8/9/16

ROMEIROS DO ALÉN: XXXIX Romaxe de Irimia no monte do Seixo

.
.
.
.
.
. 
O sábado 10 de setembro, a pouco que a meteoroloxía o propicie, o monte do Seixo converterase en escenario dun dos eventos culturais con máis sona e arraigamento de cantos se celebran no país: a Romaxe de Irimia, o multitudinario encontro dos crentes galegos que este ano acadará a súa triséximo nona edición. A Asociación Irimia, con case corenta anos de existencia, promove dende a sua fundación (acaecida en setembro de 1978) unha galeguidade cristiá, sublimada na “tolerancia, o diálogo, a solidariedade, a loita pola liberdade, a xustiza e a paz”.
            Ano tras ano, os responsábeis da loxística de Irimia escollen, como marco para a súa celebración, lugares cheos de significado, referenciais da nosa historia e da nosa cultura: o Pedregal de Irimia (Meira, 1978), o monte Aloia (Tui, 1983), a Ponte Ledesma (Boqueixón, 1984), O Incio (1988), o monte Faro (Chantada, 1991), o castro de Penalba (Campo Lameiro, 2000), a serra da Capelada (Cedeira, 2004), Chan da Arquiña (Moaña, 2006), Santa Uxía de Lobás (O Carballiño, 2013), as Penas de Rodas (Outeiro de Rei, 2015)...; e, paseniño, até trinta e nove selleiras localizacións que, espalladas polas catro provincias galegas, son reflexo da nosa sublime idiosincrasia.
            A título persoal, a escolla do monte do Seixo como marco para a romaxe irimega é motivo de fonda ledicia e grande responsabilidade; así mesmo, un soño cumprido. Neste noso país, erguer a voz, posicionarse sen ambaxes, preservar a dignidade é tarefa ardua que, adoito, implica camiñar en soidade, sen apoio ningún das institucións. O colectivo Capitán Gosende ábrese camiño nesta conxuntura pouco favorábel. Supeditados á carencia de medios, nada pedimos, nada ficamos a deber. 
En febreiro de 2015, a directiva de Irimia convidou os integrantes de Capitán Gosende a participar como relatores na súa Festa do Lume que, baixo o lema “Facendo país de abaixo a arriba”, celebrouse no mosteiro de Bergondo (A Coruña). As razóns do convite atopámolas na súa web (asociacion-irimia.org): “Na Festa do Lume 2015 da Asociación Irimia queremos celebrar e aprender do mellor que pasa no noso país. O asociacionismo de base en Galicia, aquel que se centra directamente en alentar e transmitir a cultura galega, ou aqueloutro que dinamiza as nosas comunidades, que organiza desde abaixo os diferentes eidos da nosa vida, ao tempo que revive a nosa identidade..., ese asociacionismo é una realidade que existe e resiste”.  
A delegación de Capitán Gosende presente en Bergondo puxo en coñecemento dos asistentes os pormenores da súa “folla de ruta”, o seu humilde labor de enxalzamento e dignificación cultural desenvolvido no concello de Cerdedo; denunciando os desmandos cometidos (ou pendentes de comisión) contra o patrimonio cultural e ambiental da zona: parques eólicos, hidroeléctricas, tren de alta velocidade, minaría do coltán, destrución da flora autóctona, eucaliptización, praxe caciquil, abandono, despoboamento...
Naquela Festa do Lume anunciouse o monte do Seixo como destino espiritual da romaxe para o ano 2016. Ende ben, os irimegos acordaran dirixir a súa corriqueira caravana cara aos cumes da serra do Cando. Cómpre salientar que tanto a promoción cultural do monte do Seixo (angueira de anos) como a responsabilidade organizativa da 39ª edicición recaeron e recaen nas asociacións culturais, contrarrestando o proverbial desleixo das administracións.
A piques de cumprir corenta anos da primeira xeira (no Pedregal de Irimia, nacenza do río Miño), a atalaia do Seixo servirá para seguir pregoando aos catro ventos a indómita condición de galegos: a devoción pola nosa lingua minorizada, pola nosa historia ocultada, pola nosa cultura maltratada; conscientes do feito diferencial da galeguidade. Velaí os alicerces da nosa resiliencia.   
Hai casemente un ano, ao pé das Penas de Rodas, o santuario solar de Outeiro de Rei (Lugo), lugar da 38ª romaxe, unha representación do colectivo Capitán Gosende “recolleu o ramo”, asumindo o reto de colaborar na organización da presente edición. Aquela xornada de refulxente irmandade permanece indelébel no maxín. Quen non se viu nunha semellante, aínda non experimentou a enerxía creadora e transformadora do noso pobo, unido en prol da causa común.
Naquela mesma data, os compañeiros do colectivo cotobadense Canón de Pau ofreceron a súa inestimábel axuda para turrar xuntos do carro, oferta que aceptamos gustantes e agradecidos, coñecedores da súa ampla e xenerosa traxectoria. Todos a unha, irmandiños!!
A XXXIX Romaxe de Irimia terá lugar, pois, no alto Seixo, por riba dos 900 m de altitude. Todos os camiños conducirannos á chaira da Santa Mariña na alborada do segundo sábado de setembro. Ogallá non chova!
O encontro evocará feitos pasados. Dende tempo inmemorial, naquela encrucillada, centos de labregas e labregos, gandeiras e gandeiros da redonda do Seixo, mediado o mes de Santiago, galgaban corgueiros e costaneiras para participaren, nesa terra de ninguén e de todos, non só da transacción, inherente ao mercado do gando e das sementes (o 18 de xullo), senón da liturxia do viño en cunca, do polbo á feira e do amigábel parrafeo.  
O 14 de setembro de 1810, hai xa 206 anos, ao pé do marco da Santa Mariña -antigo linde xurisdicional de Montes, Cotobade e Caldevergazo (A Lama)-, tivo lugar unha xuntanza á que asistiron os xefes das Alarmas da contorna. Os afoutos milicianos do “canón de pau” deseñaron a estratexia, previndo o contraataque do exército napoleónico, aínda activo en Portugal. Loitábase pola liberación, loitábase pola independencia, unidos no esforzo de afastar un exército inimigo e invasor; un inimigo que, no pasar dos anos, mudou arteiramente a súa fisionomía para seguir chuchando con ansia do noso sangue.
Canón de Pau e Capitán Gosende unimos esforzos para, na medida das nosas posibilidades, facilitar o feliz acontecemento. Os integrantes de ambas as dúas asociacións somos conscientes de que, no eido cultural, a sinerxía é indispensábel para enfrontar o quefacer reivindicativo que lle dá sentido á nosa existencia. Así mesmo, os de Capitán Gosende (Cerdedo) e Canón de Pau (Cotobade) adherímonos ao sentir da veciñanza integrada nas plataformas “antifusión”, pois entendemos que a arbitraria decisión de unir os dous concellos só agocha escuros intereses partidistas e persoais, unha mostra máis da praxe política que converteu este territorio nun ermo desesperante.
A comunidade irimega avanta con paso decidido cara a corenta edición da súa romaxe. Após catro décadas, os irimegos son custodios dunha arca ateigada de gozosas experiencias, vividas todas elas en lugares excepcionais. Agradecémoslle a Irimia a deferencia de erixir o monte do Seixo como acaído marco de convivencia. Non cabe dúbida que a súa decisión se viu favorecida polo incesante labor de defensa dos valores que atesoura o monte do Seixo: arqueoloxía, mitoloxía, natureza. Cómpre lembrar que o primeiro roteiro guiado polo Seixo se remonta ao ano 2002 e que a primeira edición do Roteiro da Montaña Máxica data do ano 2005. Ao longo desta quincena, ao tempo que se guiaba os nosos visitantes (máis de 3.000 persoas), antes Verbo Xido e agora Capitán Gosende denunciaron reiteradamente a destrución do patrimonio arqueolóxico e ambiental do monte do Seixo, transformado groseiramente nun parque eólico alá polo ano 2000.
Ben sabemos que, hoxe por hoxe, un dos atractivos da comarca é a peneda de Portalén, a mítica porta do Outro Mundo, en cuxa descuberta e posta en valor investín moito do meu tempo. Ao fío, os medallóns conmemorativos da XXXIX Romaxe, lucirán, baixo o lema “Romeiros do Alén” (Gondar dixit), a silueta de Portalén, segundo o deseño da ilustradora Ana Santiso. Este fermoso “souvenir” en cerámica de Sargadelos poderá adquirirse por un módico prezo, in situ, o día da festa. A escolla do monte do Seixo para a celebración da Romaxe e o motivo do medallón son un agarimoso recoñecemento a este traballo. 
A Asociación Irimia e os colectivos Capitán Gosende e Canón de Pau convídanvos a participar desta efeméride. Galegas e galegos de ben, provenientes dos catro puntos do país, congregaranse na Santa Mariña do Seixo para compartir unha xornada de exaltación da galeguidade. Súmense, pois, a esta festa da música, da palabra, da amizade e do sentimento. Non dubiden en achegarse e engadir o seu entusiasmo a un acto cultural que se desenvolverá ao ar libre, de balde e onde non se lles vai pedir o voto.
Desafiando o azar meteorolóxico (o lema do noso colectivo é “Que chova que vente, Capitán Gosende!!”), verémonos xa que logo no Seixo. Se informados do evento, desexan tomar parte, conflúan, de primeiras, na localidade pontevedresa de Cerdedo (a 30 km de Pontevedra (N-541), a 65 km de Ourense (N-541) e a 50 km de Compostela (EP-7001)). Dende alí collan o desvío cara a Presqueiras e San Domingos (PO-2204), en dirección ao parque eólico (no eido da sinalización, en Cerdedo seguen negando a existencia do monte do Seixo, máis alá da industria que o invadiu). Percorridos uns 4’5 km, viren á dereita para proseguir o ascenso cara á aldea de Carballás (sita a 6 km de Cerdedo). Deixen Carballás e continúen viaxe, dereitiños xa cara ao alto do monte. A 11 km de Cerdedo, a carón do transformador do parque eólico, desaparece a estrada asfaltada. Prosigan pola pista central uns 3’5 km, dirección sueste, até atopar a ermida da Santa Mariña (a 14’5 km de Cerdedo), lugar da romaxe.
Os actos comezarán ás 11:00 h da mañá do sábado. Un petisco de requeixo con mel sobre galleta mariñeira e un fermoso marcapáxinas da autoría de João Bieites serán o agasallo de benvida. No marcapáxinas reprodúcese o gravado rupestre denominado “Laxa da Romaxe I”, descuberto no monte de Pedre polos exploradores de Capitán Gosende en outubro de 2015. O petróglifo representa talmente unha foliada de hai 4.000 anos. As actuacións do grupo A Quenlla, con Mini e Mero á cabeza, do grupo Trubincos do Batán e do cantautor Tino Baz, amenizarán o encontro.
O contido da celebración xirará arredor de tres das moitas lendas tradicionais recollidas na contorna: a profecía do Tecelán de Carballás, a malfadada santa Mariña e Portalén. O Tecelán de Carballás, vello vedoiro, prognosticou, xacando, a ruína e abandono do rural. A economía tradicional, ecolóxica e sustentábel, supeditada á ditadura do capitalismo (xaora, o Tecelán bateu certo). Por outra banda, consonte o saber popular, a santiña do Seixo preferiu morrer xugulada antes de entregarse ao invasor romano. A santa Mariña, advocación do monte do Seixo, é paradigma do pobo resistente. Finalmente, Portalén, a soleira do Máis Alá, converterase na porta de acceso a unha nova dimensión, rexa e revitalizada, do noso celme. Para ritualizar o “paso da Porta” (“Eu renazo galego!”) cómpre que cadaquén faga a viaxe provisto dunha pedriña que, poñéndolle o ramo ao acto e a xeito de exvoto, depositarase formando un milladoiro.   
Ao remate da sección celebrativa, gozaremos dun xantar en fraternidade. No alto haberá servizo de bar-restaurante baixo carpa e un telderete de polbo á feira. Cadaquén traerá a súa comida, mais quen o prefira, ten a posibilidade de, coa debida antelación, encargar o xantar (racións de polbo, empanadas, tortillas, bocadillos, bebida, pan...) no seguinte nº de teléfono: 630825203 (Restaurante “O Meu Lar”).
Non esquezan engadir á súa equipaxe algo de roupa de abrigo, un parasol ou paraugas e/ou unha viseira (máis vale previr). As cadeiras e asentos nunca están de máis. Pola tarde, aqueles que o desexen, poderán participar da chamada “oración da tardiña” que terá lugar na carballeira de San Xusto (Cotobade).

Benvidos ao Seixo, irimegos; benvidos ao Seixo, Romeiros do Alén!!               
.
.
.

No hay comentarios: