6/1/13

CAPITÁN GOSENDE VISITA O SITIO ARQUEOLÓXICO DO PEDROUZO (A PEROXA-OURENSE)

.
.
.
O domingo 6 de xaneiro, membros do Capitán Gosende, lonxe do habitual ámbito de actuación, visitamos o sitio arqueolóxico (non catalogado) do Pedrouzo, localizado no concello ourensán da Peroxa. O concello da Peroxa estrema, ao norte, co concello lugués de Carballedo. O sitio arqueolóxico do Pedrouzo é fito de deslinde entre concellos e entre provincias.
Chegamos cediño ao lugar e, ben guiados polo señor Fermín, veciño do lugar de Pasarín, axiña acadamos o outeiro. Como de adoito, fomos convenientemente agasallados por toxos e silveiras.
Lendas de mouros adobían aquel recanto pedroso. Segundo a tradición oral, os mouros empregaban as fornelas do Pedrouzo para cociñar.
Cumpriunos botar man dalgún apeiro para pór á vista a xeitosa colección de pías que acugulan a superficie lousada. Atopouse cerámica.
A natureza foi artífice da meirande parte das cazoletas, mais, tamén se advirte a intervención humana. Non é desatino pensar que hai uns 4.000 anos, o lugar fose empregado para escenificar algún tipo de ritual no que a auga (ou outras substancias líquidas), ben empozada ou ben canalizada, se erixía en elemento propiciatorio.  
Non tardamos en descubrir as "tixolas" nas que a mouramia elaboraba as súas secretas receitas (Véxanse as fotografías).
No pasado recente, o Pedrouzo foi empregado como canteira. As marcas de corte producidas por pistoletes e cuñas son evidentes.
Talvez, a extracción de material construtivo fixo desaparecer o penouco abovedado que, segundo os informantes máis vellos, coroaba a peneda, servindo de abrigadoiro.       
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.

.
.
.
.
Tras un saboroso e reparador xantar na vila de Ourense, tocou paseata e parrafeo polas ruelas do núcleo histórico. É costume, en visitando a cidade das burgas, tirarlle unha fotografía á torre das campás da catedral, obra de Pedro de Arén, célebre arquitecto natural de Cerdedo.
.
.
.
.
.

2 comentarios:

José Manuel Barbosa dijo...

Obrigado ao Capitão Gosende, ao Calros Solla e ao Nacho pela ajuda e colaboração no achado. Obrigado também ao Sr. Fermin, amigo do lugar de Passarim, a minha aldeia. Já o Pedrouço está localizado. Agora falta desvendá-lo convenientemente.

Abraços fortes
DTS (Ro Palomera e José Manuel Barbosa)

Calros Solla dijo...


Grazas a vós, caros irmáns, por partillardes connosco o voso tesouro.