28/11/10

A TERRA DE MONTES, BÁLSAMO POÉTICO EN AMADO CARBALLO

.
..
.

Dedicado a Isabel Rei, compañeira do IGEC.

.
O poeta pontevedrés Luís Amado Carballo, afectado dunha grave doenza pulmonar, pasa o verán de 1926 en Soutelo de Montes, na procura do seu restablecemento. Seducido pola paisaxe aldeá, escribirá "O galo", poemario inspirado na outrora vizosa Terra de Montes.

.
.
“Luís Amado Carballo
1901-1927 atópase moi perto de nós. O seu pulso latexa con forza...”
. Deste xeito, o escritor cerdedense Otero Espasandín, coetáneo, principiaba o seu limiar a “O galo”, poemario póstumo do efémero poeta pontevedrés.
.
Amado Carballo naceu na vila do Lérez e, na mesma ribeira, arrebatóunolo a morte de xeito temperá, so a fasquía de bacilo de Koch. Poeta Amado, non foi o seu segundo apelido garante de lonxevidade, máis ben, de decotas do cedo.

.
Seguindo o consello dos galenos doutrora, peregrinaban os corpos magoados na procura das auras salutíferas. Os montañeses, cara aos areais –albas poubanas inmersas na nona ablución do mar de Marín–. Os pescos, cara á atmosfera destilada da montaña interior. Cerdedo e Soutelo, balnearios de seco, pousada e fonda dos que fiaban o seu restablecemento ao “cambio de aires”. Foi Amado Carballo o noso hóspede, romeiro do ampear a pleno pulmón, e a súa estadía pagouse ao contado, con moeda cuñada na ceca dos “ollos namorantes que gardan a lúa dentro”.

.
Xamais vinte e seis anos deron para tanto. Amado Carballo, foguete de sete estalos, lóstrego e trebón, chuchou a súa existencia a grandes bocaladas, enviando ao peito, convulsivamente, todo o fume do seu mancado vitalismo: “Este fondo mal que eu teño ninguén mo pode sandar; a miña alma no ensoño por vieiro iñorado vai.

.
Filosofía e Letras, mestre, xornalista, fundador da revista “Alborada”; prosista: “Maliaxe” (1922), “Os probes de Deus (1925); poeta orixinalísimo: “Proel (1925), “O galo (1928)... Hai quen precisaría tres vidas das de hoxe.

.
O Hilozoísmo, ou Imaxinismo, corrente de vangarda que el inaugurará para a literatura universal, cínguese como luva á visión que a galeguidade lle dispensa á natureza irmá. O animismo celta, elevado ao grao de liturxia polas comunidades priscilianistas, destílase pedralume nos seus versos. Todo neles é céltica prosopopea: “chora o ceo estremecido, do gris inverno amaiado / O vento anda espenuxado ouveando como un can / Os verdes campos sensuais fuman o opio do día / Con arelanzas de lobo o vento abanea as portas / A Lúa é velliña, de brancos cabelos, de enrugas de ouro e de olliños cegos / No dondo colo do vento quedous’a choiva durmida”.

.
Depáranos o testamento poético de Amado Carballo (Letras Galegas, 1982) acendido louvor da entrañábel paisaxe labrega, hogano prostituída. Cántalles o poeta á ponte e mais ao río, e eu escoito fungar o Lérez, enfiando o arco de Valoutas: “Para camiñar polo mundo abrázanse ponte e río...”. Componlle rimas ao cruceiro, e eu dexergo, estantíos, o de Santo Antonio, o de Vichocuntín, o de Quireza...: “O xesto monacal da pedra benzoa o acougo da aldea”. Ármalle coplas ao gaiteiro e, ao lonxe, ecoa o silabario de Avelino de Soutelo: “No seu xemer leva a gaita afogado un corazón”. Bótalle unha ao muíño, e eu moio de mestura nos da Cavadosa, no do pozo Fumeghas, no das Raposeiras de Meilide...: “Chouta no muíño, tolo remuíño das ágoas ferventes, a escuma alboral”.

.
E souto atafegado a súa castiñeira e apaño, ourizo regañón, o “Canto de arada”, aturuxo do galo campante, himno
non haberá mellor do lar de Forcarei:
.
Xa saíu a Lúa choca

levando o fato dos pitos

enriba de Pardesoa.

Encol da Terra de Montes

funga o Sol como unha abella

deixando vinchas de mel

escoando polas leiras.

O vento cego relouca,

viúvo de clocheles e árbores,

no casal de Vilapouca.

.

O noso Otero Espasandín, conmovido polo osmar da gadaña en cas do poeta enfermo, escribe: El agardaba vivir nunha escola de montaña –quizais polo outo Paraño– onde se reporía da sáude perdida na bretemosa beiramar.

.

Reclamamos o teu cadáver, meu mozo eterno. Non te salvaron as nosas xistras e carazos, os nosos solpores ensanguentados, as nosas esgrevías invernías, os nosos esmechantes veráns, mais a túa alma delóirase recachada no laxedo das eiras comunais, no pasteiro bicado polo orballo, nos altares laicos do “petrucio” Candán; na nosa memoria, nas nosas relecturas, até que nos chegue, tamén, a hora.

.
Tamén, no Faro de Vigo (28-11-2010).
.
.

15/11/10

A QUEIMA DA CASA DO “GHEITEIRO”

.
.
.
.

En homenaxe a Herminio Barreiro e Roxelio Arca, homes exemplares.

.

Sobrancea nos anais meteorolóxicos a vaga de calor que asoballou a nosa xeografía no verán do ano 1933 e que precedeu á unha aguda ondada de frío padecida durante o inverno dese mesmo ano. Naquelas datas, a radicalidade das témporas serviu de pórtico á radicalidade política.

O 19 de novembro de 1933, no marco da II República, a CEDA, coalición de partidos dereitistas, saíu vencedora das eleccións xerais. O bienio de progreso e laicismo (soberanía popular, sufraxio universal, lei do divorcio, dereito á educación, liberdade de consciencia...) que inaugurara en España a nova xeira republicana ía ser substituído por unha época de retroceso (usurpación das terras, confesionalismo, paralización da reforma educativa, corrupción...) denominado “bienio negro”. Cociñábase o alzamento militar fascista de xullo de 1936.

Na casa do “Gheiteiro”, fincada no Quinteiro de Acolá da aldea de Abelaíndo (Cerdedo), eran ben coñecidos os versos de “A las barricadas”, un dos himnos do anarcosindicalismo histórico. Os Camiña de Abelaíndo andaron sempre polos “Gheiteiros”, por mor dun célebre ascendente músico, cecais do século XIX, do que non se ten apenas noticia. A adscrición libertaria dos Camiña de Abelaíndo era ben coñecida no lugar, onde a CNT, sindicato fundado en Barcelona no ano 1910, gozaba de moitas simpatías.

Os Camiña, labregos e canteiros, non dubidaron en facer campaña en prol do triunfo da esquerda nas elección xerais do 33, desbotando así a opción abstencionista escolleita por moitos anarquistas naquela altura, insatisfeitos co devir dos acontecementos. Nos comicios do ano 1933, mercé ás reformas do bienio anterior, as mulleres gozaron do dereito de voto, levándose á práctica por vez primeira no Estado español o xa amentado sufraxio universal.

Non todo eran luces naquel Abelaíndo republicano. Coñecidos os resultados electorais, a xenreira e o desexo de vinganza aniñados no seo da ultradereita local propiciaron un dos episodios máis escuros da pequena historia desta aldea, acurrunchada na frondosa vaganta do río do Seixo.

A pouca chuvia e as baixas temperaturas teceron o inverno de 1933. Naquela noite aciaga do mes de Santos, o carazo petrificara as herbeiras, lazaran as fontes, escintilaban as estrelas no ceo raso e, nos outeiros, ouveaba esfameada a lobada. En cas do “Gheiteiro”, tras unha dura xornada de traballo, xa todos encomendaran os seus corpos ao aloumiño das mantas de la e á calor do gando de por baixo. Reinaba o silencio.

Ao abeiro das tebras, o innombrábel achegouse ao pé da palleira. Alumara o camiño cun guizo e, coa mesma brasa, prendeu lume na herba seca. Consumado o crime, escapuliuse pola congostra. En segundos, o casarón converteuse no mesmo inferno.

O latir dos cans e as carreiras do gando encortellado alertaron os moradores. A berros atinxiron a eira. Sans e salvos, principiaron por ceibar os animais, os máis deles atordoados polo fume. Alertados os veciños, acudiron á carreira ao Quinteiro de Acolá provistos de baldes e almofías cos que carrexar auga nunha cadea solidaria –disque, o presunto autor do incendio, solícito, presentouse o primeiro no lugar dos feitos–. A campá da capela do Socorro espallou a noticia por toda a freguesía até que o enlouquecido badal fendeu o bronce de vez. Os labores de extinción prolongáronse infrutuosamente toda a noite.

Alboreceu e as primeiras raiolas do sol permitiron contemplar a magnitude da desfeita: cachotaría ennegrecida, trabes fumegantes, cuberta derrubada, apeiros abrasados; toda unha vidiña engulida polas lapas. As bágoas inundaron os ollos feridos polas charamelas. Rabia contida nos corpos baldados e aterecidos. Preguntas sen resposta.

Recobrados os azos, os Camiña de Abelaíndo afanáronse na reconstrución da vivenda familiar. Aloxados na casa duns parentes e auxiliados pola boa veciñanza, fixeron por rexurdir axiña de entre as cinzas. As tarefas de rehabilitación víronse aceleradas ao acharen intacto entre a borralla case todo o diñeiro aforrado, pois, malia que papel moeda, zafara do lume por telo a recado no seo dun prego de sabas. Deus aperta mais non afoga, diría a miña avoa.

Sesenta anos despois, restaurada a democracia no país, remexendo no faio da casa refeita do bisavó “Gheiteiro”, atopei un punteiro de buxo que, sen dúbida, tamén sobreviviu á noite funesta. Gardo como prezado tesouro este retallo, lembranza daquel vello e perdurábel gaiteiro e acicate desta vella e perdurábel lembranza.

.
.
Tamén, no Faro de Vigo:
.
http://www.farodevigo.es/portada-deza-tabeiros-montes/2010/11/15/queima-da-casa-do-gheiteiro/491101.html
.
.

9/11/10

O CANON DE GAMBINO ALBÍSCASE NA TALLA DO SAN MIGUEL DE ARÉN (CERDEDO)

.
..
.
Experimento un agradábel arreguizo cada vez que, na miña teima por enxalzar o depauperado patrimonio cerdedense, bato co fío de ouro que me leva ao nobelo do tesouro. Desta volta, esculcarei na obra escultórica do inmorredoiro Gambino, por ver de incrementar o seu legado en terra de Cerdedo.
.

Xosé Gambino, eximio representante da escola barroca compostelá, naceu en O Faramello, aldea pertencente á freguesía de Ribasar (Rois-A Coruña) no ano 1719. Xacobe Gambino, seu pai, orixinario de Italia, aveciñárase neste lugar, onde funda a primeira fábrica de papel de Galicia. Xosé Gambino, á fronte do seu obradoiro de escultura en Compostela –vila na que faleceu o 25 de agosto do ano 1775–, elevará até cotas inigualábeis a arte imaxineira galega e universal.
.

No tocante á súa produción artística e, segundo os seus biógrafos, pouco se sabe do que agromou do enxeño de Gambino na última etapa da súa vida (anos 1765-1775). O asunto enceréllase dende o momento en que, neste período, o mestre contrata os traballos conxuntamente co seu xenro e avantaxado discípulo Xosé Ferreiro (1738-1830). É motivo de debate, entre especialistas, establecer a correcta atribución de pezas á autoría do mestre e á autoría do alumno.
.

Verbo das influencias na obra escultórica de Gambino, Ceán Bermúdez, primeiro, e Manuel Murguía, despois, difunden a noticia da súa formación no obradoiro do escultor portugués José de Almeida. Pola súa banda, Isabella di Liddo mantén a tese italianizante en base á influencia paterna na súa obra, dando tamén por escultor a seu pai, Xacobe. Por último, a profesora da USC Marica López Calderón, desbotando as teses anteditas, salienta o influxo do escultor compostelán Miguel de Romai, baixo cuxo maxisterio Gambino dá forma ao conxunto escultórico da capela do pazo de Oca (1750-51). A peza máis temperá atribuída á habelencia de Gambino é a imaxe do santo Antonio de Padua (1745-49), conservada no convento de Santo Antonio de Herbón (Padrón-A Coruña).
.

Acaroando a brasa á nosa sardiña, lémbrolles que foi Rodríguez Fraíz quen leu nos arquivos da parroquial de Cerdedo –e así o publicou en Faro de Vigo no ano 1957– todo o referente á adquisición por 880 reais da imaxe do Ecce Homo a un obradoiro compostelán, a finais do ano 1776 –un ano despois da morte de Gambino.
.

Rodríguez Fraíz intúe, sen poder demostralo, a sublime inspiración de Gambino ou de Ferreiro, ou dos dous, na feitura das imaxes do Ecce Homo, da Dolorosa e do Nazareno, para loor da que foi unha das procesións de Semana Santa máis importantes de Galicia. Mais, a entrada en escena dunha cuarta escultura pode axudar a clarexar o enigma. Velaquí o san Miguel de Arén. A talla do Arcanxo, conservada na capeliña de Arén, pode ser a clave para confirmar definitivamente que os pasos procesionais da parroquial de Cerdedo son obra de Xosé Gambino ou de Xosé Ferreiro.
.

Defendo a miña tese baseándome noutras cinco tallas do Arcanxo, nas que a intervención de Gambino non é discutida polos expertos: a imaxe de san Miguel, conservada no santuario da Nosa Señora da Escravitude (Padrón-A Coruña), datada en 1754-55; a imaxe de san Miguel do convento do Carme (Compostela), datada en 1760; a imaxe do Arcanxo de San Pedro de Présaras (Vilasantar-Lugo), datada en 1759-62; a imaxe do Arcanxo, a recado en Santa María de Soutullo (Laracha-A Coruña), datada en 1763; e unha quinta talla do santo, pertencente á ultima época de Gambino, datada en 1770, conservada en Santa Baia de Oza (Teo-A Coruña).
.

É incuestionábel que, a primeira vista, a figura do san Miguel de Arén é obra, cando menos, da mesma escola escultórica. Non é desatino afirmar, entón, que a imaxe de Arén, ben é de Gambino, ben é do seu discípulo Ferreiro, ou ben, dalgún dos escultores do seu obradoiro compostelán. Lémbrese que a fundación do actual templo de Arén data do século XVIII. Neste senso, cómpre engadir que a relevancia da capela de Arén, antiga parroquial, propiciou, no mesmo século XVIII, o traslado dende a igrexa de Cerdedo dun retablo, cadrando coas reformas acometidas no templo cerdedense; retablo que, dende aquelas, loce no santuario de Arén. Trasladouse algo máis?
.

A profesora Marica López Calderón, experta na vida e obra de Gambino, (http://josegambino.com) describe deste xeito a orixinalidade gambiniana plasmada na talla do san
Miguel Arcanxo de Santa Baia de Oza, xemelga coa nosa de Arén-Cerdedo, desvirtuada polos repintes: “la imagen responde al cambio iconográfico [...] consistente en primar la idea de victoria del Arcángel sobre la de lucha que imperaba en la imaginería gallega anterior, merced a la serenidad que ahora emana de toda la figura, a partir de la cual revela un dominio perfecto de la situación, frente a la contrariamente exasperada agitación de Satanás. A ello contribuye, en primer lugar, el sentimiento que ya antes apuntábamos de sosiego que evidencia su rostro y que contrasta con el notoriamente airado de su enemigo [...] en segundo, el delicado y pausado movimiento de su cuerpo, prácticamente congelado en una pose elegante y completamente ajeno al esfuerzo último que aún se descubre en la figura del demonio por revolverse en su contra [...] en tercer lugar, la quietud de los paños que no hacen sino más que realzar el movimiento petrificado del Arcángel y, en definitiva, su atemporalidad que asimismo actúa como contrapunto a la instantaneidad bajo la cual ha sido concebida la imagen de su adversario”.
.

A imaxe do san Miguel que Gambino tallou para a igrexa de Oza custou 250 reais, polo que, quizais, os 880 reais desembolsados supostamente pola talla do Ecce Homo sexan, mellor, o montante da compra de varias pezas: o Ecce-Homo, o Nazareno, a Dolorosa, ao abeiro da igrexa de Cerdedo, e, a maiores, o san Miguel de Arén. “Maiorum gloria posteris lumen est.
.
.
Tamén, en Faro de Vigo:
.