21/8/09

TOPÓNIMOS da LEGUA do FRADE (monte do Seixo)

.
.
.
.
Este vello topográfico (anterior á edición de 1986), xa recolle algún dos chamadeiros do nemeton do monte do Seixo, vencellado ao relato histórico-mítico da Legua do Frade (Léase: Monte do Seixo. O santuario perdido dos celtas, 2009).
.
Con toda certeza, o topónimo A Porteliña fai referencia á peneda tamén denominada (A) Portalén, o portelo do Outro Mundo. O castelanizado topónimo "Marco de las Ventanas" refírese ao Marco das Ventás (relacionado co vento (lugar ventoso), non coa ventá (fiestra), aínda que compartan etimoloxía). Esta pedrafita tamén se coñece por Marco do Vento ou Marco do Seixo. Ambos os dous chamadeiros aparecen no mapa, indicados un chisco ao norte da súa localización real. O cume de 993 m de altitude correspóndese á Cruz do Seixo.
.
Obsérvese na ilustración a súa singularidade fronteiriza: o concello de Forcarei ao norte, o da Lama ao leste e o de Cotobade ao oeste. Uns centos de metros cara ao norte, deslindan os concellos de Cerdedo e Beariz. Cerdedo, Forcarei e Beariz integran a bisbarra histórica da Terra de Montes. Na altura do Marco do Vento e Portalén, converxen o camiño de Coto, o camiño da feira de Doade e o camiño real Pontevedra-Ribadavia.
.
O outeiro denominado neste topográfico "Nido do Lobo" (recanto inferior dereito), foi plenamente galeguizado na seguinte edición (Niño do Lobo) e regaleguizado na seguinte (Neno do Lobo), mais nada ten que ver nin cos fundadores de Roma nin con Ramu, aquel "neno lobo" da India.
.
.

No hay comentarios: