22/5/09

POLO RÍO ABAIXO VAI UNHA TROITA DE PÉ...

.
. .
A Asociación Vaipolorío e a Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra queren convidar a vostede á presentación do libro:

Andar primeiro de río.
Inmateriais do río dos Gafos


O acto terá lugar o vindeiro venres, día 22 de maio, ás 22,30 h, no Café Moderno da Fundación Caixa Galicia.

>>>
Ilustración: Capa do libro.
.
Véxase:
.
.
.
.
>>>.
UNHAS PALABRIÑAS co gallo da presentación en Pontevedra:
.
Agradezo a grata presenza deste público fiel e agarimoso.
.
Agradézolle ao Concello de Pontevedra que tivese a ben apadriñar a criatura. Gábolle, xa que logo, a xentileza: grazas polos zoquiños de bidueira, o xibón de liño, o berce de canivela e os petiscos. Ben sei que foi un parto delongado, interpúxose no camiño toda unha montaña (algúns saberedes do que falo).
.
Di unha cantiga: Subín o monte, baixei ao río; e dos teus amores aínda non fío. Baixei ao río, subín o monte; e os teus amores quero ver lonxe. Gosto dos versos, mais, contrariamente, sinto que é o amor incondicional pola Terra o que vos trouxo até aquí esta noite.
.
Agradézolles aos meus parentes de Vaipolorío que me axudasen a aturar o preñazo: que me aprendesen a respirar ritmicamente, que me arrufasen a puxar do neno, mais sen ficar escrocado. Agradézolle á bieita asociación que o teña porfillado para que se beneficie, coma os seus irmáns, da ricacha facenda atesourada ao longo dunha década de coelleira procreación.
.
O cativo xa espernexa no voso colo, e axiña se porá a gatexar e a corricar ceibo, alá onde o leve a enchente feracísima do noso Gafos ou Tomeza ou Toxal... Este “Andar primeiro de río” foi un embarazo desexado e porfiado, polo que o pequecho sábese querido. Veu ao mundo san, gordochiño, con cabeza de troita e cinco mergullos de lontra en cadansúa manciña. O “Andar primeiro de río” ten o engado da moura, a retranca do demo asubiador e unha rosa no lombo, antollo do labor sempre inacabado. O libriño do Gafos ten moitos avós que o acalen, que o adormenten, que o manteñan e que o malcríen. Este libro saíu a todos nós, porque todos nós vertemos nel un pouco do noso mellor caudal, un chisco do noso celme orballado; e o mar aviuse a lamber as nosas dedas. Se o Gafos é noso pai fluvial e o libro que hoxe arrolamos é noso fillo, estas páxinas veñen sendo netas do río, e todo queda na auga, a nai que nos pariu.
.
Agradezo novamente ao obradoiro Trisquelia de Pontevedra a súa sabenza impagábel de comadroa vella. Os seus ensalmos evitaron que o agromo víñese de nádegas. Agradézolles que me administrasen a tempo a epidural, agradézolles que asuman o quiñón de paternidade que lles corresponde –foi como parir na casa–; e agradézolles finalmente que a súa destreza evitase a fea cicatriz da cesárea.
.
Non me hei estender moito. Aínda non ben me recuperei da estira nin desta estraña síndrome do niño baleiro e termo de min a base de caldiños de pita choca. Mais, apelando á boa disposición do meu auditorio, aproveitarei para pór en coñecemento dos presentes onde é que se agocha o lobo:
.
El río de los Leprosos nace en la fuente del Sauce Chico, en el Matorral de la Retamita, sito en la aldea del Manantial Burbujeante, parroquia de Higueras, ayuntamiento de Villa Buena.
.
El autor del libro se nombra Carlos Platija Vallecito, colaboró en su elaboración la asociación Vaporelrío o Veporelrío y puso el dinero para su edición el Concejo de Puenteviejo, provincia del mismo nombre.
.
Así se lo haremos llegar a los colegios donde cursan la ESO los alumnos de los pueblos de alrededor: Cabañas, El Campo de la Puerta, El Cañaveral, La Cancilla, El Roble Grande, La Robleda, El Roble del Palacio, La Cuesta, Las Coronas, El Crucero, Higueras, Helechos, Monte Puerrero, El Otero, El Palacio, El Pueblo, El Manzanalito, El Palomar, El Puente del Coto, Puente Sampelayo, Puenteviejo, La Ramajera, Saucedal, La Valladita y Villabuena.
.
Y esto se firma para su inminente ejecución en Santiago de Compuestecita, el 22 de mayo, segundo mes triunfal.
.
Desculpen que lles acirrase o can da retranca, non puiden sufocar o arrouto. Pídolles perdón por telos embarcado neste arrepiante flash-back, porén, queirámolo ver ou non, asistimos na actualidade a un outro parto, a un alumbramento de diabólica natureza. Somos testemuñas do advento dun anticristo lingüístico, vítimas dunha cruzada antigalega, asimilista e violenta, e no eido cultural, noxentamente fascista (ou FAEScista). O inimigo non descansa, moi ao contrario, agora come das manxadoiras do rei. Os compiladores do martirologio castellano ou español saben que a mellor maneira de erradicar a consciencia nacional do noso país é negar o seu feito diferencial, a súa singularidade histórica e cultural.
.
Proscribir o uso do galego nas aulas, instaurar un vergoñento apartheid na comunidade escolar, persegue tumbar de vez un pobo que leva séculos axeonllado no eido político, mais que conservou vizoso, e contra todo prognóstico, o froito máis sublime do seu enxeño: o idioma. A estratexia empregada arestora é feroz e definitiva: afiaron os coitelos, devecen por cortarnos a lingua. A esquizofrenia elitista e xenófoba dimanada do ideario da ultradereita devece por concentrar en guetos os alumnos menos avantaxados, os emigrantes, os economicamente desfavorecidos, e agora tamén, o alumnado galegofalante. Galegos de seu, confinados nas aulas dos apestados, dos raros, dos marxinais; estranxeiros no seu propio país. Galiza segue a padecer o vexatorio tratamento de territorio colonizado e non somos quen de espelir a modorra.
.
O pobo galego ten a obriga de arreporse á velenosa doutrina dos falsos profetas do utilitarismo. Os nenos galegos teñen o dereito de coñecer a lingua da Galiza, non porque sexa útil, que o é, parvo quen o dubide, senón porque é a nosa, a propia, o noso singular carimbo de enxebreza.
.
O galego-portugués é a quinta lingua máis falada do mundo e a terceira, se desbotamos o hindi e o mandarín, que só se falan na India e na China. Fálase galego no veciño Portugal e, alén mar, no Brasil, potencia económica emerxente. O castelán é unha lingua de segunda na Unión Europea e é a lingua dunha chea de países do segundo e do terceiro mundo. Se queremos que os nosos fillos aprendan na escola cousas de proveito, dada a coxuntura, que aprendan só inglés. O inglés garantiralles, sen dúbida, o degoxado trunfo en Eurovisión. Xa postos, escusan aprender tamén as catro regras, que para iso están as calculadoras. Calquera cousa, antes de estresar o alumnado. Miren que doado é vestir o disfrace de utilitarista!
.
Os nenos galegos teñen o dereito de falar, ler, escribir e aprender en galego. Os seus pais teñen o deber de defender os seus dereitos, pois son os axentes posibilitadores, os custodios e transmisores da nobre herdanza dos nosos devanceiros. As novas xeracións de galegofalantes han manter vivo o espírito da galeguidade, a condición de ser e vivir en galego na nosa Terra. Se cada un de nós consente a aldraxe ou o esmorecemento da súa fala, non debera erguer a testa máis do que a ergue o boi na xugada.
.
Afirman os apóstolos da harmónica mansedume: El gallego se hace más fuerte cuando se olvidan los gritos. Castelao retrucaría: O galego non protesta, emigra.
.
Aseveran os adaís do bilingüismo asimétrico: El gallego es de todos. Hay que proteger la lengua gallega de quienes quieren apoderarse de ella. Eu ergo a voz e digo que a lingua galega é de quen a estima, de quen a fala, de quen a escribe, de quen a arrequece cos seus ditos e feitos; de quen turra na escorrenta dos voitres que a queren comer a bicos.
.
Aproveito a catarse para facer miña a reflexión que Ramón Piñeiro, autor galego homenaxeado neste ano 2009, fai nun artigo do ano 75, incluído no volume Filosofía da saudade. Deste xeito se expresaba Piñeiro:
.
…Só así, tendo conciencia da nosa personalidade verdadeira, poderemos seguir sendo un pobo. De non termos esa conciencia, quedaremos reducidos á simple condición de país habitado. Galiza é unha realidade dobre: por unha banda, é unha realidade xeográfica; por outra banda, é unha realidade humana. Ou sexa, un país e un pobo; unha terra e unha cultura. Como país, é un espazo xeográfico do Noroeste peninsular; como pobo, é unha comunidade humana con personalidade cultural propia. Se a personalidade peculiar de Galiza como país se reflicte na súa paisaxe, a personalidade peculiar de Galiza como pobo reflíctese na súa cultura. Paisaxe e cultura son a face externa e a face interna da realidade total de Galiza.
.
Valentes hipócritas os que desoen a lección do mestre e perden o cu para lle ir pór flores á tumba.
.
Manuel María, en clave poética, engadiría:
.
Galiza somos nós:
a xente e mais a fala.
Se buscas a Galiza,
en ti tes que atopala!
.
E, gustosamente, corrixo:
.
O río dos Gafos nace na fonte do Salgueiriño, illo do Mato da Xestiña, lugar da Boullosa, freguesía de Figueirido, concello de Vilaboa.
.
O autor deste traballiño noméase Calros Solla, colaborou na súa elaboración a asociación Vaipolorío e puxo os cartos para a súa edición o Concello de Pontevedra, provincia do mesmo nome (ou quen sabe, se xa provincia de Vigo).
.
Sáibanse morgados, herdeiros universais, do cadaliño de lingua que hoxe nos achega, xeneroso, o río dos Gafos. Fagamos por non dilapidalo.
.
Boas noites e moitas grazas.
.
.
Clíquese:
.
.

1 comentario:

Maite dijo...

Precisamente por ese amor incondicional a la Tierra, no se debería escribir ni con odio ni resentimiento de los que pensamos de modo diferente y respetamos la diferencia.