1/7/06

SAN SIMÓN (1936-1939) - AUSCHWITZ (1940-1945)

.
. .
.
.
Na memoria de Elie Wiesel e de Alfredo Bautista “Reisiño”

Ultrapasar a soleira da Porta da Morte de Auschwitz II – Birkenau é internarse espido no arrabalde da razón humana, somerxerse até a asfixia no delirio da supremacía racial, batuxar no xurro da esterqueira moral do nazismo.

Ningunha peregrinaxe está tan xustificada!

Arribar ao peirao da illa de San Simón é pandar coa labazada da desmemoria, somatizar a liberdade traizoada, estigmatizar a tortura en nome de Cristo crucificado, engulir até o vómito a depravación do falanxismo e do nacionalismo español.

Ningunha peregrinaxe está tan xustificada!...

Quen fora galgo
quen fora paxaro
quen fora vento!

Setenta anos despois, atinximos con emoción, con rabia, con espanto, o escintilar da verdade, xacando agochada tras as portas do inferno. Nós, galegos de nación, fala e sentimento, individuos pertencentes a unha das nomeadas razas inferiores (galego: “parvo”, “tatexo”, segundo o dicionario da RAE), reivindicamos ao abeiro da coxuntura política o recoñecemento dos que loitaron e deixaron a vida a prol da liberdade coartada polo fascismo, todos e cada un, heroes e mártires de noso. Houbemos agardar setenta anos o demorado convoi da acordanza, sibilina e teimosamente desencarreirado. Unha vez a bordo, dispómonos a abandonar por fin a escura estación da ignorancia á cal faremos por non retornar.

Gardámonos, vixiantes, dos que dende a plataforma, baballan defendendo a comenencia dun “ano da concordia” fronte a un “ano da memoria”, ben se atinxe de quen herdaron os seus argumentos revisionistas, negras pantasmas bolén abofé na súa consciencia. Só remexendo nos lodos do pasado, respirando o bafío da ignominia; só recuperando para as xeracións presentes e futuras o nome das vítimas, só enxalzando o seu sacrificio apareceremos dignos perante o espello da historia. Fincando rexamente os alicerces do noso acontecer encol do xabre da xustiza seremos quen de erguer apromado o edificio da concordia, nunca dende o silencio interesado, xamais dende a amnesia da foxa común. Aqueles que consideramos a liberdade como o ben máis prezado do ser humano debemos ceibar un berro seco e espelir o letargo da sociedade embozada polo cloroformo do pan e circo, pois estamos en débeda.

Pousamos a nosa lembranza emocionada nas pólas núas dunha alborada outoniza do ano 36, detémonos arestora na fría madrugada do 15 de outubro –daban as cinco da mañá–, naquel camión de presos con destino ao campo de exterminio da illa de San Simón. Detemos o noso recordo solidario no desacougo de Alfredo Bautista “Reisiño” e os seus compañeiros na macabra viaxe, e facemos nosa a desazón de quen experimentou en pel propia os fatídicos versos do xograr Meendinho: E cercaron-mi as ondas do alto mar, non ei i barqueiro, nen sei remar.

Lembramos, así mesmo, non só os prisioneiros galegos confinados en San Simón, senón tamén os asturianos, cántabros e vascos, deportados á illa por volta de outubro do 37, tras a queda da fronte do norte, moitos deles executados, ben na illa ben noutros campos de exterminio habilitados no país como o de Camposancos (A Guarda). Tamén lembramos os cincocentos gudaris do barco-prisión "Upo Mendi”, e os catrocentos anciáns estremeños e andaluces, labregos leais á Republica, confinados en San Simón a primeiros de abril de 1939 e que por mor da súa lamentábel situación física e psíquica chegaron a morrer até uns quince por día. Non esquecemos o posterior traslado da poboación reclusa supervivente aos penais de Astorga, Burgos, Vitoria, Pamplona..., a conmutación das penas de morte por cadeas perpetuas e outros mil inenarrábeis sufrimentos non só por eles padecidos senón tamén polas súas familias.

Hei de chorar sin bágoas duro pranto
polas pombas de luz aferrolladas,
polo esprito vencido baixo a noite
da libertá prostituída.
As espadas penduran silandeiras
coma unha chuvia fría diante os ollos
e teño que chorar na sombra fuxidía
diste pútrido vento
que arromba a lealtá e pon cadeas
no corazón dos homes xenerosos.
Pois que somente os ollos me deixaron
para chorar por iles longos ríos,
hei navegar periplos, descubertas
por tempos que han de vir cheos de escumas,
por onde o día nasce,
alí onde xermola o mundo novo.
Pois que o que chora vive, iremos indo;
indo, chorando, andando,
salvaxe voz que ha de trocarse en ira,
en coitelo de berros i alboradas
para rubir ao cumio dos aldraxes.
E pois que cada tempo ten seu tempo,
iste é o tempo de chorar.

Celso Emilio Ferreiro (1912-1979)

Mentres enxalzamos os nosos heroes e mártires, aborrecemos a estampa de sinistros personaxes como o Padre Nieto, bo exemplo da Igrexa colaboracionista, crego pistoleiro instigador de moitas das execucións perpetradas en San Simón e torturador inmisericorde que adoitaba enfeitar os seus sermóns berrando: Angelitos de Dios, hijos de la Pasionaria, dinamiteros. Hay que quemaros como se quemaron a los judíos!, coa pretensión de crebar o ánimo dos prisioneiros. Non esquecemos a Fernando Lago Búa, director do campo de exterminio, Francisco Bustelo, médico forense e Francisco Rodríguez o Rabioso, tenente da Garda Civil, que, segundo o apuntado polo historiador Carlos Velasco no seu libro 1936. Represión e alzamento militar en Galiza, todos tres funcionarios corruptos, crueis asasinos, adicábanse a infundir, a cambio de diñeiro, falsas esperanzas de salvación a homes que sabían de antemán ían ser fusilados, argallando mesmo un simulacro de liberación ou fuga consentida dos mesmos. Deste xeito o testemuña o comunista redondelán Manuel Barros: Entón estes homes dedicábanse a poñer en liberdade os presos anticipándolles que tiñan que dar unha cantidade determinada: dependía da economía... da situación de cada preso. A iso do anoitecer, pois, poñíanos na praia, onde a Garda Civil os collía e os traía para o cárcere de Redondela. Do cárcere de Redondela, pois, levávanos para a cuneta.

¡Outra vez, outra vez o terror!
Un día e outro día,
sen campás, sen protesta.
Galicia ametrallada nas cunetas
dos seus camiños.
Chéganos outro berro.
Señor, ¿qué fixemos?
–Non fales en voz alta–.
¿Hasta cando durará iste gran enterro?
–Non chores que poden escoitarte.
Hoxe non choran máis que os que aman a Galicia–.
¡Os milleiros de horas, de séculos,
que fixeron falla
para faguer un home!
teñen que se encher aínda
as cunetas
con sangue de mestres e de obreiros.
Lama, sangue e bágoas nos sulcos
son semente.

Luis Pimentel (1885-1958)

Consonte Carlos Velasco a insurxencia militar-fascista levouse por diante entre 130 e 150.000 persoas pola vía das execucións políticas sumarias: dez veces máis que a represión nazi na Alemaña hitleriana e cinco veces máis que na Italia de Musolini [...] Todo isto sen contar os 280.000 españois e españolas que na altura de 1940 adoecían nas prisións franquistas e os aproximadamente 700.000 que, por un período máis ou menos breve, pasaron polos campos de concentración.

O infelizmente célebre Antonio Vallejo Nágera, psiquiatra e comandante do exército franquista, autor da repulsiva “euxenesia positiva da hispanidade”, era, segundo o sobredito historiador pontevedrés, abertamente partidario dunha rexenaración ambiental da “raza” hispana que el consideraba dexenerada –psíquica, cultural e mesmo físicamente– por causa dun contorno hostil ou, dito doutro xeito, dun adversario histórico persistente desde a época medieval, que na altura dos anos 30 aparecía encarnado pola democracia republicana. O método que propuña para tal rexeneración non era outro que “multiplicar os selectos e deixar perecer os febles”, entendendo por febles os inimigos políticos, quer dicir, os marxistas e roxos en xeral.

Kazimierz Smolen, autor da guía do Museo Estatal en Oswiecim (Polonia), afirma que o KL Auschwitz, creado en 1940, foi o meirande campo de concentración nazi para os polacos, así como para prisioneiros de diferentes nacionalidades, condenados polo nazismo ao illamento e a unha paulatina morte; ben por fame, ben polo durísimo traballo e experimentos aos que foron sometidos; ou á morte inmediata a través de execucións masivas e individuais.

Conforme relatan T. & H. Swiebocki no seu libro Auschwitz: residencia da morte, os nazis mandaron a Auschwitz polo menos a 1.100.000 xudeus que chegaron alí dende varios países de Europa, a case 150.000 polacos, sobre todo prisioneiros políticos, arredor de 23.000 xitanos procedentes de distintos países europeos, 15.000 prisioneiros de guerra soviéticos e 25.000 prisioneiros doutras nacionalidades, entre os que salientamos checos, franceses, iugoslavos, rusos, bielorrusos, ucraínos e alemáns.

NON DEAS ESQUECEMENTO
DA INXURIA O RUDO ENCONO...

KL Auschwitz...........................illa de San Simón
Adolf Hitler...............................Francisco Franco
Heinrich Himmler.............................Emilio Mola
Rudolf Hess..........................Fernando Lago Búa
Joseph Menguele.....................Francisco Bustelo
Gestapo.................Guardia Civil, Guardia Cívica
SS (Schutz Staffel)...Falange (FET y de las JONS)

Velaquí o que estivo a piques de dominar o mundo;
mais os pobos tiveron a última palabra.
Sen embargo, que ninguén cante vitoria a destempo.
Porque o ventre de onde xurdiu a besta inmunda,
aínda é fecundo.

Bertolt Brecht (1898-1956)
.
Verbo Xido nº 14/15, xullo de 2006
.
>>>
Fotografía 1: Illa de San Simón, na ría de Vigo (Galiza).
Fotografía 2: Campo de exterminio Auschwitz II-Birkenau (Polonia), ano 2006.
.
.