24/6/05

O EMBIGO DO BECHO

.
. .
..
O Embigo do Becho é unha misteriosa peneda do monte de Cerdedo. Chégase a ela polo camiño da Cubeliña –ou Cuveliña–. Localízase nunha lomba, tras a regueira das Aveanceiras, á man dereita do carreiro.


Hai unha chea de séculos, unha serpe monstruosa aterrecía o pobo de Cerdedo. San Xoán, hoxe patrón da aldea, esconxurou a súa ameaza recluíndoa nas entrañas do monte. Mais o santo, honrando a etimoloxía do seu nome –“Deus é misericordioso”–, abriu un portelo no alxube para que o réptil puidese botar a cabeza fóra. En chegando o verán, a cóbrega, encirrada pola calor, tenta escapulirse. Os aldeáns forzan o seu cativerio amedrentándoa con lume. Quizabes, a axotada do monstro sexa a orixe das tradicionais cacharelas de San Xoán.

O Embigo do Becho é o adro do inferno.
.
.
Texto tirado de Almanaque de encantos. Mitoloxía da Terra de Cerdedo”, ano 2005.
.
.