.
.
.
A freguesía de Pedre, *(villa) Petri “o eido de Pedro”, nome de quen posuíu este territorio no antigo, é a portela sudoeste da Terra de Montes. Permanecen indelébeis na miña memoria aquelas sextas-feiras á tardiña cando, tras a trafega semanal, a familia, a bordo do indestrutíbel 600, encamiñaba o seu lecer cara ao val de Cerdedo: …subir a Ponte do Barco, atravesar a aldea de Pedre, baixar a Vichocuntín, subir o Coteliño e xa!… .
.
“Canto, ai, mudar pode longa e vetusta idade!”, laiábase o bardo de Ponteceso pola obra do tempo, malia que, adoito, sexa a malfadada man do home o axente dos cambios irreversíbeis. Véxase Pedre e a súa cacarexada urbanización, sancionada por Patrimonio.
.
Baixo o enlousado de cemento da estrada, baixo o refugallo de obra da Eira Ghrande, baixo a marea de piche, déuselle sepultura ao Pedre que engaiolara o arquitecto Pedro de Llano, guionista do fermoso documentario “A arquitectura popular en Galicia”, producido en 1984 pola TVE. Nós, “mutatis mutandis”, temos saudade da aldea que, aínda a comezos da década dos oitenta, lucía incólume perante as cámaras da televisión.
.
Unha das webs, disque promocionais, do concello de Cerdedo (www.adosnet.com/Cerdedo), impecábel realidade virtual, gábase da “encantadora atmosfera pantasmagórica” do estremeiro Vichocuntín “xa que está condenado polo futuro e sempre teórico proxecto dun encoro”. Tras esta desacougante descrición, a dita web enumera prolixamente o patrimonio monumental ameazado. Non vos riades que o conto é triste.
.
A ocorrencia da “atmosfera pantasmagórica” pódeselle aplicar a todo o concello de Cerdedo, de xeito especial, á aldea de Pedre. É coñecido o emprego dos recursos paranormais como reclamo turístico por parte dos ingleses, mais cómpre facer fincapé en que nas Illas Británicas non hai pantasma sen castelo. Por desgraza, os nosos espíritos vanse ter que conformar cos túneles do AVE.
.
Por outra banda, a mención da ultratumba permíteme verificarlles que, fronte ao magoado patrimonio arquitectónico, o acervo lendario consérvase no lugar en perfecto estado de revista. A saber:
.
Rodríguez Fraíz ofréce nos seus escritos noticias dun medieval Petrus Petri, Pedro de Pedre, compostor da ponte romana sobre o Lérez e presunto proxenitor do célebre mestre Mateo, artífice do Pórtico da Gloria. Este Pedro canteiro é posterior ao Pedro terratenente que lle deu nome ao poboado.
.
O día 2 de decembro de 1745, Frei Martiño Sarmento, de camiño ás Raposeiras de Meilide, enxerga nun peitoril da sobredita ponte de Pedre as letras M V R. De non ser a sinatura de Pedro o ponteiro, cando menos o R podería lembrar a personaxe de Rosiña, heroína aldeá dos tempos do invasor francés, aínda que a francesada non acontecerá até comezos do século XIX. De calquera xeito e, segundo se escoita, a afouta e garrida Rosiña de Pedre preferiu entregar a súa vida ás avoltas augas do Lérez, precipitándose dende a outa ponte, antes que someterse aos libidinosos caprichos da soldadesca.
.
No lugar do Salgheiro érguese a impoñente casa da Inquisición, nobre casona do século XVII, cuxas cortes e cortellos foron en orixe lóbregos alxubes onde se lles aplicou tormento ás teimosías heréticas. No lugar da Poza áchase a casa do Espiritismo. Contan que a comezos do século pasado o señor Alfredo, emigrante retornado do Brasil, celebraba arredor dunha mesa de madeira secretos rituais cos que se obtiñan respostas do Máis Alá. As mediacións do espiritista aboábanse en especie. No camiño das Laceiras, no monte de Pedre, seica se agocha un tesouro encantado. O crego Xosé Paramá, cara ao ano 30, cavou e cavou no lugar por ver de desencantalo, mais desisitiu cando unha voz arrepiante, xurdida dos engumiños da terra, espetoulle: “Faltan o pan e o viño que a carne xa a temos!”.
.
E se tivese o xornal en por min, falaríalles da Pena que Tangue, do lobo comellón que fai a espera no muíño de Xosé da Eira Ghrande, no río do Barco; da grade de ouro afundida na poza Neghra do Lérez, da Casa do Ladrón, da galiña dos pitos de ouro, dos responsos da señora Xusta, dos agoiros do señor Lino… Canta maxia acugulada debaixo do cemento!
.
Faro de Vigo, 31-8-09
.
Tamén se pode ler en:
.
.
>>>
.
.
>>>
Fotografía: Fasquía actual da Eira Ghrande de Pedre. Os nomeados canastros conviven a carón do anárquico enlousado, dos cruceiros mercados nun "todo a cen" e dos farois "isabelinos".
.
Constátese o da "atmosfera pantasmagórica" de Vichocuntín:
.
..
Constátese o da "atmosfera pantasmagórica" de Vichocuntín:
.
.
No hay comentarios:
Publicar un comentario