6/9/07

A VERDADE SÓ TEN UN CAMIÑO

.
.

A fatídica noite do 13 de agosto de 1936, un fato de fascistas de Cerdedo, ao acubillo das tebras, someteron a crúa tortura e deron morte aos seus veciños Francisco Arca Valiñas e Secundino Bugallo Iglesias, sindicalistas da CNT, no antigo quilómetro 74 da estrada de Ourense, preto do lugar denominado Ponte do Barco. Agochados no anonimato “a voces” foron dilixentes brazos executores de quen, dende a capital da provincia, demandaba insaciábel "chicha, mucha chicha". Abríase deste xeito a veda dos leais á República, dos ateos, dos “roxos”..., nunha hobbesiana caza ao home, labor rigoroso e sistemático que tiña por obxectivo envorcar o estado das cousas, sementar o terror e erradicar o libre asociacionismo e a pluralidade de pensamento. Incoábase a represión. Xa nada volvería ser coma antes, nada e ninguén in statu quo ante. Os golpistas afanáronse, con éxito, na reconstrución do pasado, profanaron o recordo e converteron as vítimas, salvagardas dun goberno legalmente establecido, en indesexábeis, inxectando o repudio e a vergonza nas súas familias.

Setenta anos despois, ao abeiro do Ano da Memoria, auspiciado por unha nova vontade política alicerzada así mesmo na soberanía popular, a Asociación Cultural e Ecoloxista Verbo Xido de Terra de Montes, co gallo da 4ª Xornada Cultural “Terra de Tod@s”, viuse na obriga moral de erguer na Ponte do Barco-Pedre (Cerdedo) un humilde monumento que honrase os malfadados Arca e Bugallo, estendendo a homenaxe a todos os cerdedenses mortos a mans dos franquistas no concello de Cerdedo.

Xa o 13 de agosto de 2006, o día da agardada inauguración, o monolito da Ponte do Barco sufriu o embate do fanatismo irracional que aínda supervive na aldea de Pedre. Aqueles que, favorecidos polo caos incendiario dese verán, prenderon lume no entorno do monumento e abrasaron a lápida, espoliárona días despois, arrincando con saña a súa placa conmemorativa. Tales delictos non foron merecentes da atención das forzas de orde pública. Na devandita placa líase e lerase: “Francisco Arca Valiñas – Secundino Bugallo Iglesias. Ponte do Barco – Agosto de 1936. Morreron pola liberdade”. A asociación Verbo Xido e a vontade da boa xente que acode solidaria aos seus actos e actividades en Terra de Montes fixo posíbel a pronta restauración do roubado.

Meses despois, a finais de xullo de 2007, uns días antes da celebración da 5ª “Terra de Tod@s”, e por terceira vez, o monumento que debera ser orgullo dos cerdedenses, foi novamente vulnerado. Verbo Xido agradece as achegas, moitas delas anónimas, que farán posíbel a restitución do alleado unha e mil veces máis.

En resposta á triste repercusión que estes lamentábeis feitos teñen no seo das familias das vítimas, no seo dos colectivos que ao longo e largo do país teiman na recuperación e promoción do noso patrimono histórico e cultural e, en xeral, no seo da sociedade galega conscienciada, as autoridades, e en concreto a corporación municipal de Cerdedo, deberan expresar a súa máis enérxica condena a estes actos. Mais a ambigua, medrosa e vacilante actitude dos edís cerdedenses –lémbrese o sibilino trasacordo preelectoral do goberno de Cerdedo, onte e hoxe nas mans da dereita, verbo da rúa que no lugar leva o nome dun alcalde falanxista–, propicia a actitude desafiante duns cantos nostálxicos do anterior réxime que co vento a favor, mais a contracorrente, coartan outra volta a liberdade de todos os veciños e pexan o labor dos investigadores desexosos da recuperación e clarexamento do noso pasado recente en prol da verdade e da xustiza.

Como di o pobo: “A verdade só ten un camiño”. A empencha do radicalismo reaccionario e trasnoitado non nos debe amedrentar. Ánimo daquela para os compañeiros Dionísio Pereira e Alfredo González, reputados intelectuais, valentes adaís da liberdade, homes xenerosos que supeditaron o seu benestar aos intereses da comunidade. Non estades sós.
.
Diario de Pontevedra, 6-9-2007
.
>>>
Fotografía 1: Roxerio Arca, fillo de Francisco Arca, a carón do monumento na honra e lembranza de seu pai.
Fotografía 2: Monumento aos mártires cerdedenses (Ponte do Barco-Pedre).
.
.

No hay comentarios: