22/7/09

O "CIBERCLUB" de Barro de Arén (Memoria da Polafía de Cerdedo)

.
. .
Tarde primaveral de 2007. Soa o teléfono. Ao outro lado do aparello, unha voz amiga e amigábel, Antonio Reigosa –escritor, mitólogo, estudoso do noso patrimonio inmaterial…–: “Oe, Calros, a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), co apoio da Consellaría de Cultura, vai organizar unhas polafías. A palabra “polafía” é un neoloxismo referido ás reunións ou veladas de carácter festivo con contidos literarios e musicais, e ten como obxectivo primordial o de poñer en valor e rescatar do esquecemento o valioso patrimonio oral, literario e musical galego” –explicou, resollante, Antonio.
.
“Na primeira quenda vanse celebrar catro, unha por cada provincia. Anímaste a coordinar unha en Cerdedo?” –engadiu.
.
Non vadío en xogos de azar, en nada me teñen beneficiado ou prexudicado, mais a sensación debeu ser semellante a cando un comproba que foi agrazado na lotaría ou nas quinielas.
.
Malia todos os atrancos cos que iamos bater, non o dubidei. Polo maxín rebuliron a Asociación Verbo Xido, a Asociación Espadela, os Abrentes de Cerdedo, os Tear de Llerena e, dende logo, as Pandeireteiras de Barro de Arén, con Manuela Cortizo á cabeza. Cinco asociacións, diversas nos seus plantexamentos, mais cun denominador común: amosarlle ao mundo un Cerdedo diferente, afastado da imaxe de aldea que esmorece sen remisión.
.
Botaron fume os teléfonos, atropeláronse os e-mails, sobrepuxémonos a algún que outro boicot, é, uns meses despois, na noitiña do primeiro de decembro de 2007, a “troupe” das “Polafías” recalou en Cerdedo. Todo ocorreu no salón de actos da antiga Cámara Agraria.
.
A polafía de Cerdedo foi a cuarta na orde de celebración. Precedérannos, con moito suceso, as organizadas na Serra de Outes (A Coruña), en Mondoñedo (Lugo) e en Vilar de Santos (Ourense). Tiñamos que estar a altura, cumpríanos dar o talle, e a chuvia de estrelas invocada en Cerdedo rebordou as expectativas do público asistente.
.
Encheuse a Cámara Agraria, achegouse quen quixo ou quen puido, que todo se sabe. Pasmamos co ouveo dos bucios (ou buxeiros), soprados por Marcelino Sieiro, que abriron o acto; enchemos o peito cos versos do fistor Xosé Cortizo, dedicados ao magoado Outeiro do Coto do monte do Seixo: Que pena me deches, home, cando aquí te vin cheghar a plantar as tarabelas e o meu silencio roubar. Levo aquí millóns de anos, ti aínda cheghaches onte; ningún dereito te ampara a estropear este monte. O silencio fala, meu vello.
.
A seguir, Sinda Álvarez recitou o “Chucurruchú”, as Pandeireteiras de Barro de Arén (Manuela Cortizo, Clarita Ruzo, Alsira López…) interpretaron, entre outras, o “Himno de Barro”, peza composta polo gran Xosé Cortizo, e a emocionantísima “Estreliña do luceiro”, unha das miñas favoritas.
.
Pura Lavandeira, da aldea de Cavenca, falounos do “corno de alicorno”, prodixioso amuleto sandador do que é custodia; João Bieites e Rafa Quintía (G. E. E. Serpe Bichoca) tocaron a "Muiñeira da Besta Branca", en lembranza do mítico unicornio do Seixo; déronlles o relevo as gaitas dos Abrentes de Cerdedo, onde sobrancea Rubén Troitiño, o mellor gaiteiro da Terra de Montes.
.
Entremedias, o musicólogo Antón Castro e os seus monicreques impedían tomar alento, e, como non, en pequenas doses, a voz e o talento inigualábeis de Manuela Cortizo Medal, quen ora relataba o conto do trasno do muíño da Ponte, ora entoaba o “Arrieiro”, ora lle daba a réplica a Guillerme Ignacio, dos Tear de Llerena, no hilarante “Boas tardes, Maruxiña”, ora amornaba a fría noite de inverno montañés coa súa agarimosa presenza.
.
O equipo técnico de Ollo de Vidro, envasou en finas redomas o son e mais a imaxe, e, días despois, apareceron en Youtube 18 pasaxes escolleitas daquela velada inmorredoira. O saber tradicional de Cerdedo fixéralle unha ponte ao silenciamento e xa se estarricaba ceibo pola libérrima Internet, abríndose paso entre o balbordo dos coches de carreiras e as paparotas do común. Aquilo só era o comezo.
.
Ano e medio despois, e segundo o previsto, a Asociación de Escritores en Lingua Galega púxolle o ramo ao traballo editando na súa web, e conforme á calidade requirida, unha escolma das mellores xogadas que xa ferven a visitas. Clíquese:
.
http://www.aelg.org/Polafias/ShowPolafia.do?id=12
.
Escribín nalgures que a casa de Manuela Cortizo, Manuela de Barro, é a casa do pobo, a casa de todos. Agora, se cabe, aínda máis. Ana Álvarez, filla de Manuela, está ao día no eido das novas tecnoloxías e a súa conexión a Internet posibilitou o acceso dos veciños a toda esta gozosa verdade. Superados quedan, xa que logo, os tempos do antigo Teleclub, argallada franquista, ferramenta asimilista. A cultura galega redímese hogano na rede de redes, e non hai quen lle poña pexa ou cadea. A través da pantalla do Ciberclub de Barro de Arén, os nosos sabios ven valorizado o seu traballo, premiado o seu esforzo por conservar e transmitir o precioso e prezado cadaliño de galeguidade. Xa non son “El fugitivo”, nin “Salto a la fama”, nin o “NO-DO”, nin as touradas o que hoxe arremuíña a xente arredor do computador en cas de Manuela, senón o testemuño dos nosos maiores, investidos refulxentes estrelas do espectáculo da cultura. Unha polafía ben vale media ducia de rallyes e ducia e media de xabarís enchoupados en prebe.
.
Faro de Vigo, 22-7-2009
.
.

21/7/09

COMUNICADO en DEFENSA da SERRA do IRIBIO (pola Asociación Socio-Cultural O IRIBIO)

.
.
.
. .
.
.
.

.
.

.
.

Léase o comunicado da asociación:
.
. .
.
Visítese o blog:
.
.
.
Fotografías: A serra do Iribio (O Courel) retratada nas catro estacións do ano.
.
.

NIN ARTE, NIN HEROÍSMO, NIN CULTURA

.
.
.
.
Visítese o blog da Plataforma Antitouradas de Ponte Vedra:
.
.
.

20/7/09

Se o irmán DANIEL erguese a testa...

.
.
.
.
Por fortuna, sempre haberá xente (unha selecta minoría) que vele pola ortodoxia:
.
.
.

18/7/09

CONTOUMO unha vella de Carballedo (Cotobade), a onde fun escoitar cousas de lobos:

.
. .
.
O primeiro dos galegos que foi para o ceo -segundo din, no ceo non hai galegos- andaba medio aqueloutrado porque o san Pedro reducía o menú celestial a pan e queixo. O noso paisano, afeito a comer de xeito e degoxando unha mellora na dieta, deu unha volta polo purgatorio para ver que se cocía -nunca mellor dito- naqueles lares. Abraiado, observou como as ánimas en tránsito, sentadas ao redor dunha "mesa galega" daban boa conta dun farturento e fumegante lacón con grelos. A seguir, e coa mesma intención, baixou ao inferno. Xa non pampo, senón alporizado reparou como os condenados se arremuiñaban a carón dunha grella ateigada de porco e vitela. Tornou ao ceo o noso home e, contendo o anoxo, pediulle a san Pedro as pertinentes explicacións. E o santo respostoulle:
.
-Total, para dous que somos, escusamos acender o lume.
.
.
Relatoumo a señora Inés, mentres libabamos café de pota, e eu adapteino un chisquiño e nada.
.
.
Ilustración: Voda aldeá (Pieter Brueguel o Vello, 1568).
.
..

TROLEBÚS Pontevedra-Marín: Vinte anos de saudade

.
. .
.
A liña de trolebuses Pontevedra-Marín inaugurouse en 1943 e desapareceu en 1989, hai xa vinte anos. Manuel Solla, meu pai, falecido no verán de 2007, traballou nos troles (despois, autobuses) dende 1970 até a súa xubilación, acontecida no ano 1995, desenvolvendo as tarefas de condutor e inspector. Valla esta entradiña de lembranza emocionada. Tempus fugit.
.
"Trolebuses de Pontevedra" foi, no Estado, a última empresa en retirar da circulación os silandeiros ómnibus eléctricos.
.
Na fotografía, o trolebús de dous pisos nº 101, modelo Q1 da British United Transport (cabida: 70 persoas sentadas e 25 de pé), avanta cara a Marín tras superar a viraxe de Lourizán.
.
Máis información:
.
.
.

ANTA DE DOMBATE (Cabana de Bergantiños): A catedral do megalitismo galego

.
.
.
Máis información:
.
http://gl.wikipedia.org/wiki/Dolmen_de_Dombate
.
.
QUIZAIS XA NON SEXA UN PROBLEMA DE IGNORANCIA SENÓN DE SENSIBILIDADE
.
.

.

.