19/11/08

"CANTARES de MANUELA DE BARRO. Achegas ao cantigueiro de Cerdedo"

.
.


Manuela Cortizo Medal naceu en Cerdedo (Pontevedra) o 11 de xullo de 1930. Sendo aínda ben pequeniña, aveciñouse na aldea de Barro de Arén. Alí se criou cunhas tías, irmás de seu pai, e alí vive hoxe en día.

Casou aos dezaoito anos con Xosé Álvarez Sieiro “Pepito”. Manuela e Xosé mercaron a casa familiar cun empréstito de 5.000 pesetas daquela época. A débeda foi axiña saldada cos cartos aforrados por Pepito tras a súa primeira tempada de traballo na cantaría en León.

Pasou a súa nenez e a súa mocidade alindando o gando nas devesas e xesteiras e xa dende cativa sobranceou pola súa extraordinaria memoria e polos seus magníficos dotes para o canto. Foi moi pouquiño á escola, apenas tres anos, o xusto para aprender a ler, a escribir e a aplicar con acerto as catro regras.

As súas tías animábana a cantar, pois deste xeito sabían que andaba por cerca e que estaba ben. Di a xente do lugar que cando a nena Manuela entoaba, semellaba que o estivesen a facer os mesmos anxos do ceo.

Abofé que de seren outras as circunstancias e consonte a súa vocación e condicións innatas, Manuela Cortizo ocuparía na actualidade un lugar destacado no eido da música, tal e como testemuña o serodio apelativo de “Montserrat Caballé da Terra de Montes”. Os recoñecementos e homenaxes chegaron, coma case sempre, tarde.

Manuela Cortizo, Manuela das Marianas, Manuela de Barro, esforzouse a prol da convivencia harmónica, materializada no compromiso desinteresado coa comunidade. Amais de labrega e cantareira, a señora Manuela exerceu durante moito tempo o labor de practicante –tan atinada coa voz coma coa xeringa–. O seu natural hospitalario converteu a súa casa na casa do pobo, na casa de todos.

Foi tras a súa xubilación cando entendeu oportuno levar á práctica un dos seus máis acariñados soños: formar unha agrupación musical coa que desterrar a monotonía da aldea e asemade enxalzar a arte anónima do noso cantigueiro. As seguintes palabras son súas: Co pesar non somos nada; cómpre sementar aleghría para colleitar aleghría. A súa pouca ortografía non foi atranco para desenvolver con éxito a súa misión. Os que con ela conviven abráianse, e nós con eles, de que con 78 anos teime en erguerse a altas horas da noite, espelindo a vixilia, para preservar coa escrita os ditos, contos e cantares que lle veñen á cabeza. O seu sacrificado labor de transmisión da sabedoría popular é impagábel, mais como boa galega é consciente de que este é o prezo que hai que aboar para quedar a pre cos devanceiros que forxaron, e dos que herdamos, o feito diferencial da galeguidade.

O antigo teleclub de Barro serviu e serve como local de xuntanza e ensaio das sublimes Pandeireteiras de Barro de Arén, orgullo da terra das carballeiras. No ano 2006 gravaron o seu primeiro disco: Cerdediño prós amores. Longa vida!!

As Pandeireteiras de Barro de Arén colleitan éxitos alí onde van, converténdose nas mellores embaixadoras de Cerdedo. Malia á súa curta existencia, teñen compartido escenario co celme das agrupacións de música tradicional do momento: Gaiteiros Treixadura, Leilía, As Donicelas, Quempallou, Os Abrentes de Cerdedo, Tear de Llerena, Os Diplomáticos do Acordeón, Os Trazantes de Tenorio, Os Chichisos de Pontevedra... Foron protagonistas, así mesmo, en reiteradas ocasións, dos programas “Luar” e “O Alalá” da Televisión Galega. A súa arte transcendeu as fronteiras da Terra de Montes coa súa indelébel participación en 2007 na “Polafía” organizada en Cerdedo pola Asociación Cultural Verbo Xido, pola Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) e mais pola Consellaría de Cultura da Xunta da Galiza. A web “Galicia Encantada”, enxeñada e coordinada polo etnógrafo Antonio Reigosa, tamén se fixo eco das excepcionais calidades das nosas cantareiras e da súa avantaxada capitá.

A señora Manuela Cortizo e mais a súa familia acollen agarimosos no seu lar a quen alí acode procurando saciar a sede no xeneroso manancial do seu saber. Tamén, a fame, xa que non hai filloas máis gorentosas ca as que se lamben en cas das Marianas de Barro.

Eu fun un deses moitos beneficiados. Valla este libriño de cantigas –transcrición dos manuscritos que Manuela puxo ao meu coidado– como mostra de agradecemento, estima e admiración perdurábeis.
.
.
>>>
Fotografía: Manuela Cortizo e Calros Solla.
.
Véxase:
.
http://www.osabrentes.com/pandeireteiras.htm
..
.