19/1/10

CERDEDO NAS PÁXINAS DO TEMPO

.
.
.
.
Dedicado a Xosé Álvarez e ao seu indispensábel blog
"Pontevedra nos anos do medo"
.
http://anosdomedo.blogspot.com/
.
.
Nestas xornadas de lecer investín o meu insomnio no enrestrado dunha morea de notas que, verbo de Cerdedo, fora atopando agochadas na bibliografía máis esquiva. As palabras lévaas o vento, mais o disposto a recado dos libros, salvante enchente ou lumeirada, permanece. Velaquí unha pequena mostra do recadado:

.
No libro "Pleitos de Hidalguía que se conservan en el Archivo de la Real Chancilleria de Valladolid" (expedientes do século XVIII) dei cun tal Pedro Mosqueira (castelanizado "Mosquera"), nado en San Xoán de Cerdedo o 20 de xuño de 1739. Cecais algún de vostedes leve entre os seus apelidos o de "Mosqueira" ou "Mosquera". Cecais estean emparentados co sobredito Pedro. Se o son, gábense da súa ascendencia nobiliaria. Pedro Mosqueira probou perante a Sala de Fidalgos da Real Chancelaría de Valladolid a súa condición de cristián vello, probou que polas súas veas non decorría sangue mouro nin xudeu, probou asemade que ninguén da súa liñaxe fora xulgado xamais nunca por herexe. Pedro Mosqueira obtivo a arelada exención de cargas impositivas tras acadar a Executoria de Fidalguía. O cerdedense Pedro Mosqueira aveciñouse en Otero de Escarpizo (León) e alí fixo por vida.
.
Se non de Pedro Mosqueira, cecais sexan descendentes de Francisco de Oporto (mellor, Doporto), veciño de Cerdedo, quen, en 1853, con 41 anos de idade, ingresou aqueixado dunha grave doenza no Hospital Xeral de Madrid. Así recolle o caso "La Crónica de los Hospitales", xacando periódico oficial da Facultade de Medicina, Cirurxía e Farmacia do Xeral de Madrid: "temperamento sanguíneo, constitución robusta, soltero, de oficio segador, entró el día 8 de septiembre a ocupar la cama número 25 de la expresada sala (de San Nicolás), con caries (gangrena) en el dedo pulgar de la mano derecha. El día 24 del mismo mes se le practicó la amputación por contigüidad en su articulación con el metacarpiano, hallándose la herida en buen estado y con tendencia a la cicatrización". Cómpre salientar que, segundo o consignado, a meirande parte dos galegos ingresados desenvolvían na Meseta o labor de ceifeiros.
.
En xaneiro de 1793, o monarca francés Louis XVI foi decapitado a mans do pobo revoltado. En resposta, Godoy, ministro do rei español Carlos IV, asina unha alianza con Gran Bretaña e contra a República Francesa (a chamada I Coalición). En marzo dese mesmo ano os franceses rompen as hostilidades: daba comezo a Guerra dos Pireneos ou Guerra do Rosellón (1793-1795) na que España sairía derrotada. Nas páxinas do periódico oficial "Mercurio Histórico y Político" de decembro de 1793 faise referencia a don Ramón Vicente Moas e Barreiro, párroco de San Xoán de Cerdedo, quen colabora coa causa absolutista do seguinte xeito: "una onza de oro a cada mozo que se aliste, y socorrer las necesidades de sus casas mientras permenezcan en la guerra". Cantos cerdedenses perderían a vida naquela contenda?
.
O enxeñeiro de camiños Juan Llansó de Viñals no seu artigo "La reforma que el plan de modernización de carreteras ha efectuado en el milenario puente del Burgo, de Pontevedra" publicado na "Revista de obras públicas" (1955) explica como a segunda gran reparación efectuada na histórica ponte da Boa Vila "se inicia con una Real Cédula, dada en Madrid el 7 de mayo de 1697". Concorre, entre outros, o perito Pedro de Monteagudo, veciño de San Xoán de Cerdedo (nado na freguesía de Castro), primoxénito do egrexio arquitecto Pedro de Monteagudo "o Home", orzando o traballo en 42.266 reais. As obras consistiron en anovar o enlousado do pavimento, reparar o casteliño de acceso á ponte, substituír os recheos de terra por cachotaría (a real e medio o carro) e rexuntar paramentos. Remataron as obras en 1702.
.
O Premio Nobel Camilo José Cela (1916-2002), na súa novela serodia "Madera de boj" (1999), fálanos da personaxe Maruxiña Cerdedo la del Tísico –"una doncella de Abeleiroas (Mazaricos) que salía a pasear por el bosque a comer morodos, oler violetas y acariciar camelias y se peinaba con una trenza que le llegaba a la cintura"–. Maruxiña Cerdedo batera unha mañá co príncipe Xacobiño de Lebouzán transmutado nun raposo por envurullado encantamento. Xa en 2007, Ángel Ruíz de Ayala, no seu libro "Diario de un presidente del Gobierno", achéganos as reflexións dun inédito ZP: "Rubalcaba me avisa de que acaba de recibir una petición de extradición. Se trata del sospechoso de haber provocado 93 incendios forestales en el municipio pontevedrés de Cerdedo. La solicitud lleva por todo remite: "El infierno"".
.
Neste punto apeo o muíño. Agardo que estes carreiros fosen do seu interese. Prometo, de cadora en cando, seguir satisfacendo a súa curiosidade –e a miña– con saborosos apuntamentos do Cerdedo esfumado na néboa do tempo. Teñan vostedes un venturoso ano.
.
.
Faro de Vigo, 14-1-2010.
.
.

No hay comentarios: