Advertido polo amigo Rafa Quintía (G.E.E. Serpe Bichoca), e para maior escarnio dos supostos estudos de impacto arqueolóxico desenvolvidos no monte do Seixo que propiciaron a instalación na montaña dun parque eólico, achego unha ortofoto tirada de Google Maps, onde se observa o aliñamento (uns 500 m de lonxitude) que, de levante a poñente, une as lagoas de Xestido (Lagoa Grande) coa peneda do Castro Grande. Como ben se observa na ilustración, o trazado dunha das pistas da explotación industrial vulnerou a súa integridade. . Segundo a mítica tradición, o aliñamento de chantos, hoxe derrubado, vén sinalando o pasadeiro soterrado que pon en comunicación a asolagada cidade de Trentinán co pozo Sangoento, pego do río do Seixo, pasando baixo o impoñente Castro Grande. . Léase: Monte do Seixo. O santuario perdido dos celtas, 2009. . .
No interior das antigas casetas da Forestal, localizadas no Outeiro do Coto (1.015 m de altitude), ao norte do Seixo, e no Coto da Santa Mariña ou A Mira (996 m de altitude), ao sur do Seixo, sería aconsellábel a colocación de senllos paneis informativos nos que se recrease o espazo físico-mítico que se dexerga dende cada unha delas. As casetas, previamente acondicionadas (impermeabilización, carpintaría...), gorecerían os paneis das inclemencias meteorolóxicas. Estes paneis glosarían o amplo horizonte que se domina dende as xanelas. (Consúltese: Monte do Seixo. Reivindicación da Montaña Máxica, 2007).
. .. .
.
.
Coordenadas das casetas (tiradas do SIXPAC):
.
Caseta do Outeiro do Coto, concello de Cerdedo (Fotografía 1):
.
Latitude: 42º 30' 9.52" N
Lonxitude: 8º 22' 5.67" W
.
Caseta do Coto da Santa Mariña, concello da Lama (Fotografía 2):
Na ilustración, obsérvase con clareza o perfecto aliñamento das tres mámoas de Chan de Mamas coa fonte do río do Seixo. Asemade, visualízase o grao de destrución padecido polo xacemento arqueolóxico neolítico coa instalación no malfadado lugar dun desmesurado parque eólico. Comprobemos o arbitrario da decisión:
.
-Mámoa 1 (na fotografía: risco superior), destruída por mor do soterramento do cableado.
-Mámoa 2, asoballada polo edificio da subestación eléctrica.
-Mámoa 3 (ou Mámoa Ghrande), transformada nunha rotonda.
.
Na Internet achamos información sobre os tres megalitos estragados, o que pon en cuestión a existencia dun estudo de impacto arqueolóxico serio:
O risco inferior, sinala a nacenza do río do Seixo que desauga (ou desaugaba) na desaparecida Laghoa Media.
.
Coordenadas da Mámoa Ghrande, concello de Forcarei (tiradas do SIXPAC):
.
Latitude: 42º 29' 27.15" N
Lonxitude: 8º 22' 3.89" W
. . . .
No espazo achandado diante da subestación, empregado na actualidade como aparcadoiro, cumpriría, cando menos, a colocación dun panel informativo onde se dese razón dos oito itinerarios que compoñen o Roteiro da Montaña Máxica, posto que todos teñen como punto de partida a Mámoa Ghrande (Consúltese: Monte do Seixo. O santuario perdido dos celtas, 2008).
No Itinerario 1 (Chan de Mamas>ermida da Santa Mariña) do denominado Roteiro da Montaña Máxica (Consúltese: Monte do Seixo. O santuario perdido dos celtas, 2008), cómpre abrir, mediante roza, un camiño de pés dende as proximidades da Cruz do Seixo (na fotografía: risco superior) até Portalén (na fotografía: risco inferior) duns 270 m de lonxitude. A dita senda permitirá un achegamento frontal á peneda de Portalén, sobranceando a súa connatural maxestosidade.
.
Este proxecto será factíbel sempre e cando, as leis que permitiron a apertura das pistas, os movementos de terras, os explosivos etc. para a instalación do parque eólico, permitan agora rozar uns feixes de toxo, pois, lembremos, o monte do Seixo forma parte da Rede Natura.
.
Coordenadas de Portalén, concello da Lama (tiradas do SIXPAC):
O pasado xoves, 13 de agosto, Verbo Xido honrou, como xa é costume, a memoria dos republicanos cerdedenses asasinados na Ponte do Barco de Pedre pola hoste fascista do 36. Escribín para a ocasión un poemiña, intitulado “Longa noite de Pedre” –sobran máis explicacións–, publicado no nº 22 do boletín da asociación e recitado con voz emocionada o día de autos.
.
Coidando acaído o momento, poño arestora no coñecemento de vostedes uns feitos acontecidos na aldea de Abelaíndo de Cerdedo, alá polo ano 37. Relatoumos alguén que aínda lembra aqueles días funestos e asemade turra en transmitir os recordos para evitar que a inxuria esvaeza tras a néboa do esquecemento:
.
O verán camiñaba cara á súa fin. A guerra devorara o seu primeiro ano. Era domingo pola tarde, e os nenos M., S., D. e mais M. gozaban dunha folgada xeira de grilos, chapuzadas na poza de Afoghacás e amoras en sazón, consumindo a embute a liberdade que lles outorgaba a inocencia. Ía unha calor de treboada. Do ceo, aberto de par en par, afociñaba un sol esmechante. Ao agocho de ameneiros e abelairas, coas troitas como únicas testemuñas, aquela cándida nudez alba e osuda mergullábase nas frías e sombrizas augas do río Seixo. Tras o baño, a tripaxe dos pícaros deu en rosmar demandando conforto. Baixaran as sombras. Os cativos fóronse afastando da ribeira acirrados pola fame, mais tamén pola encomenda patrucial de ir buscar as vacas ao monte contra a tardiña. Congostra arriba, vendimaron de novo as silveiras na procura do beixo doce e zumarento das súas bagañas.
.
Non todas as amoras foron parar ao papo. Na cachola dos nenos había tempo que rebulía unha misteriosa palabra, un dito escoitado en voz baixa na casa, un conto calado: UHP, UHP, UHP… Descoñecían os rapaces o significado da consigna libertaria (“Uníos Hermanos Proletarios”), non viña no “silabario”, mais había algo nela, froita prohibida, que a facía irresistíbel. Nun arrouto, algún deles deu en soletrear cantaruxando as siglas revolucionarias: UHP!, UHP!, UHP!… Ao pouco, todas catro voces entoaban ao unísono. Non ficou aí a ousadía. Coa tinta das amoras, arremedando cando, na escola de Biduído, lle daban a lección ao mestre don Manuel, escribiron a tríade en canta pedra atoparon: ora no cachote dos valos, ora nas lousas das corripas… Cando entraron co gando no rueiro, o ronsel do UHP atinxía o camiño do Porto da Laxa, o camiño das Azoreiras, o das Veighas do Monte, o do Outeiro Longo, o camiño da Aldea de Riba, a Encorcillada… Crédeme, nin na Revolución de Outubro do 34!
.
Descorreu o pano da noite e raiou un novo día. Estarricouse o sol polas lombas do Seixo e a fazaña da escribidela marchara no carro de Pedro Chosco, mais non así, a tinta das amoras.
.
Alguén bateu co graffiti e deu aviso en Cerdedo. Cara ao mediodía apareceron pola aldea unha parella de requetés, todo fachenda, ao lombo de senllos cabalos. Non traían boas intencións. A toque de campá, convocaron os veciños no adro da capela. Homes, mulleres e nenos formaron diante deles co cu apegado aos muros do Socorro. Esixiron os armados que os responsábeis das pintadas desen un paso á fronte. Cando se lles explicou que fora cousa de rapaces, insistiron en saber os nomes dos instigadores. O asunto tiña trazas de rematar traxicamente. Antes da guerra, a meirande parte dos canteiros de Abelaíndo estaban afiliados ao sindicato da CNT. Na idea dos falanxistas estaba levar canda eles para Cerdedo uns cantos homes, escolleitos ao chou, para ver de interrogalos convenientemente, sen présa; agoirábase carniza. De súpeto, os catro nenos, traspasados polo medo, albiscando as consecuencias da trasnada, romperon a chorar, mesmo algún foise polos pantalóns abaixo. O pranto inconsolábel dos cativos encoraxou o pobo e o silencio amedrentado converteuse en tumulto. Os da pucha vermella, en vendo perigar a súa integridade, apertáronlle a espora ás cabalgaduras e enfilaron cara a Cerdedo sen botar a vista atrás.
A data da homenaxe a cantos morreron por Galiza foi fixada en 1942 por Castelao e o Consello de Galiza no exilio, coincidindo co cabodano de Alexandre Bóveda, asasinado polos franquistas o 17 de agosto de 1936 no monte da Caeira, no concello de Poio (Pontevedra). . Biografía de ALEXANDRE BÓVEDA: .