. .
Idiomas para galegos.
.Seica os nenos teñen unha grande vantaxe sobre os adultos: apañan sons de idiomas diferentes e métenos noutras tantas partes do cerebro que logo se interconectan. Por iso os aprenden tan ben, coa correspondente fonética.
.As linguas fanse con palabras, sons encadeados, estruturados segundo códigos. Representan xeitos de pensar e sentir recollidos nunha memoria colectiva. Cada lingua é unha nación e os que falan moitas son máis humanos cós que falan poucas porque pertencen a máis pobos.
.Se en Galicia non houbese traumas de fala, a xente ensinaríalles na casa aos fillos a patrimonial e deixaría que, mergullados nun mundo mediático castelán, aprendesen a lingua franca de España e Hispanoamérica (donda forma de "galego oriental vasquizado e mozarabizado"). Despois procurarían que na escola se paralelizase o ensino de castelán co do portugués, "galego estremeño, mozarabizado" cunha fonética -por veces forzada- coincidente en moitos aspectos coa do francés, lingua latina ben fácil de aprender.
.Na mente dos rapaces é sinxelo armar os crebacabezas das tres latinas máis estendidas polo mundo: castelán, galaico-portugués e francés. E o frances pode axudalos moito a entraren no híbrido xermanolatino que manda no globo, o inglés: quen fala francés ten a metade do vocabulario inglés no peto.
.Nunha Galicia orgullosa do que lle deu ao mundo, non abonda con "español e inglés". O percorrido sería do galego ao inglés, pasando polo portugués e o francés (sen esquecer o castelán, of course).
.La Voz de Galicia, 10-6-2009.
...
No hay comentarios:
Publicar un comentario