..
.
Críbanos, estes días, a TVG con dúas campañas publicitarias: “Gárdasme o segredo” e “Coida ata o último recanto desta terra”, argalladas pola Xunta e pagadas cos cartos de todos. Insiste a canle autonómica até a saciedade, baseándose naquilo de “a por de repetir unha mentira, faise verdade incontrovertíbel”.
Eu, botando man dun versiño do Pan prós crocodilos (2009), clamo “non me andedes máis no país!”. Non insinúo a interdición de vadiar pola nosa Terra, ben ao contrario, parafraseando a hipócrita propaganda institucional, cómpre coñecela até o último recanto para poder estimala e protexela tamén até o último recanto. Cando imploro que os responsábeis da xestión cultural e medioambiental deixen de “meter as mans” é porque xa non se pode aturar máis a impune vulneración da nosa integridade.
Falamos, si, de hipocrisía. Fagan quilómetros, crucen Galicia de norte a sur, de leste a oeste. Agás, fabas contadas, todo ao noso arredor semella froito da improvisación, da grosaría e da provisionalidade: a preservación da paisaxe, a xestión do patrimonio, a planificación urbanística...
Non eximo de responsabilidade os particulares, entre os que me inclúo. Está nas nosas mans trocar o cancelo “somier” polo de arte en forxa, a uralita por tella país, recebar o ladrillo vista ou anovar a pintura. Porén, esta diatriba vai especialmente dirixida ás institucións (ministerios e consellarías do ramo, deputacións, concellos..., inclúanse as comunidades de montes), porque elas son, por exceso ou por defecto, as causantes dos meirandes estragos, moitos deles, desgrazadamente, non emendábeis.
O devandito spot no que o “Padre Casares” exhorta os fieis para teimar no coidado do medio é un insulto á intelixencia. Cadaquén vive onde pode e como pode. Se os cartos nacesen debaixo das tellas, a ninguén lle poría medo enfrontar a adquisición e mantemento do pazo Baión ou do castelo de Soutomaior. Cadaquén dispón a súa vivenda segundo as súas posibilidades e o seu entendemento –e grazas por ter un onde se gorecer–, mais se as autoridades fosen estritas na prescrición dunha congruente normativa de construción e rehabilitación dos inmóbeis, outra sería a realidade do noso país, devastado pola praga do feísmo. Falamos de onde, que e como construír. Falamos de non transixir, aínda que isto supuña a perda dun mañuzo de votos.
As distintas administracións non son modelo nin referentes de nada. Eu acuso a autoridade de dilapidar (“gastar o diñeiro en cousas inútiles”) a nosa riqueza. Eu acuso a autoridade de non coidar até o último recanto desta terra.
Durante a era Fraga, a anarquía inmobiliaria acadou cotas de perfección nunca vistas. O mausoleo do monte Gaiás (Compostela), pomposo epitafio político do de Vilalba, glosa á perfección canto se valora o noso acervo, dende o momento en que se lle outorga máis relevancia ao continente ca ao contido. Malia o evidente, todos os partidos políticos dixeron amén ao fastoso pendello.
Na mesma liña, o armatoste que, na actualidade, se constrúe para abeirar –eu diría asoballar– a anta de Dombate (Cabana de Bergantiños), ou o galpón que pretende interpretar –eu digo ocultar– a citania de San Cibrán de Las (Santo Amaro) pódense incluír, á perfección, nesta desafortunada listaxe de desatinos.
Derróganse as leis que mal protexían o noso litoral para deixalo, definitivamente, a mercé dos especuladores: aire para a burbulla inmobiliaria. Invístense incuantificábeis cantidades de diñeiro en obras de dubidosa ou redundante utilidade. Vexan por exemplo o acontecido co castro da Punta de Muros (A Coruña), onde as obras do denominado porto exterior –xemelgo do de Ferrol–, destinados a apañar canto Prestige suque o noso mar, destruíron sen remisión e pola calada un depósito castrexo da Idade do Bronce, excepcional na súa cronoloxía, arquitectura e función. Neste malfadado asunto, todas as administracións estiveron e están involucradas.
Ningún espazo natural, por moita figura de protección que se lle asigne, está exento de padecer a pouta da desmesurada obra pública e privada: vías de comunicación cuadruplicadas (eixo Pontevedra-Vigo), canteiras abertas en parques naturais (Os Ancares, O Courel), parques eólicos e acuícolas na Rede Natura (serra do Cando, serra do Candán; Touriñán...), turismo sobredimensionado no parque nacional (Illas Cíes), atomización dos polígonos industriais (Forcarei, Cerdedo...), rías contaminadas, ríos inzados de hidroeléctricas, pirófito monocultivo forestal...
Os exemplos enumerados son os máis coñecidos, xa que pola súa transcendencia atraen, en maior ou menor medida, a atención dos medios de comunicación, mais, así que aplicamos o zoom, a casuística medra en progresión xeométrica.
Aínda non asumimos a praga eólica no monte do Seixo, cando xa se pensa en instalar máis martabelas no monte de Quireza (Cerdedo). Dou por feito que, como aconteceu no Seixo, os estudos de impacto ambiental e arqueolóxico serán papel mollado. Quen cala outorga.
..
2 comentarios:
este urbanismo é espello da condición moral do País. Falta moita educación.
E, con algún agás -que non agag- polo medio, a caste política é deplorábel.
Publicar un comentario