7/8/07

ANA ACUÑA, SEMPRE E MAIS DESPOIS


No ano 1999 viu a luz o meu primeiro poemario, Xabregho, no seo da colección “O Roibén” de Edicións Río Xuvia. A coordinación da colección era responsabilidade de Xavier Frías Conde e a autora do esclarecedor limiar foi a profesora Ana Acuña, compañeira de estudos universitarios no CUVI e na USC, e cuxa amizade conservo coma un dos meus máis prezados bens. A profesora Acuña, daquela docente na Complutense, someteu a escolma de poemas ao xuízo de Vicente Araguas. O seu bondadoso parecer, a xeito de carta datada en Majadahonda a 18 de xaneiro de 99, da que gardo copia, enlousou o adro da miña aventura editorial: Concordo coa idea de publicalos: canto antes mellor, que o tempo corre que mete medo [...] supoñen un detour, un desvío, do que se vén facendo aquí e agora. Hai débedas que non chega unha vida para pagalas.

A profesora Ana Acuña que entre outros moitos labores desenvolvía o de secretaria de redacción da Revista de Estudios Gallegos Madrygal, publicación da titulación de Filoloxía Románica da Universidade Complutense á que se adscribía, convidoume a participar como poeta no número 2 da mesma, editado en 1999 (eu xa colaborara, como fotógrafo, no número 1). Adianteille, para a ocasión, uns poemas que pouco despois farían parte de Mel de arañas, o meu segundo poemario, publicado no ano 2000. Vicente Araguas remitiría a El Correo Gallego (10 de decembro de 2000) unha reseña inzada de inmerecidos eloxios á miña obra e persoa: Underground; libro discordante; poesía nada confortable, no que ten de desacougo espiritual e físico; Carlos Solla circula por onde lle peta, o que nunca foi mala cousa... O número 2 de Madrygal recollía tamén unha fermosa recensión de Xábregho da autoría de Juan José Carracedo Doval.

O número 4 de Madrygal, editado no ano 2001, agasalloume coa reseña de María Xesús Nogueira a Mel de Arañas. A pé de páxina dábase noticia da exposición pictórico-poética que baixo o título "Terras raras" organizaramos o pintor Francisco Sutil e mais eu no Club Náutico de Vigo en agosto de 2000. O estudo interpretativo correra a cargo da indispensábel Ana Acuña. A profesora marinense convidaríanos a min e ao querido amigo Paco Sutil a participar no libro Muller de doce sal. Homenaxe a Inés Canosa, editado por VTP en Madrid no mesmo ano. A edición da obra estivo ao coidado de Xavier Frías Conde, Carme Blanco Ramos e a propia Ana Acuña que tería a ben engadir no libro o estudo interpretativo da exposición "Terras raras".

Terras raras sairía do prelo ao abeiro da colección “O Roibén” de ACEF (Asociación Celso Emilio Ferreiro) e Arte Tripharia en maio de 2001. O consello editorial estaba formado por Vicente Araguas, Fermín Bouza, Ana Acuña e Manuel Pereira. O magnífico limiar foi redactado por María Xesús Nogueira. No mes de maio de 2001 presentaríase Terras raras na Galería Sargadelos de Madrid xunto cos poemarios A soidade dos números primos de Covadonga D’lom, A vida sempre e sobretodo de Crisanto Veiguela e Lembranzas e olvidos de Rafa Yáñez. O acto correu a cargo de María Victoria Navas e de Xavier Frías como director da colección.

En outubro de 2002, a profesora Ana Acuña trasladoume a invitación para participar no "Encuentro circular de poesía en vivo", organizado pola Facultade de Filoloxía da Universidade Complutense en Madrid. Da miña viaxe e estadía lembro un voo arrepiante, o agarimo de profesores e alumnos, o poeta José Viñals, autor segundo me transmitiu dun poemario titulado Miel de avispas, a tertulia no Comercial e a hospitalidade de Luís Luna que en 2002 publicaría en Arte Tripharia xunto a Óscar Curieses o poemario Ignicións do que, moi honrado, escribín o limiar.

Os números 14 e 15 da revista A Freita (anos 1999 e 2000), publicación da MDGA (Mesa prá Defensa del Galego de Asturias), que tiña a Xavier Frías Conde como membro do consello de redacción, e Ianua, revista virtual de Filología Iberorrománica (www.iaga.com/ianua), fixéronse eco das miñas primeiras incursións no eido do ensaio. As súas páxinas anticiparon o que meses despois (no ano 2002) agromaría como Cerdedo. Materiais para o estudo da freguesía de San Xoán de Cerdedo. Inventario xeral.

No ano 2005, Ana Acuña púxome en contacto con Olivia Rodríguez González, profesora da Universidade da Coruña, co aquel de participar no libro colectivo Das sonorosas cordas. 15 poetas desde Galicia, publicado pola editorial madrileña Eneida. A profesora Olivia González encargouse da edición e Rafael Morales Barba, profesor da Universidade Autónoma, escribiu o prólogo.

Afortunadamente, non fun beneficiario exclusivo do labor de mecenado desenvolvido pola profesora Ana Acuña durante a súa experiencia madrileña, pois a colosal tarefa de promoción da cultura galega levada a cabo alén das nosas fronteiras por ela e polos integrantes do grupo Bilbao fixeron posíbel a entrada en escena de moitas voces poéticas novas, achanzando o sempre difícil primeiro paso. Concordo coa profesora Carmen Mejía, a cal, no prólogo ao libro colectivo Comercial. Poesía galega en Madrid. Outono 1998, salientaba o compromiso deste grupo poético, fincado en “territorio comanche”, coa cultura do país: Coido que esta iniciativa é enriquecedora e amosa, unha volta máis, que as xentes galegas non deixan o seu “enxebrismo”, neste caso a súa lingua, a súa cultura, aínda que vivan en Madrid. A obra colectiva Comercial fornecíase da inspiración de Vicente Araguas, Fermín Bouza, Xavier Frías, Xosé Manuel Outeiro, Claudio Pato e Manuel Pereira; todos seis, autoridades rexamente consolidadas hoxe no eido da creación literaria e da promoción cultural.

Gardo un agarimoso recordo daquelas datas e procurei, anque pexado polas miñas eivas, tirar proveito das oportunidades que se me brindaron. Recoñezo fundamental no meu devir como escritor a presenza da infatigábel Ana Acuña, sempre fiel e xenerosa, non en van prologou, como dixen, o meu primeiro poemario e dous dos meus ensaios sobre a terra de Cerdedo: o Inventario xeral da freguesía (ano 2002) e o Almanaque de encantos (ano 2005), que sen dúbida enxalzan o meu modesto traballo. Manteño contacto na distancia co poeta Luís Luna e gábome de ter sido convidado polo poeta Manuel Pereira para presentar a súa obra Libro das viaxes nun acto celebrado no local do campo da festa de Ouzande (A Estrada) en Nadal de 2003. A súa sabenza e humildade redimen o noso sistema literario, inzado de ególatras e vedetes. A súa grata conversa é menciña para as almas asoballadas polo vent-imperio.

A colección “O Roibén” foi a plataforma dunha afastada estación onde algúns agardamos con feliz inquedanza o tren que nos levase, outra volta, pola beira do Miño, outra volta, cara ao que somos, cara ao que debemos seguir sendo, cara ao que nos fai diferentes e ditosos, atopémonos onde nos atopemos. A eterna viaxe de retorno, sempre “arredor de si”, faise de vagar, sen altas velocidades, pois a présa é calidade de quen foxe. Traballar a prol da nosa idiosincrasia, da nosa identidade, aquí ou fóra, ten por única recompensa a supervivencia. Toda a terra é dos homes e non hai nacido que lle dea leccións neste senso a un galego, mais hai xeitos e maneiras de andar polo mundo e quen agocha a súa nacenza, quen disfraza a súa condición, quen renega da súa natureza traizoa o máxico designio do fado. Eu só son galego, sei quen son e sei a quen pertenzo, non preciso bandeiras nin lindes convencionais, xa que a miña lingua e a miña cultura teñen por coutada o universo.

O clan dos “Bilbao” acolleume no seu castro de terra adentro, afagáronme á calorciña do lume novo e encheron o meu fardel de recén chegado coa boroa de mil solpores. Aínda como nesa lambonada e cada faragulla do seu exemplo reforza o convencemento de que calquera trincheira é boa para defender a nosa causa por máis que a picañoa do asimilismo teime en atabascar o noso alcouve.

7-8-2007
.
.