28/3/12

RILA, RILA, MEU GURGULLO...

.
.
.
A carón do admirado Antón Masa
.
.
.
.
.
.
.
.
Reencontro, trinta anos despois, co meu querido mestre Moncho
.
.
.
.
.

21/3/12

O REDESCUBRIMENTO, CORENTA ANOS DESPOIS, DO GRAVADO RUPESTRE DOS CASTELOS (PEDRE-CERDEDO)

.
.
.
.
.
.
.
.
O 20 de febreiro de 2012, luns de entroido, coñecín a Carlos Baliñas. Foi ao pé do coto das Insuas. O catedrático de Filosofía cerdedense (Quireza, 1930), merecente no ano 2000, co gallo da súa xubilación, da Medalla Castelao, achegárase aquela tarde polo Serrapio para obter novas de primeira man do pétreo antropomorfo atopado no lugar quince días antes (4-2-2012) e bateado co nome de “Xacente do coto das Insuas”.
.
Departimos ao pé do outarelo delongada e amigabelmente. Pola miña banda, fixera parada no Serrapio para amosarlles a descuberta a uns amigos, veciños da aldea de Pedre. Xuntos, recuncamos na visita ao “eterno dormente”.
.
Confesoume Carlos Baliñas que levaba tempo querendo falar comigo, que era coñecedor das miñas investigacións en prol do patrimonio cerdedense, que o feito de non coincidirmos en acto ningún, levárao a pensar se non sería unha pantasma. Rin. Nunca é tarde se a dita é boa.
.
Cando xa nos despediamos, convidoume a participar no proxecto de edición dun libro colectivo verbo do val de Quireza. Movendo os marcos da súa parroquia, propúxome escribir unhas liñas sobre O Serrapio, coas que salientar, por mor das evidencias, a súa singularidade. Urxía falar do “Xacente” e da súa circunstancia e, xa que logo, accedín gustante: Lalín ten o Deza, despois está o Trasdeza, pero o mellor é o val de Quireza.
.
Á semana seguinte, a través de correo electrónico, Carlos Baliñas lembroume os prazos de entrega do texto e fíxome achega dunha fotografía en cor na que Carlos García Martínez, o actual director do Museo do Pobo Galego, o propio Baliñas e dous dos seus fillos posaban arredor dun magnífico petróglifo. A instantánea fora tomada, nada máis e nada menos, había corenta anos. No pé de foto, líase un sucinto: “Labirinto Pedre”. O correo remataba dicindo: “Conviría redescubrilo”.
.
Valéndose do eficaz “Dálle traballo a quen ten traballo”, o sabio Baliñas acirraba novamente a miña curiosidade. Confésolles que me teño botado ao monte con menos alicientes, mais, así e todo, para esta misión só contaba cunha corentona fotografía e case tres quilómetros cadrados de toxeira que percorrer.
.
O día 3 de marzo, sábado de nubes e claros, convencín ao querido amigo Ignacio Grande para investirmos a tarde na procura do xacigo. Citámonos tras o xantar. Chegamos a Pedre a iso das catro e media. Deixamos o coche á saída do rueiro e, camiñando en dirección sueste, acadamos, non sen dificultade, o cimo do Outeiro da Corva (555 m). Atalaia privilexiada: cara ao nordés, Pedre; no fondal, O Serrapio; cara ao norte, o terrón de Castro e Quireza... Un vasto océano de toxo cachar estendíase aos nosos pés. Durante a travesía, foramos esculcando en canta laxa e rocha atopamos; os petróglifos non se ían deixar perturbar doadamente.
.
Fixemos un pouso no Outeiro da Corva, a carón das pías –mellor, bañeiras que adobían o curuto. Redefinimos a estratexia. O compañeiro Ignacio razoou camiñar cara ao leste até facer cadrar os puntos do horizonte coa referencia da fotografía. A media distancia, emerxía da toxeira outro illote rochoso.
.
Reemprendemos a marcha segundo o acordado. O toxo sobrepasaba as nosas cabezas, no chan amoreábase o restrollo, felicitámonos por nos ter provisto de luvas e fouciños. Coa seca pertinaz, se algún desalmado prender lume, aqueles predios converteríanse no mesmo inferno.
.
Xa no sitio, advertimos novamente e con desazo, a ausencia de arte rupestre. Facíase tarde, só quedaba luz para outra tentativa. Uns metros máis abaixo acoutábase unha repoboación de piñeiros. Cara ao leste, outro afloramento rochoso sobranceaba no plantío. Propuxen descender uns metros e, por entre o piñeiral, acadar a peneda. A medida que nos achegabamos, unha sensación non descoñecida mais difícil de explicar acelerou o meu ritmo cardíaco. De socate, abriuse o arboredo. Fronte a nós erguíanse impoñentes dúas torres de pedra, o chan volvérase lousa. No centro do escenario, no lombo dunha laxa panda, baixo o lique e o brión, albiscábase o petróglifo perdido durante corenta anos. O compañeiro mais eu fundímonos nunha aperta emocionada. Labor cumprido.
.
Corenta anos despois, o lugar transformárase radicalmente. A repoboación forestal asumira o xacigo. O seu achádego, como case sempre, foi froito da intuición do cazatesouros e da boa sorte.
.
O gravado rupestre, bautizado co nome “petróglifo dos Castelos”, por mor da súa localización, non é labirinto, senón, e á espera dun estudo minucioso da contorna, un conxunto de cinco círculos concéntricos. O círculo interior contén oito cazoletas. Mide máis de metro e medio de diámetro. É evidente que a pedra de gran groso na que foi riscado non aturou ben o paso do tempo. De calquera xeito é unha mostra moi antiga (Calcolítico-Idade do Bronce, ±4.000 anos) de “cups and rings”.
.
Sen desmerecer a fermosa gravura, o que sen dúbida provoca aglaio é o lugar escolleito para a súa elaboración. O monumental conxunto rochoso que enmarca o petróglifo, nomeado popularmente Os Castelos, non foi elixido ao chou. Nese punto, cara ao sueste, o monte do Seixo érguese maxestoso tras as lombas do Outeiro Pernide (monte de Limeres). Na intersección dos dous planos do horizonte, cecais, nalgún momento do ano, se debuxe o abrente. Velaquí, basilarmente, as características dun santuario prehistórico.
.
O redescubrimento do petróglifo dos Castelos, xunta a aparición do “Xacente do coto das Insuas”, converteu a parroquia de Pedre, da noite para a mañá, en destino obrigado para os estudosos da nosa prehistoria. O seu atractivo turístico é indiscutíbel: capela do Serrapio, ponte medieval, igrexa e eirado de Pedre... E a negra sombra da enchente do encoro de Dorna e a fonda trincheira do AVE ridiculizando a verba oca dos que fanfurriñan coa andrómena da “aldea-museo”.
.
A relevancia do gravado de Pedre, canda outras xoias da arte rupestre cerdedense: Laxa do Almanaque (Chamadoira), Outeiro do Mestre (Deán)..., deberan beneficiarse da consideración BIC. Facemos votos para que non teñan que agardar outros 4.000 anos.
.
.
Ligazón ao artigo no Faro de Vigo:
.
.
.
.

12/3/12

"LUGARES MÁXICOS": Salón do Libro de Pontevedra (12+1 edición)

.
.
.
A CARÓN DOS AMIGOS ANTONIO REIGOSA E VÍTOR VAQUEIRO: SEN DÚBIDA, UN LUGAR MÁXICO
.
..
.
.
.
.
.
.

11/3/12

“AUTOPSIA” FEITA AO XACENTE DO COTO DAS INSUAS

.
.
.
.
.
A mañá do sábado 4 de febreiro de 2012, agasallado polo destino, atopei no cuadrante nordés do coto das Insuas da aldea do Serrapio (Pedre-Cerdedo) un pétreo antropomorfo que bateei, pola súa foupeira disposición, o “Xacente do coto das Insuas”. O lume intencionado que desolou a carballeira do coto das Insuas no fatídico verán de 2006 e as fortes chuvias dese inverno propiciaron, abofé, a emersión do xacigo e, daquela, a súa descuberta. O achado localízase nas coordenadas 42º 32’ 4,23’’ N – 8º 26’ 27,31 W, a uns 328 m de altitude sobre o nivel do mar. Dende o lugar, albíscase, cara ao noroeste, a capela de San Lourenzo.
.
A escultura, non exenta, labrouse no cimo dun afloramento rochoso (pedra de gra grosa) que se ergue uns 10 m sobre a chaira circunda. A pedreira, orientada cara ao leste, está distribuída en intervalos. Un camiño de acceso ás veigas que, antano, conducía asemade os defuntos do Serrapio até o camposanto de Pedre, cingue a base do outeiro. Após unha urxente, indispensábel e superficial limpeza do lugar (uns 25 m2) e, escoitado o ditame dos arqueólogos (visita do 11-2-2012), podo achegarlles as seguintes e provisionais conclusións.
.
O “Xacente” é, con certeza, unha pedra figurativa –é dicir, un capricho da natureza– que, en época non precisa, cecais no Calcolítico ou na Idade do Bronce (hai ±4.000 anos), a man humana interveu para salientar a súa semellanza cun dormente ou cun defunto. Cotéxese, mutatis mutandis, coa pedrafita do Carrizo (Santaballa-Vilalba).
.
A escultura do “Xacente” déitase ao cumprido case en paralelo co discorrer do río de Quireza que, nese punto preciso, desemboca no río Lérez, formando insuas –illotes fluviais– e, xa que logo, inspirando a toponimia. Cecais, 2.000 anos a. C., a intersección dos ríos convertía o coto das Insuas nunha insua, de aí os coios amoreados á súa roda.

.
Probabelmente, o penedo primixenio presentaba, na súa parte anterior (orientación SE), unha leve prominencia que animou o escultor prehistórico a remarcar unha cabeza: desbasta dos perfís, punteirado dos ollos, riscado da boca –unha físgoa natural bosquexaría o nariz–, corte da barbadela e lene empenamento do cocote. A cabeza, lixeiramente inclinada cara á dereita, repousa encol dun pétreo almadraque (80x55 cm), singularizado por fenda transversal. Un artífice moderno (cecais, do medievo) engadiulle ao cabezal un risco cruciforme (8x6 cm) de pé ancheado.

.
A pedra figurativa dista uns 200 m da Pontapedre (cara ao sur), sobre o Lérez, fermosa mostra de arquitectura baixomedieval (séc. XIII?), en cuxos perpiaños son visíbeis as marcas de canteiro. Como se deixou dito, nunha lousa do piso da ponte, no ano 1937, Manuel C. O., veciño de Pedre, bosquexou con amoras e punteirou a súa sinatura e o alzado da construción. Alguén, quizais o propio Manuel, no ano 1984, confirmou o gravado con outra inscrición (30-7-1984).

.

Regresemos ao antropomorfo. O vulto cefálico (45x40 cm), trapezoidal, únese co tronco por medio dunha labra curva, ben definida, a xeito de pescozo (18x6 cm). Pola esquerda da figura (orientación O), o segmento troncal (128x60 cm), levemente pandado, saliéntase do máis da laxa por medio dunha fenda lonxitudinal. Alén do tronco, a laxa foi obxecto dun rudo picado de desbaste. O noso minucioso artífice contribuíu cun outro gravado cruciforme (14x7 cm), riscado, esta vez, no peito do deitado.

.
Na parte posterior (orientación NO), a figura presenta un avultamento regañado (13 cm de alto), querendo significar uns pés (32x26 cm). De novo, o noso axente moderno completou a súa intervención cunha terceira cruz (11x10 cm), raiada por debaixo e á dereita do podomorfo.

.
Dende o cocote até os pés, a escultura mide uns 2 m de lonxitude. Dende os pés até o cabo do afloramento rochoso, anotamos 80 cm. O conxunto mide, en total, uns 3’50 m de lonxitude.

.
Pola dereita (orientación L), a figura disponse en banzo de escaleira ou escano (50 cm aprox. de alto). A contrapegada presenta un traballo de labra máis coidado. Na pegada do chanzo entallouse unha pía semicircular de basta feitura (110x90 cm). Dende o vulto podomorfo discorre unha canle estreita que, primeiro ao través (38 cm) e acaroándose á contrapegada despois, descende en curva (1 m) até desaugar no centro da pía.

.
O achado da escultura, sendo como foi causa de satisfacción, non é, porén, causa de estrañeza. O poboado do Serrapio e a súa contorna, ameazados polo abalo das augas do anunciado encoro de Dorna, moven indefectibelmente ao abraio. Dende Pedre, os socalcos do cotarelo do Serrapio, onde asenta o poboado orixinal, lembran os banzos da Torre de Babel que pintara o holandés Pieter Brueghel o Vello (séc. XVI). O “zigurat” pedroso do Serrapio sobrancea como lugar de culto á divindade, privilexiado recanto onde escenificar o transo hierofánico. O Serrapio, santuario ao ar libre, precede, daquela, ao Serrapio habitacional. O outeiro espido e a embocadura dos ríos Lérez e Quireza, obra dos elementos naturais, arroubaron o espírito da humanidade primitiva, quen os erixiu templo (nemeton), asemblearia encrucillada (oenach), umbilicus mundi.

.
Non é difícil identificar o penouco do Serrapio como a pedra da tribo, a céltica trebopala. Non é difícil entrever un primordial culto ao Sol –o deus Lug, teónimo, v.g., da cidade de Lugo– na substitutiva devoción cristiá a san Lourenzo, padroeiro da aldea, conforme o testemuña a cantiga popular: O sol chámase Lourenzo e a lúa, Catarina; Catarina anda de noite e Lourenzo polo día.

.
Ben seguro, o outeiro no que silandeiro repousa o “Xacente” e a aldea que o vela calan moitos máis segredos. Cómpre daquela teimar no seu esclarecemento.

.
.
Ligazón á noticia no Faro de Vigo:
.