8/7/09

TAREIXA NAVAZA: O compromiso coa verdade

.
. .
.

Entrevista publicada no Xornal de Galicia (5-7-2009):
.
Milleiros de persoas, moitas das cales nin sequera eran proxectos alá por 1984, teñen visto no canal de vídeos de Internet Youtube unha parte da emocionante narración da xornalista Tareixa Navaza –agora prexubilada– durante a chegada dos restos de Castelao en medio de incidentes. Un cuarto de século despois, segue orgullosa daquela retransmisión que lle custou o cargo ao daquela director de Televisión Española en Galicia, Alexandre Cribeiro, xa falecido.
.
Unha retransmisión histórica tanto polo que emitía como polo que dixo.
Hai que ter en conta que daquela eramos a única televisión que existía. E había unha grande expectación. Como a retransmisión era en directo, era longa e foino máis polo adiamento do avión, tiña preparados fragmentos do Sempre en Galiza para levar a espera e, de paso, que se coñecese máis o pensamento de Castelao. O que pasa é que os que o traían querían que só se fixera público o perfil máis lixeiro do artista, a súa vertente dos debuxos de velliños ou cousas así. Pero Castelao era iso tamén e eu limiteime a ler a súa obra. Iso enfadou a moitos, que incluso chegaron a chamarme terrorista, pero o que fixen foi homenaxear a Castelao a base das súas propias palabras e outras poucas de intelectuais, como Valentín Paz Andrade ou Uxío Novoneyra, que era o propio nese acto. Non foi tendencioso.
.
Recibiron algún tipo de recomendación política dende os Gobernos?
Non. O director do centro territorial era Alexandre Cribeiro, un gran profesional e home de esquerdas e comprometido co país. El díxome que tiña total liberdade. Entón, Televisión Española en Galicia estaba localizada no Obradoiro, co Concello de Santiago e a Xunta. Alí estaba Cribeiro seguindo a retransmisión e canda el estaba o Gobernador Civil. Cando a policía carga contra os manifestantes cunha forza tremenda, nós mantemos a imaxe aí, é algo moi impactante, e entón, na central a autoridade esíxelle ao noso director que pare a retransmisión, que iso non se debe emitir. Cribeiro é firme e dille que de ningunha maneira, que o directo continúa. Iso custoulle o posto, xa que foi cesado e enviado a Madrid. Pero aquelas imaxes existen agora grazas a el.
.
No persoal, vostede cría que se daban as circunstancias apropiadas para o regreso dos restos de Castelao?
En base ao que el mesmo escribiu, creo que non.
.
Vostede responde perfectamente á figura da xornalista comprometida.
É algo do que me sinto moi orgullosa. Estiven coas feministas, cos obreiros da reconversión naval, cos obxectores de consciencia... E eles estiveron comigo, porque ter unhas ideas custoume moi caro. Eu debín de ser unha das primeiras persoas ás que lle fixeron iso que agora chaman mobbing ou acoso laboral. A min mandáronme aos "pasillos", cobraba o soldo pero non me deixaron traballar durante anos, como moito poñerlle voz ao que escribían outros. Quitáronme ata a mesa, estaba soa nun faiado. Resistín, pero é terrible a utilización política das televisións públicas.
.
.
>>>
Véxanse, unha vez máis, as impactantes imaxes da chegada a Bonaval (Compostela) dos restos mortais de Afonso R. Castelao, o 28 de xuño de 1984, trinta e catro anos despois do seu falecemento no exilio Bonaerense:

http://www.youtube.com/watch?v=tnI3b2h3M7U

.

No hay comentarios: