19/5/09

Terra de proseguir e non dar nada (X. L. Méndez Ferrín)

.
.
Terra de proseguir e non dar nada,
despaciosa Galicia que nos levas
acochados en ti! Lento veleno
que pon nos ollos unha cousa verde!
Lingoa que me enche a boca enteiramente
e coma un río interno me asolaga.
Quero dicir teu nome e digo apenas
xente de terra, homes lentamente
un por un devecendo e sendo nada.
Galicia coma un río que se estiña,
terra de esmorecer, patria do vento!
Quero dicir teu nome e digo dorna
baleira, mergullada dorna negra,
grande arado sen bois, feira sen xente,
noite que vén, enorme noite fría...

Quixera alzar meu canto coma un puño
e pór na miña voz teu nome ergueito
pero non hai ninguén para escoitarme.

Poesía enteira de Heriberto Bens (1980).
.
.

No hay comentarios: