.
Non vai ser un quen tire a primeira pedra. Quen fora novo e non fora tolo. Eu, da quinta do 71, anque obxector, tamén teño chegado a casa sobre da mañá e de memoria. Lembro así mesmo, coa emoción da xuventude perdida, ter cantado rouco aquilo de "Hermano bebe que la vida es breve...", versos popularizados por unha mítica banda de rock viguesa, mais o que non lembro é a tétrica procesión de alcólicos de supermercado cara ao Campiño pontevedrés, nin os desmandos contra a propiedade pública, nin as enchentes de lixo e inmundicia en plena era da reciclaxe e da sustentabilidade. Retireime da circulación antes de que o “botellón”, fenómeno social consolidado e mesmo xa institucionalizado, escollese o adro de Santa María, marco incomparábel, como campo de batalla e observo hoxe con pasmo como as autoridades municipais e os voceiros das asociacións veciñais se afanan na procura dunha nova localización para esta versión fundamentalista e dexenerada da “movida”.
Nada máis lonxe das intencións dos representantes da sociedade pontevedresa que ser o branco das iras dun fato de adolescentes que invisten o seu lecer e o doméstico imposto revolucionario nunha maratón etílica (e outras herbas) cuxos danos colaterais adoitan paliarse cun sobresforzo das brigadas municipais de limpeza, das forzas de orde pública e dos servizos sanitarios de urxencias, aínda que, como dixo o sepultureiro: “Deus dea traballo, cada un na súa profesión”.
Xa que non se albisca unha solución a curto prazo, senón un “tupido veo”, non vou desaproveitar a oportunidade de defender a idoneidade do meu “botellódromo” alternativo, verbigracia: a praza de touros de Pontevedra. Aclaro que a devandita proposta foi tamén debidamente consensuada con catro ou cinco representantes do sindicato de libadores, coa particularidade, non insignificante, de ter desenvolvido o meu traballo de campo en horario lectivo, é dicir pola mañá, pois sabemos que se “priva” con nocturnidade e aleivosía e que hai moitos que beben para esquecer.
O anfiteatro da Moureira, infrautilizado, reúne as condicións axeitadas para acoller tan magno espectáculo. Mais, atención, só o círculo de area pode ser empregado para este benemérito fin. A particular natureza do escenario permitiría enxugar facilmente vomitonas e ouriños (quen ten un felino na súa casa ben sabe do que estou a falar) e mesmo amortecer agarimosamente calquera esvaecemento provocado pola tensión (baixa) e o fragor (unha boa dose de decibelios) do evento. Por mor de respectar as leis, unha liña diametral trazada con cal afastaría a zona de fumadores da de non fumadores. Unhas canastras de quita e pon resolverían o sempre problemático pousado do “cubata”. Asemade, bendita inspiración, o monumental curro impediría o tan temido esparexemento do rabaño pola contorna.
Se insisto no do emprego exclusivo da areeira é porque as bancadas e os palcos cumpriría que fosen destinados para o acomodo dos pais das crianzas (atendendo, como se acostuma na Boa Vila, ao seu status social). Os proxenitores ou titores legais dos rapaces e rapazas e mais aqueles que tivesen a ben acompañalos estarían obrigados a aboar unha módica cantidade de diñeiro por mor dos consabidos gastos de mantemento que todo “sarao” acarrexa. En troco, serían testemuñas de excepción do comportamento do seu herdo xenético lonxe do fogar, permitíndolles, se quixeren, tomar apuntamentos e aplicar, se o estimaren oportuno, as debidas medidas correctoras. O foxo e os burladoiros ocuparíanos os membros de Protección Civil, Bombeiros, Cruz Vermella... por se tivesen de administar os primeiros auxilios. A porta grande abriríase só en caso de coma etílico ou delirium tremens. Tras a esmorga, unha varredura cos “Citycat” e até o vindeiro xuntoiro. No rueiro de San Roque, agardaría paciente unha moderna frota de “noitebuses” que conduciría os superviventes alí onde dispuxesen. Non vaia ser que morran na estrada e afeen as estatísticas. Cando as Peregrinas, coa eclosión das “peñas”, as instalacións do novo Pasarón poden dar avío. Esta segunda proposta acompañaríase de seu cun amplo abano de posibilidades deportivas, se aínda hai quen se teña en pé. A alternativa de Pasarón propiciaría ademais un fermoso quid pro quo, xa que o refugallo orgánico é esterco de primeira.
Sería bo, e xa remato, pois non quero abouxalos co meu remuíño de ideas, someter a debate a oportunidade de organizar como actividade escolar para o vindeiro curso unha serie de visitas guiadas para o alumnado de Educación Primaria (procuraríase evitar, neste caso, que pais e profesores compartisen bancada, en previsión de enfrontamentos). Os educadores poderían deste xeito ilustrar os seus ben intencionados consellos con algún caso práctico e glosar en idade temperá os riscos da procelosa adolescencia.
.
26-9-2007
.
>>>
Fotografía: Praza de touros de Pontevedra, botellódromo alternativo.
.
.
No hay comentarios:
Publicar un comentario