1/11/08

Grupo de Estudos Etnográficos SERPE BICHOCA

.
.
.
.
.
No verán de 2007, João Bieites, Rafael Quintía e Calros Solla abordaron o proxecto de creación do Grupo de Estudos Etnográficos Serpe Bichoca. A agrupación cultural, bautizada co nome dun fabuloso réptil da mitoloxía de Cerdedo, nacía coa arela de recuperar e divulgar os tesouros do patrimonio material e inmaterial do país, os máis deles esmorecentes ou decimados por mor da ignorancia, a insensibilidade ou o desleixo.

Animados pola boa acollida do libro de Calros Solla, “Monte do Seixo. Reivindicación da Montaña Máxica”, que pon ao descuberto o enxoval lendario desta montaña pontevedresa e denuncia o atentado ecolóxico e patrimonial nela perpetrado coa súa transformación nun parque eólico, acordaron, como primeiro obxectivo, porfiar no seu estudo e promoción, salientando as singulares características do que segue a ser, sen dúbida, un dos lugares máis fascinantes da nosa xeografía.

O Grupo Serpe Bichoca orienta hoxe os seus esforzos a prol do monte do Seixo, teimando en salientar a súa potencialidade. O “Proxecto Montaña Máxica” arela rendibilizar o indiscutíbel atractivo turístico deste monte –parque temático da mitoloxía popular– ofrecéndoo como unha novidosa e dinamizadora alternativa cultural para a bisbarra de Terra de Montes, sumida nunha fonda depresión económica e demográfica.

O Seixo é de seu unha maxestosa “cidade da cultura”. O edificio foi deseñado polos máis habelenciosos arquitectos: o vento, a chuvia e o carazo. A súa exposición permanente: mámoas, arcas, penedos, pedrafitas, contos e lendas; abeirada baixo un teito de estrelas, é rica herdanza coleccionada paseniño ao longo dos séculos. Porén, a “cidade da cultura” do Seixo non esixirá faraónicos investimentos, xa que todo nela é agasallo da natureza e adobío creativo do noso pobo.

A curto prazo, Serpe Bichoca pretende concluír un documental onde se faga repaso tanto do labor de recolleita do patrimonio inmaterial, xa plasmado nos libros de Calros Solla (Almanaque de encantos. Mitoloxía da Terra de Cerdedo (2005) e Monte do Seixo. Reivindicación da Montaña Máxica (2007)) coma das estacións arqueolóxicas espoliadas coa instalación do parque eólico.

Como complemento a este labor promocional, Serpe Bichoca aproveitou a VIII edición da nomeada Festa da Vincha de Cerdedo (2008) para presentar, a carón da oferta editorial da asociación irmá Verbo Xido, unha liña de produtos (camisetas, chapas, carteis...) para paliar na medida do posíbel a indolencia e o desinterese amosado polas autoridades respecto ao “Proxecto Montaña Máxica” e ao calamitoso estado do Seixo.

A primeira edición da “Reivindicación da Montaña Máxica” xa está esgotada, polo que, proximamente, verá a luz un novo volume sobre o mítico lugar, “Monte do Seixo. O santuario perdido dos celtas”, no que amais de ampliar e corrixir o material xa publicado, insistirase nas calidades que lle outorgan ao Seixo a categoría de monte sagrado da Galiza celta.

As actividades desenvolvidas no “circo máxico” do Seixo por Verbo Xido e Serpe Bichoca –Roteiro da Montaña Máxica– xa lle revelaron a preto dun milleiro de persoas os segredos agochados nestas encostas montesías. E isto só é o comezo.

Atristura comprobar como nas campañas promocionais do concello de Cerdedo, aquelas nas que debera primar o enxebre, o noso, o propio, os atractivos turísticos redúcense a unha ruinosa escola de parapente mesturada –non vos riades, que o conto é triste– cos rallyes, coas corridas de touros, cos xogos de guerra, coas “noches ibicencas” e cos túneles do AVE.

Cómpre engadir, finalmente, que a consolidación do Roteiro Sarmento, reclamo turístico incuestionábel da zona, é froito do labor calado e persistente da Asociación Verbo Xido de Terra de Montes. Nesta ardua tarefa non só nos enfrontamos aos elementos naturais senón tamén aos “elementos” que rexen o destino cultural da nosa terra. Así e todo, a esperanza é o último que se perde.
.
.
>>>
Ilustración 1: Logo do G.E.E. Serpe Bichoca.
Fotografía 2: João Bieites, ollo aleuto tras a cámara.
Fotografía 3: Rafael Quintía no marco da Santa Mariña (monte do Seixo).
Fotografía 4: Calros Solla na soleira de Portalén, pasadeiro cara ao Outro Mundo (monte do Seixo).
.
.