25/7/09

O ENIGMA do apelido CADAVIDE

.
. .
.
Solución A:
O apelido Cadavide é un antropotopónimo, é dicir, o nome dunha propiedade rural vencellada ao nome da persoa que a explotou na antigüidade. A etimoloxía que se albisca, *(villa) Cataviti, viría significar "o agro de Catavito", sendo Catavito o chamadeiro deste antigo posesor. Os topónimos Alvite (de Alvito), Arcade, Baamonde, Bande, Beade, Caride, Cartelle, Chorente, Crecente, Moeche, Melide, Oeste, Paderne, Pedre, Rosende, Xermade, Xove... son tamén antropotopónimos.
.
Solución B:
A forma Cadavide é voz derivada de cádavo, (probabelmente do latín catavu(m)). Cádavo é un agrotopónimo, isto é, un topónimo relacionado coas prácticas agrícolas e, en particular, co inveterado costume de fertilizar as agras coa borralla resultante da súa queima. Cadavide emparenta con Cádavo, mais tamén cos topónimos Cadaval, Cadavedo, Cadaveira, Cadavosa, Escadavada...
.
Solución C: Tamén como antropotopónimo, pódese interpretar Cadavide como forma sincopada da expresión Cas Davide "a casa de Davide" (Davide é un antropónimo de orixe hebrea que posúe os significados de "amado", "respectado", "amigo" ou "comandante"). O topónimo Casalvito "a casa de Alvito", viría ser un antropotopónimo de estrutura semellante.
.
.
A forma Cadavide, castelanizada en Cadavid ou Cadaviz, está presente, como apelido, nos concellos de Guntín e Lugo (provincia de Lugo) e mais no concello de Pontevedra (provincia de Pontevedra). A forma Cadaviz, como apelido, está presente no concello de Narón (provincia da Coruña), no concello de Ourense (provincia de Ourense) e no concello de Vigo (provincia de Pontevedra). Pola súa banda, a forma Cadavid, como apelido, está presente en 46 concellos, sendo no concello de Cerdedo (provincia de Pontevedra) onde presenta unha densidade meirande. O apelido Cadavide é un apelido orixinario de Cerdedo, mais nin neste concello nin en ningún dos outros 314 da Galiza, existe o topónimo que o xustifique (Consúltese o Nomenclátor).
.
Se o apelido Cadavide está relacionado co nome dun lugar, que eu non poño en dúbida, este desapareceu sen deixar pegada ou foi substituído, nalgún momento da historia, por outra denominación. Cómprenos pescudar, daquela, na vella documentación por ver de esclarecer o enigma.
.
.
>>>
O mapa de distribución do apelido, no cal sobrancea o concello de Cerdedo, tireino da Cartografía dos apelidos da Galiza, elaborada polo ILGA.
.
.

No hay comentarios: