24/6/09

CONTRA A OCUPACIÓN MILITAR DE SALCEDO

.
..
O EMBIGO DO BECHO reproduce o texto do comunicado da asociación Vaipolorío en favor da causa dos veciños de Salcedo:


COMUNICADO DE APOIO OS VECIÑOS DE SALCEDO
.
Dende a asociación Vaipolorío queremos facer público o noso apoio á marcha convocada polos veciños de Salcedo para o vindeiro día 28 de xuño en contra das faixas de seguridade da Brilat.
Coidamos que a imposición destas faixas de seguridade e as obras que se están a producir no monte comunal de San Martiño de Salcedo, ocupado polo exército, non só son un grave atentado contra as liberdades, os dereitos e as propiedades dos veciños afectados e o uso veciñal do monte en man común senón que tamén supoñen un grave perigo para o medio ambiente da zona afectada, para o desenvolvemento sostible do monte e para os plans de recuperación de frondosas que se queren pór en marcha. As obras de ampliación dos campos de adestramento están a alterar os leitos naturais das augas pluviais, dos mananciais e dos regatos, o que prexudica a fauna, a flora e o equilibrio natural dos ríos dos que bebe o río dos Gafos. Ademais da perigosidade e dos prexuízos ecolóxicos que producirán as prácticas de combate que alí se leven a cabo.
O establecemento da faixa lonxana de seguridade, que abrangue case a totalidade do curso do río dos Gafos, chegando incluso á zona urbana de Pontevedra e Marín, pon en serio perigo a recuperación e a conservación de toda esta contorna de grande interese natural e patrimonial.
.
Por todo isto, dende Vaipolorío convidamos a cidadanía de Pontevedra a sumarse a esta marcha contra as faixas de seguridade, contra a destrución do medio ambiente e do patrimonio cultural e polo ben da xustiza, a democracia e a liberdade.

..
..

No hay comentarios: