13/8/09

LONGA NOITE DE PEDRE

.
.
.
.
.
O señor Roxerio Arca, memoria viva da represión, flanqueado por dous amigos, durante o acto de homenaxe aos mártires cerdedenses (Pedre, 13 de agosto de 2009)
.
.

Longa noite de Pedre


amanheceu raso na Ponte do Barco,

no antigo quilómetro 74 da estrada de Ourense.

amanheceu, e un bando-paxaro de luz

encandeou a longa noite de Pedre.

bailou o sol coma nun sanxoán adoecido

e no efémero intre do feitizo,

unha arca ateigada de bugalhos baleirara na valinha

a súa carga atómica.

a vaga expansiva abuxardou os muros das igrexas,

os xugos tornáronse torques de ouro tribo

e as frechas, ferróns hipodérmicos cos que chuzar

nas nádegas pensantes.

.

amanheceu surado na Ponte do Barco,

no antigo quilómetro 74 da estrada de Ourense.

amanheceu, e o ceo derrafado en po de auga

axinha deveu en mesto dioivo.

foi tamanha a chea que o maino río da memoria

asobordou os peitorís do esquecemento;

tamanha a enxurrada, que a frouma xunta,

monte a monte,

atinxiu a rebolos o esteiro, a badía e mar aberto.

xa fica expedita a ribeira,

xa fican mondas as veigas…

agrome, daquela, vizosa a semente

na revolta do antigo quilómetro 74;

douren louzás as centeeiras,

moian lixeiros os muínhos, cozan fartas as tafonas,

que a enfornada de hoxe

ha saciar tanta fame coma inxustiza coubo nas tripas.

.
(Incluído en Pan prós crocodilos, 2009)
.
.

No hay comentarios: