.
.
.
.
.
.
.
O 20 de febreiro de 2012, luns de entroido, coñecín a Carlos Baliñas. Foi ao pé do coto das Insuas. O catedrático de Filosofía cerdedense (Quireza, 1930), merecente no ano 2000, co gallo da súa xubilación, da Medalla Castelao, achegárase aquela tarde polo Serrapio para obter novas de primeira man do pétreo antropomorfo atopado no lugar quince días antes (4-2-2012) e bateado co nome de “Xacente do coto das Insuas”.
.
Departimos ao pé do outarelo delongada e amigabelmente. Pola miña banda, fixera parada no Serrapio para amosarlles a descuberta a uns amigos, veciños da aldea de Pedre. Xuntos, recuncamos na visita ao “eterno dormente”.
.
Confesoume Carlos Baliñas que levaba tempo querendo falar comigo, que era coñecedor das miñas investigacións en prol do patrimonio cerdedense, que o feito de non coincidirmos en acto ningún, levárao a pensar se non sería unha pantasma. Rin. Nunca é tarde se a dita é boa.
.
Cando xa nos despediamos, convidoume a participar no proxecto de edición dun libro colectivo verbo do val de Quireza. Movendo os marcos da súa parroquia, propúxome escribir unhas liñas sobre O Serrapio, coas que salientar, por mor das evidencias, a súa singularidade. Urxía falar do “Xacente” e da súa circunstancia e, xa que logo, accedín gustante: Lalín ten o Deza, despois está o Trasdeza, pero o mellor é o val de Quireza.
.
Á semana seguinte, a través de correo electrónico, Carlos Baliñas lembroume os prazos de entrega do texto e fíxome achega dunha fotografía en cor na que Carlos García Martínez, o actual director do Museo do Pobo Galego, o propio Baliñas e dous dos seus fillos posaban arredor dun magnífico petróglifo. A instantánea fora tomada, nada máis e nada menos, había corenta anos. No pé de foto, líase un sucinto: “Labirinto Pedre”. O correo remataba dicindo: “Conviría redescubrilo”.
.
Valéndose do eficaz “Dálle traballo a quen ten traballo”, o sabio Baliñas acirraba novamente a miña curiosidade. Confésolles que me teño botado ao monte con menos alicientes, mais, así e todo, para esta misión só contaba cunha corentona fotografía e case tres quilómetros cadrados de toxeira que percorrer.
.
O día 3 de marzo, sábado de nubes e claros, convencín ao querido amigo Ignacio Grande para investirmos a tarde na procura do xacigo. Citámonos tras o xantar. Chegamos a Pedre a iso das catro e media. Deixamos o coche á saída do rueiro e, camiñando en dirección sueste, acadamos, non sen dificultade, o cimo do Outeiro da Corva (555 m). Atalaia privilexiada: cara ao nordés, Pedre; no fondal, O Serrapio; cara ao norte, o terrón de Castro e Quireza... Un vasto océano de toxo cachar estendíase aos nosos pés. Durante a travesía, foramos esculcando en canta laxa e rocha atopamos; os petróglifos non se ían deixar perturbar doadamente.
.
Fixemos un pouso no Outeiro da Corva, a carón das pías –mellor, bañeiras‒ que adobían o curuto. Redefinimos a estratexia. O compañeiro Ignacio razoou camiñar cara ao leste até facer cadrar os puntos do horizonte coa referencia da fotografía. A media distancia, emerxía da toxeira outro illote rochoso.
.
Reemprendemos a marcha segundo o acordado. O toxo sobrepasaba as nosas cabezas, no chan amoreábase o restrollo, felicitámonos por nos ter provisto de luvas e fouciños. Coa seca pertinaz, se algún desalmado prender lume, aqueles predios converteríanse no mesmo inferno.
.
Xa no sitio, advertimos novamente e con desazo, a ausencia de arte rupestre. Facíase tarde, só quedaba luz para outra tentativa. Uns metros máis abaixo acoutábase unha repoboación de piñeiros. Cara ao leste, outro afloramento rochoso sobranceaba no plantío. Propuxen descender uns metros e, por entre o piñeiral, acadar a peneda. A medida que nos achegabamos, unha sensación non descoñecida mais difícil de explicar acelerou o meu ritmo cardíaco. De socate, abriuse o arboredo. Fronte a nós erguíanse impoñentes dúas torres de pedra, o chan volvérase lousa. No centro do escenario, no lombo dunha laxa panda, baixo o lique e o brión, albiscábase o petróglifo perdido durante corenta anos. O compañeiro mais eu fundímonos nunha aperta emocionada. Labor cumprido.
.
Corenta anos despois, o lugar transformárase radicalmente. A repoboación forestal asumira o xacigo. O seu achádego, como case sempre, foi froito da intuición do cazatesouros e da boa sorte.
.
O gravado rupestre, bautizado co nome “petróglifo dos Castelos”, por mor da súa localización, non é labirinto, senón, e á espera dun estudo minucioso da contorna, un conxunto de cinco círculos concéntricos. O círculo interior contén oito cazoletas. Mide máis de metro e medio de diámetro. É evidente que a pedra de gran groso na que foi riscado non aturou ben o paso do tempo. De calquera xeito é unha mostra moi antiga (Calcolítico-Idade do Bronce, ±4.000 anos) de “cups and rings”.
.
Sen desmerecer a fermosa gravura, o que sen dúbida provoca aglaio é o lugar escolleito para a súa elaboración. O monumental conxunto rochoso que enmarca o petróglifo, nomeado popularmente Os Castelos, non foi elixido ao chou. Nese punto, cara ao sueste, o monte do Seixo érguese maxestoso tras as lombas do Outeiro Pernide (monte de Limeres). Na intersección dos dous planos do horizonte, cecais, nalgún momento do ano, se debuxe o abrente. Velaquí, basilarmente, as características dun santuario prehistórico.
.
O redescubrimento do petróglifo dos Castelos, xunta a aparición do “Xacente do coto das Insuas”, converteu a parroquia de Pedre, da noite para a mañá, en destino obrigado para os estudosos da nosa prehistoria. O seu atractivo turístico é indiscutíbel: capela do Serrapio, ponte medieval, igrexa e eirado de Pedre... E a negra sombra da enchente do encoro de Dorna e a fonda trincheira do AVE ridiculizando a verba oca dos que fanfurriñan coa andrómena da “aldea-museo”.
.
A relevancia do gravado de Pedre, canda outras xoias da arte rupestre cerdedense: Laxa do Almanaque (Chamadoira), Outeiro do Mestre (Deán)..., deberan beneficiarse da consideración BIC. Facemos votos para que non teñan que agardar outros 4.000 anos.
..

Ligazón ao artigo no Faro de Vigo:
.
.
.
.
No hay comentarios:
Publicar un comentario