26/6/09

PEROLAS DE POLBO A FERVER

.
..
.

A pulsión escritora pódese adscribir, no meu caso, á categoría das necesidades fisiolóxicas. É dicir, unha urxencia da mesma caste que a fame ou a sede, e mesmo, sen pretender raiar na escatoloxía, unha urxencia identificábel con calquera sorte de evacuación.
.
Degoro escribir e, abofé, prodígome no vicio, malia que non todo o que se escribe sexa merecente de atinxir o papel impreso. De calquera xeito, o labor da escrita impide que outros demos okupen o predio da miña consciencia.
.
As motivacións dun pódense clasificar tamén en pulsións de oficio e mais en arroutadas. As motivacións de oficio apazugan as tripas do cerebro e, asemade, reconcílianme coa tribo. Procurando un exemplo na natureza, acaeríanos o cadencioso periplo do tornasol, a flor que de xeito cotiá persegue a estrela na súa viaxe polo ceo.
.
As arroutadas cumpren unha función análxesica, é dicir, análoga á da metadona ou á do licor-café. Voltando á natureza, a zuna do congro por trabar a man de quen o pescou ou por chimpar da ghamela exemplificarían á perfección estoutras motivacións.
.
Concretando o asunto na miña bibliografía, direi que o que me empurrou a escribir o “Inventario xeral da freguesía de Cerdedo” (de 2002), o “Monte do Seixo” (de 2008) ou os “Inmateriais do río dos Gafos” (de 2009) vencéllase, como galego que son, coa miña obriga de revelar e enxalzar o noso acervo. Porén, o que propiciou a escrita do “Cerdedo in the Voyager I” (de 2004), o “Libro de reclamacións” (de 2005) ou o “Pan prós crocodilos” (de 2009) é a certeza, entre outras, de que Galiza aínda non safou das cadeas do colonialismo.
.
Ao meu entender, o país é feracísimo en creadores e creativos (poetas, ensaístas, pintores, músicos…), cantidade e calidade, mais, bardante os galeguistas que acadaron o Estatuto do 36, a nosa terra non deu outra cousa que políticos perralleiros, que nin souberon nin saben xestionar a nosa diferenza, e así nos vai.
.

Pontevedra, 25 de xuño de 2009

..

No hay comentarios: