20/3/10

CERDEDO: UN CONCELLO POBRE OU EMPOBRECIDO?

.
.
.
.

O concello de Cerdedo posúe uns 80 km2 de superficie, ocupados –se se botan ben as contas– por pouco máis dun milleiro de almas, do que se deduce unha densidade poboacional duns 20 habitantes por km2, equivalente aos algarismos de países como Sudán ou Zambia. A doenza non ten visos de mellora, posto que ao mal úrxelle cirurxía maior e os galenos responsábeis do seu tratamento non fan máis ca receitarlle placebos ao enfermo.

.
Onde antano reinaban chemineas fumegantes, hortas vizosas, farto labradío, pasteiros e rabañadas, hogano inzan eucaliptares e silveirais, que sen présa mais sen pausa, ameazan con asoballar aos poucos gustantes da vida retirada e aos moitos que desexarían pór terra entre medio –cadaquén sabe as súas e as sofre en silencio.

.

Que Cerdedo xa non dá conta do recado é evidente. As arcas municipais non teñen nin para mandar tocar a un cego. De onde sairán os cartos para, por exemplo, repor os danos dimanados desta crúa invernía? Por que, hoxe por hoxe, Cerdedo non é quen de facer fronte a continxencias deste teor? Desengánense, Cerdedo non é un concello pobre, mais si, un concello empobrecido por décadas de políticas e políticos resignados.

.

A experiencia dinos e repítenos que é mellor previr ca lamentar. Canto houbo de imprevisión na enchente que varreu a ribeira do río do Castro en días pasados? Quen permitiu que se acumulase tanta auga tras un atoado ou mal dimensionado desaugadoiro? Quen supervisou o estado do mesmo tras días e días de intensa choiva? Ninguén se decatou das posíbeis consecuencias? Por fortuna, só houbo que lamentar perdas materiais. No ano 2000, por causas semellantes, o río do Seixo asoballou a aldea da Cavadosa.

.
Sexamos serios, non foi a cicloxénese explosiva (a isto viñállese chamando “temporal”) do 27 de febreiro a causante da arroiada, senón un inverno coma os de antes afrontado coa “perspicacia” dos xestores de agora. Quen nos protexe dos arbitrios da mudada climatoloxía? Quen nos protexe dos políticos?

.

Cerdedo foi xacando unha terra puxante. Até hai ben pouco, os agros negrexaban no mes de maio e o gando ateigaba cachazudo camiños e corredoiras. Desculpen a miña insistencia, Cerdedo non é un concello pobre, mais o seu morgado foi tristemente desbaldido. A ruína da Galiza rural, o desequilibrio do país sobreveu cando se lle viraron as costas ao sector produtivo no que radica a súa xenuína vocación: o sector agropecuario. Estamos fartos de escoitar que “da terra non se pode vivir” e, así mesmo, fartos de satisfacer as plusvalías dos intermediarios que, sen dar pancada, válense do sacrificio e denodo dos campesiños superviventes. Quen protexe aos labregos e aos gandeiros?

.

Basta xa de enganar o pobo –só se deixa enganar quen quere– aducindo medidas e contramedidas orientadas a “fixar poboación”. Se se tomaron, é evidente que foron un fracaso. A situación é tan desesperada que calquera solución que se poña enriba da mesa debería orientarse, xa non en convencer aos que están para que queden –ninguén é eterno–, senón en persuadir aos de fóra para que veñan. Os galegos da diáspora deberan ser os primeiros beneficiados destas perentorias actuacións. Falo dende logo dunha repoboación en toda regra que propicie o arelado rexurdimento.

.

Quen moito abrangue pouco atinxe. Cumpriría actuar preferentemente sobre os lugares abandonados ou con grave risco de abandono. Enxeñar “explotacións piloto” nas que os colonos, o novo sangue de Cerdedo, instalados en vivendas rehabilitadas e en troco de créditos brandos, puxesen de novo en produción o terrón que mantivo durante séculos aos nosos devanceiros. Recuperación do núcleo aldeán, banco de terras, cooperativismo, rede de feiras e mercados onde comercializar os excedentes a prezos sen competencia, valorización do monte, renegociación das contrapartidas eólicas... A foliada das “aldeas museo” só é rendíbel se se aposta firmemente polo turismo como fonte de riqueza, mais para isto cómpre preservar o tesouro natural e arquitectónico e, en Cerdedo, a nosa herdanza consérvase en piche ou a hai que ir buscar polo río abaixo.

.

Concordo na asunción das moitísimas dificultades emparelladas. Este ambicioso proxecto só será factíbel co esforzo e a xenerosidade de todos. Esta empresa sairá adiante se a guían políticas valentes e honestas e rexedores dispostos verdadeiramente a traballar polo futuro do concello, ou da bisbarra, xa que non son poucas as voces que claman por unha comarcalización efectiva, en vista da creba flagrante do sistema municipal, paliada ate o de agora pola rebentada burbulla inmobiliaria.

.

Son tantas as casiñas arruinadas, tantos os canastros despezados, tantas as corripas asfaltadas, tanto o formigón por envorcar que conmove ver aos nosos próceres, sumidos nun repentino amor polo patrimonio, pedindo esmola en prol da restauración das pontes e dos muíños asolados pola chea. Oxalá lles dure o namoramento.
.
.
Faro de Vigo (Terra de Montes), 20-3-2010.
.
.

No hay comentarios: