, o tempo dos homes.

.

Outorgado o visto e prace do autor, os versos de Ferrín sumaranse á marea viva de textos que en prol da redención da montaña –hoxe, vasto parque eólico–, vou atesourando, por ver de reeditar, en breve, a esgotada “Reivindicación da Montaña Máxica”. A loita continúa.

.
.
Faro de Vigo, 18-1-10
.
..
Tamén se pode ler en:
.
http://www.farodevigo.es/portada-deza-tabeiros-montes/2010/01/18/portada-dezatabeirosmontes-cando-artur-acadou-cumes-seixo/403704.html
.
.

A "Carta arqueolóxica do concello de Cerdedo" no CARTAFOL DE LIBROS de VIEIROS

.
..
.
Clíquese:
.
.
.

21/1/10