.
.
.
Ameazaba chuvia, mais non che hai andrómenas que vallan cando un leva por guía a Isidro Peleteiro, admirado amigo, veciño da desfigurada aldea de Pedre. A cerna de Cerdedo gorécese baixo o corazón de Sidro do trebón e do pedrazo, pois Terra de Montes sabe moito de enxurradas. Daquela, tocaba camiñar.
.
.
Abeiramos o coche no adro terreiro da ermida do Pegho (lat. pelagum “pozo profundo”), aínda en pé na ourela dereita do Lérez de Parada. Observando o sagro edificio, un atinxe sen esforzo o retrato do país: rexos muros sostendo a bóveda celeste (velaí a tradición); no chan, amasillo de trabes, cangos, ripas e tellas (velaquí o presente): país cabriolé, país sen capota; un país dos que chove máis dentro ca fóra.
.
.
Malia ser xeitosa a metáfora e pese a miña agnóstica condición, pregueille ao nume do lugar que apurrase na autoridade a vontade de dignificar estas nobres ruínas –magnífica bóveda de canón artesoada, sobre o altar maior– e a súa contorna. Conforme ao maxisterio de John Ruskin, abondaría con restaurar o retablo e a pintura mural, retirar o cascallo e pasar a vasoira; quizais cos cartiños que para estes mesteres (e para outros) foi enviando Europa dende a década dos oitenta: máis de dous billóns das antigas pesetas!! (Ulos eles?) Quizais, xa todo o achande o AVE.
.
.
Botounos ao camiño a relectura dunha pasaxe de O río Lérez, obra da autoría do pontevedrés Luís de la Riega, publicada en 1892. O tal Luís viña sendo tío de Celso García de la Riega, á sazón, precursor da tese do Colón galego.
.
.
No dito libro, fluído diálogo entre o río Lérez e o océano Atlántico, De la Riega escribiu: Moi preto da ponte do Pego, teño na miña ourela esquerda […] unha presa […] Despois de percorridos uns 100 metros da presa indicada, existe na mesma ourela e a 40 metros máis arriba, a recta e ancha base dunha rocha que ten 11 de longo, 7 de largo e 4 de grosor; rocha que en 1882, por efecto sen dúbida dunha brusca sacudidura do chan, rolou até o meu leito, estremecendo na súa caída os lugares inmediatos e producindo un ruído que se escoitou en Cerdedo, ou sexa a unha distancia de 5 a 6 quilómetros. Alí a verás implantada no meu leito chamando a atención de cantos transiten por aquel esgrevio lugar. Na indicada base da rocha e na face da mesma que me fai fronte, podes ver multitude de caracteres ou signos que mans celtas sen dúbida gravaron alí […] Xulgo que estas inscricións […] deben conter o relato dalgún feito importante ou a historia dalgunha antiga colonia…
.
.
O singular achado do vello De la Riega, do que me fixen eco tanto no Inventario da freguesía de Cerdedo (2002) coma no Almanaque de encantos (2005), xa encarreirara os meus pasos río abaixo en anteriores ocasións. Un non se ve farto de procurar tesouros agochados, máxime cando o que fora cronista oficial da bisbarra de Montes, Antonio Rodríguez Fraíz, amentara o asunto no seu libro As pontes do Lérez, publicado en 1987. A maiores, o cura de Campañó engadiu saborosas noticias dimanadas do saber popular e xa reflectidas no célebre Ciprianillo: Un guichiño máis abaixo hai outro pelouro desprendido do muro de dona Gurina de Folgoso, figura un castelo ou fortaleza, que as xentes da bisbarra chaman “Torre dos Mouros”. Moimentos máxicos ou relixiosos da alborada céltiga.
.
.
No dito Almanaque fixen por achegar o meu gran de area. No lugar de Cerdedo recollín testemuño das andanzas de dona Ghurina (cecais, Godina, antropónimo suevo), raíña moura que mandara construír a súa fortaleza sobre o canón do río Lérez, a nomeada “Torre dos Mouros”. Recadei asemade como a prodixiosa edificación fora derrubada polos couces e patadas do cabalo do apóstolo Santiago, e tamén como a mouramia, baténdose en retirada, apremada pola furibunda acometida, somerxera no pozo Neghro do río boa parte da súa riqueza. Atopar o niño do ouro segue a ser unha tarefa pendente.
.
.
Par de dous, descemos o río pola súa beira esquerda, amolados pola asoballadora presenza do formigón da canle da hidroeléctrica, barreira inexpugnábel para a fauna da zona, construída sobre a antiga levada de pedra da Fábrica da Luz de D. Secundino de Cerdedo.
.
.
Uns centos de metros máis abaixo, fincado no leito do río, á sombra dos ameneiros e arrolado polo borboriñar da auga lizgaira –xamais deixará de abraiarnos–, xacía o descomunal penouco, ciclópeo cachote das torres da moura Ghurina, sumido no sono insondábel das montañas.
.
Faro de Vigo, 30-7-2009
.
.
Véxanse as fotos publicadas na 1ª parte:
.
.
Faro de Vigo, 30-7-2009
.
.
Véxanse as fotos publicadas na 1ª parte:
.
No hay comentarios:
Publicar un comentario