3/5/15

QUEN É O CAPITÁN GOSENDE? ( I ) - Faro de Vigo (3-5-2015)

.
.
.
.
.
.


Na primavera do ano 1589, o capitán Xoán de Gosende e Rascado e mais o seu morgado, o capitán Alonso de Gosende e Quinteiro, dos Gosende das Raposeiras (Meilide), chefiando as milicias de Terra de Montes, acoden en auxilio da vila da Coruña, asediada pola frota corsaria da raíña Isabel I de Inglaterra.
            O transo da defensa da Coruña enmárcase no contexto da chamada guerra anglo-española que se estenderá ao longo de case vinte anos, dende 1585 deica 1604.
            Na amañecida do 4 de maio de 1589, unha podente escuadra, integrada por perto de 200 naves, apóstase en fite ás costas coruñesas. Ao mando da temíbel English Armada vén o almirante Sir Francis Drake. O goberno das tropas de desembarco correspóndelle ao xeneral Sir John Norreys.
            A gornición e o pobo da Coruña, en evidente inferioridade, axiña recibirán o apoio dos batallóns de milicianos, mobilizados polas autoridades das distintas xurisdicións do país. Os de Montes responden xaora á chamada. Os labregos, instruídos polos Gosende nas artes da guerra, pousan a fouce e o legón e empuñan agora picas, espadas e arcabuces. As forzas defensivas manteñen o inimigo alén dos muros da fortaleza de San Carlos e do castelo de Santo Antón.
            O xeneral Norreys, tendo ao seu dispor un continxente de 17.000 homes, procede ao desembarco no areal de Oza, tomando, non sen dificultade, a parte baixa da cidade (A Peixaría) e causando unhas 300 mortes. A seguir, diríxense cara aos recintos murados. Na porfía, os asaltantes sofren a perda duns 1.000 efectivos, por mor da tenacidade dos herculinos. Malia a forte resistencia, o día 14, a artillaría británica consegue abrir unha fenda nas fortificacións. A situación inclínase, ende mal, do lado dos invasores. A moral dos nosos soldados semella decaer ante o embate do inimigo.
            De socate, no fragor da loita, na ardencia do corpo a corpo, xurdiu arroubadora a voz dunha muller: “Quen teña honra, que me siga!!”. Eis María Pita, a carniceira coruñesa que, brandindo a pica do seu home, caído en combate, abateu con saña un abandeirado inglés, heroica determinación que insuflaría folgos nas fileiras da paisanaxe.
            Revividas, as tropas galegas fan recuar o invasor. O día 16, os Gosende interveñen na refrega da ponte do Burgo, intenso combate no que resultan feridos varios mandos britanicos, entre eles, Edward Norreys, irmán do xeneral Norreys . O 18 de maio, 14 días despois do seu avistamento, as hostes anglosaxoas optan por embarcar, abandonando o noso litoral para non volver. A batalla da Coruña sáldase cun milleiro de vítimas galegas por mil trescentas inglesas.
            Os “inimitábeis” galegos vingaban deste xeito a desfeita protagonizada pola Armada Invencíbel que, un ano antes, fora enviada por Filipe II ás Illas Británicas para loitar, como é sabido, contra os elementos.
            Os capitáns Xoán de Gosende e Alonso de Gosende, pai e fillo, tornarán indemnes da lide, mais, non vivirán para inaugurar a décimo sétima centuria. Os despoxos de ambos os dous heroes, amortallados co brasón da “grande media lúa, tres luceiros e catro globos”, xacen baixo as lousas da parroquial de Cerdedo, ao pé da capela do Rosario que, en pago pola intercesión divina, dotaran e investiran con indulxencias papais.  
Séculos despois, nunha tarde treboenta do verán de 1982, a señora Gumersinda Solla e o señor Vitorino Bouzán, os derradeiros moradores do pazo, transmitíronlle a un neno de Pontevedra (que tiñan por neto), a historia do capitán Gosende, unha anacrónica pantasma que, alertada polas bombardas do ceo, deambula cerimoniosa e marcial polas congostras das Raposeiras.
O primeiro de abril do ano 2012, ao abeiro da hospitalaria Casa Florinda (Pedre-Cerdedo), un grupo de entusiastas da cultura galega conxurámonos para, máis alá das boas palabras e da militancia de gabinete, demostrar con feitos a nosa adhesión inquebrantábel ao proxecto de conservación e promoción do patrimonio de Terra de Montes e, por extensión, da Galiza.
            Os lazos familiares ou sentimentais dos integrantes do colectivo con Cerdedo propiciaron que se escollese este concello, paradigma da Galiza, como territorio de referencia e, así mesmo, como escenario das nosas primeiras intervencións. A denominación escolleita para o colectivo, Capitán Gosende, escusa máis xustificacións.
            Capitán Gosende difire de moitos outros colectivos de natureza e motivacións semellantes en que é unha asociación exenta de cargos directivos e retórica estatutaria, aberta a todos aqueles que, afectos ao progresismo mais obviando matices ideolóxicos, queiran sumar o seu esforzo á ardua tarefa de reivindicación do noso acervo. O debate interno considérase síntoma inequívoco de vizo e louzanía. Suxeitos á dinámica do comando cultural, o noso leitmotiv inspírase no coñecido lema martiano “Facer é o mellor xeito de dicir”. Nestas porfiaremos até que os azos ou a saúde dispoñan outra cousa.
En Capitán Gosende non hai obrigas nin aliñación titular. O grao de compromiso demóstrase coa asistencia e participación nas diversas actividades e cometidos que adoitan escollerse por unanimidade (buscar, documentar, valorar e dar a coñecer). Por regra xeral, corta feira, no faladoiro do Eirado da Leña (Pontevedra), decídese a misión e o domingo vénse actuando. As presenzas non se gaban, as ausencias non esixen xustificación. Non estamos abonados ao martiroloxio, secomasí, aínda gozamos de dignidade abonda como para escoller con quen sentamos a unha mesa. Os que son o problema xamais nunca serán a solución.
Feitas as presentacións, recuemos, de novo, no tempo. En xuño do ano 1592, morto Alonso de Gosende e Quinteiro, a súa viúva, María Núñez, a requirimento do xuíz de Montes, fai inventario dos bens que gozaba canda seu home. O extracto da listaxe, transcrito por Rodríguez Fraiz (Protocolos de Xoán Sueiro, ano 1592), non ten desperdicio.
Velaquí, baixo xuramento, algúns dos haberes do 3º capitán Gosende a finais do século XVI: o casarío das Raposeiras coas súas herdades “no que vivían e moraban”; parte do muíño do Bustelo (ou dos Montinos, ou da carballeira de Meilide), xa por herdanza do falecido, xa por escrituras e títulos de compra. Media ducia de vacas (cinco animais adultos, unha xovenca e mais tres becerros); outros cinco animais; corenta roxelos (cabritos) e outros; tres porcas paridas e cinco bacoriños. Unha arca de castiñeiro de catro pés e trece fanegas, coa súas pechaduras; unha caldeira de cobre e un caldeiro pequeno e vello. Unha meda de centeo; dúas fanegas de millo (miúdo) e outras dúas de centeo. As leiras do Cachafal e do Agro do Val (O Ghordoval), a leira do Saighideiro (O Seidorio), a leira de Foce (A Foza) e As Revoltas de Augalonga, todas elas, entre outras moitas, sementadas de centeo. Unha vaca marela que se vendeu para sufragar as honras fúnebres do defunto. Outros tres becerros. Tres mantas de burel novas, de a tres lenzos; dúas de la, novas, de a dous lenzos; seis mantas de burel de a tres e a dous lenzos, usadas (“que andan polas camas”); lenzos de liño para dúas sabas; vinte e seis meadas de liño; dúas varas e media de xénero que gardaba o defunto para facer unha capa; cinco mesas de manteis novas, tres de liño e dúas de estopa, novas. Un carro de campo usado, dous xugos para bois, un arado de man e un tomoeiro de cedro, usado. Unha fouce e un legón; tres fouzañas de segar pan e un fouzaño de coller palla. Un trado vello. Unha decena de cuncas de pau e cinco pratos de pau; unha mesa grande de carballo na que se adoita comer e catro tallos para sentar. Dúas lanzas, unha longa e outra media, e unha espada de puño do defunto. A roupa do finado, de pouco valor, déuselles aos pobres. Oito galiñas e un capón, e esterco nas cortes e casas onde viven; dúas picañas de ferro coas que se saca o esterco. Unha xuntura cumprida para bois, xa usada, agás os adivais que son bos. Uns armarios de catro portas, xa vellos e rotos. Unha grade usada e vella. Unha arquiña pequena de porte de tres fanegas de pan. Un martelo de man de ferro. Tres touciños curados e dous untos de porco”.
Continuará…
.
.
.

No hay comentarios: