.
O río dos Gafos ten o nacedoiro na freguesía de Figueirido, no veciño concello de Vilaboa. Sen nome de seu, o río foise apropiando do celme onomástico das súas ribeiras en troco dun beixo húmido e confortante: o río dos Gafos, ou dos Ghafos –pois a gheada é trazo dialectal característico–, o río da Estación, o río do Cocho, o das Veighas da Porta, o río do Toxal, o río de Tomeza, o río das Brañas, o río dos Ghatos, o de Detrás do Pino, o do Ghorghullón, o río Ghrande, o do Reformatorio, o río de Divina, o río do Menexo, o da Estación Vella, o de Campolongo, o río da Taboada, o dos Pelamios, o río da Gholeta, o río dos Pozos, o río do Peilán... achegan o seu doce quiñón á ría de Pontevedra, onda o peirao das Corvaceiras, a carón do rueiro da Moureira.
Gafo (quizais do árabe qafa “contraída, cos dedos dobrados”) é infeccioso, sarnoso, leproso, laceirento..., mais non cualifica o hidrotopónimo a calidade das augas senón o seu uso salutífero e vivificador. Preto da desembocadura do río, na Moureira de Abaixo, antigo casar de mareantes, aínda sobrancea a solaina da que foi medieval leprosaría, hospital de san Lázaro, santo avegoso da lepra ou mal gafo. O río deu en tempos alivio aos afectados por esta terríbel doenza e nós, en pago, recuncamos na lideira de convertelo nun fedorento vertedoiro.
Celebramos o labor de acondicionamento e limpeza que ao longo do ano 2007 desenvolveron a Xunta e o Concello de Pontevedra nas marxes do río. As tarefas de recuperación e conservación cómpre agora orientalas cara á mellora da condución das augas fecais que discorren á súa beira, na rehabilitación, por exemplo, da medieval ponte do Couto, segundo algúns estudosos, un dos dous vaos da Pontevedra romana, ou na exclaustración da súa travesía por Campolongo. Alén de pasadeiros de madeira e vereas anticolesterol, un río é fundamentalmente auga que flúe ceiba e límpida de seu.
De sermos respectuosos co ambiente, con “aquilo que nos rodea”, o río, que é de todos –tamén de quen o emporca pola calada–, valeríase en por el para se amosar garrido e vizoso aos nosos ollos. No seu treito alto, o Gafos, sempre preguiceiro, adobía a súa distinguida indecisión con verde gabán flocado de sombras e rechouchíos. Pontes e muíños, enxeño dos ourives da pedra, sonlle torques e arracadas. Vello agarimoso e sabio, o noso río ameniza a paseata dos que a el entregan o seu lecer con lerias de mouras arroubadoras, trasnos rebuldeiros e inquedantes lavandeiras enloitadas. Mentres o río soe, encha, devale non haberá fame ningunha na aldea, pois o Gafos leva toda unha vida, a súa, achegando auga ás colleitas, enfiando pontigos e peares, remudando lavadoiros, facendo bailar os rodicios da moenda, mais tamén convidándonos en cada reconca e relanzo á descuberta do seu farto tesouro natural, preservado incólume pese á nosa cega ambición e inexplicábel desleixo. Con ben pouco se contenta a natureza!
Os amigos de Vaipolorío devolvéronlle o alento a un Gafos esmorecente e agora cangan coa obriga perdurábel de manter viva a troita do seu xorne. Sete anos despois e miles de quilos de inmundicia retirada do seu leito fixeron posíbel o restablecemento dunha mancada anatomía. A benéfica asociación concedeulle ao río unha nova oportunidade e asemade nola concederon a todos nós. Cómpre non baixar a garda, cómpre non colgar aínda as botas de goma, xa que un negro nuboeiro de ferro e formigón se bosquexa no horizonte.
Así como o voo dos cabaliños do demo dan testemuño da salubridade fluvial, o rebulir de colectivos como Vaipolorío testemuñan a boa saúde da sociedade, impeléndonos a erguer a vista do embigo e a maxinar que aínda hai esperanza.
Vao, Arnela, Insua, Ponte, Olleiro, Lentura, Ola, Reconca, Illó, Ourela: VAI POLO RÍO!
Diario de Pontevedra, 13-9-2007
Diario de Pontevedra, 13-9-2007
.
.
No hay comentarios:
Publicar un comentario