Malia que semelle fábula ou ensoñación, crédeme se vos digo que son os mouros fiadeiros que gremian a fraga de Catasós os que hoxe nos convocan; é sen dúbida, a súa meiguiceira artesanía a madriña deste encontro.
.
Alá, na verdecente e rumorosa umbría, e acá, na ribeira delourada do pai Lérez, espreguízase trunfante o maio, asolagando vales e cimeiros. Xa rebordan pole de amarela aquelas nosas pegadas primeiras, xa as hedras gabeadoras cinguiron o talle do noso espírito, e parece que foi onte que se aprendeu a respirar.
.
As galas que lucimos tecéronse coas barbas dos carballóns, coa casca limeliña dos bidueiros, coa folla camba da carriza, co raiceiro dos amedos de ao pé do río. Unha raiola de sol foi abonda para facer alta costura dos farrapos de diario.
.
A nai natureza, madona de beizos quentes e mananciais, pródiga sempre, saúda e beice os que ben se queren e os que na súa benquerencia desexaron partillar o seu gozo cos parentes e cos amigos, pois a amizade boa e xenerosa é abofé sangue do noso sangue.
.
A Mónica e o Paco, nosos namorados, fannos partícipes da súa hora grande e agardan por nós, coma de adoito, á beira do camiño. Canda eles, nesta fausta encrucillada, tanxe o vento a súa cítara de xílgaros e remanece louzá a primavera. Tempo acaído, cimbra o degoro do tabán por ser abella, da lontra por ser muíño, do penedo por ser cabalo buligote, pois celebrar a vitoria do amor gorécenos das mesquiñas poutas do mundo. E dígovos que nestora, á vosa roda, non hai póla nin regaña nin furado nos que non aniñe coriscante o amor, doela mestra do arco do ceo.
.
Para máis pulo deste corazón acelerado, o escribán érguese voceiro dos presentes ao afirmar que o esgrevio destino amosou a súa mellor faciana cando, na retorta verea da vida, fixo cadrar os nosos pasos. Prácenos inmenso tervos coñecido e agradecémosvos o empréstimo dos ollos cos que pasmamos perante os prodixios do mundo. Porque o voso temperado exemplo fainos mellores, porque nunca saíu da vosa boca unha palabra máis alta ca outra, porque esparexedes sorrisos e ventura como se cisca o centeo na agra; porque a rexa humildade e o labor calado son peneira fina para arredar o lixo da semente; porque na vosa almofada tamén fan acocho os nosos soños de paz e prosperidade; porque sodes galeguiños de nación, porque sodes fermosos, feitiños coma o acio de cereixas que devece o melro; porque sodes tal para cal.
.
Non digo máis. Apenas engado que, de mañanciña, ao abrir de par en par a xanela do límpido horizonte, unha airexa morna de xesta en flor e mar en salgadura tróuxonos a nova do voso compromiso. Permitídenos seguir moendo no voso muíño, encher o alxibe do peito coa maina poalla dos recordos. Permitídenos convosco vendimar un farto porvir de lúas cheas. Desexámosvos saúde e traballo, apeiros cos que fornecer a vosa casa e cos que seguir fornecendo o noso país que é a casa de todos.

Pontevedra, 9 de maio de 2009
.
.
No hay comentarios:
Publicar un comentario