6/1/11

FELIZ ANO 201 EN TERRA DE MONTES

.
..
.
Os que somos da Terra de Montes, biolóxicos ou porfillados, asumimos con respecto e tolerancia a estendida crenza do nacemento de Xesús, hai 2.010 anos, na aldea de Belén (Palestina). Porén, os montañeses sabemos, aínda que non fagamos preito da nosa convicción, que o Neno Xesús naceu no ano 1810 nunha lomba do monte de Medelo, aldea da Cavadosa (Cerdedo). Así o testemuña a nosa tradición e, en concreto, unha coñecida cantiga popular:
.
Neno Xesús de Caroi,

onde ti fuches nacer,

nese lugar de Medelo,

no que non hai que comer.
.
.
Como xa escribín nalgures, a chegada ao mundo da pequena divindade foi anunciada
vico et orbi por unha luminaria que fixo día da noite. Na Regheiriña, olleiro da Cavadosa de onde agromou o relampo, os aldeáns acharon a fráxil anatomía dun deus neno, como Deus o trouxo ao mundo. Descoñecemos a data exacta da nacenza, mais sobre esta cuestión, e por afoutar o consenso, dámos por boa –coas nosas reservas– a do 25 de Nadal.
.
Se fósemos consecuentes coa nosa historia e cos fundamentos do calendario cristián, os da Terra de Montes festexariamos o vindeiro 25 de decembro o douscentos aniversario de Cristo e, daquela, os establecementos hostaleiros da bisbarra agasallarían os seus clientes con almanaques do ano 201 e non do 2011. A comarca disporíase co mellor dos ánimos a estrear o terceiro século da nova era, época que os historiadores do futuro denominarán, baseándose nas evidencias arqueolóxicas, Idade do Piche.

.
Neste punto, alguén puidera estar tentado a botar abaixo a miña argumentación, aducindo que Caroi é unha aldea do concello de Cotobade e, xa que logo, allea á Terra de Montes. Direilles aos descridos que a maiores dos concellos de Cerdedo, Forcarei e Beariz, á histórica Terra de Montes tamén se adscribían as freguesías de Sabucedo (A Estrada), A Barcia do Seixo (A Lama), Zobra (Lalín) e Caroi (Cotobade).

.
Se a cantiga vencella o Neno Xesús a Caroi (Cotobade) e non á Cavadosa (Cerdedo) –o río do Seixo polo medio–, é porque as autoridades relixiosas doutrora entenderon acaído erguerlle, dous anos despois (1812), unha capela ao Fillo de Deus na outra ribeira, por mor da fragosa precariedade do seu berce, mais isto é outro conto.

.
A fortuna pouca do Neno Xesús da encosta de Medelo difire apenas nada da do Neno Xesús de Belén. O noso Xesús non naceu entre as pallas, mais veu ao mundo entre toxos, urces e carqueixas. Non acalentaron o noso Neno un boi e unha mula, mais si, unha vaca e unha besta. Pastores devotos acudiron a centos dos arredores. Un foguete de sete estalos fixo as veces de cometa Halley. No canto de ouro, incenso e mirra, Xesusiño foi presenteado con leite quente, unha chupeta de mel e uns cueiros de la. E, naquel intre sublime, abofé que houbo quen acordou facer de corpo ao agocho das silveiras para completar o nacemento, pois hai xente para todo.

.
Deus dea andrómenas para rirmos de nós mesmos, que de nós xa rin. Venturoso ano 201, ou 2011.

.

Tamén, no Faro de Vigo-Terra de Montes (6-1-11).

.

.

No hay comentarios: