.
.
.
“Castrodiz, rexo castro de celtas en terras de Cerdedo”, escribiría o egrexio Xosé Otero Espasandín, implorándolle á mítica citania, dende o desterro de alenmar, “metro e medio de chan” onde facer a cova. Desexo incumprido, meu home, nin tan sequera o teu nome nunha rúa, co que ir saldando débedas. O espírito da galeguidade resistente encárnase na figura do noso mestre poeta e finca os seus alicerces na prehistoria castrexa.
.
O concello de Cerdedo abrangue oito parroquias: Castro, Cerdedo, Figueiroa, Folgoso, Parada, Pedre, Quireza e Tomonde. A cada unha delas, agás Folgoso e Pedre, vencéllase, cando menos, un antigo poboado castrexo: a cividade de Castrodiz (Castro-Figueiroa), o castro de Arén (Cerdedo), o castro de Vilar (Figueiroa), o castro do Pego e o castro das Cercas (Parada), Os Castros –aínda hai pouco, na prensa–, O Castriño e Os Castrelos (Quireza), e os castros de San Cibrán e Coto do Castro (Tomonde). Aos enumerados deberíanselles engadir o Castro Grande no monte do Seixo (Cerdedo-Forcarei) e o Castro Segón en Chamadoira (Cerdedo). Os vestixios do castro de Arén, do castro de Vilar, da Roda do Castro/castro de Abaixo e do castro de San Cibrán localízanse a carón das aldeas: Arén, Vilar, Os Castros e A Vilalén, respectivamente.
.
Como ben se pode deducir, as actuais parroquias ou freguesías galegas, unidades básicas da división territorial do país, dispóronse arredor dos asentamentos da Idade do Ferro. Non é raro que igrexas e capelas se ergan ao pé ou mesmo na croa dos xacementos castrexos: Arén, O Pego, A Vilalén…
.
Segundo ben demostrou o historiador A. Pena Graña, as tribos celtas poboadoras dos castros organizábanse en entidades superiores denominadas “trebas” (territorios políticos). As “trebas” transcenderán na “Divisio Theodomiri” –ou “Parrochiale suevum”–, ao seren oficializadas no Concilio de Lugo do ano 569, durante o Reino Suevo da Galiza, a primeira monarquía europea. As “trebas” celtas son a orixe das dioceses suevas, a raíz dos arciprestados medievais e das nosas bisbarras históricas, entre elas, a Terra de Montes que abrangue os concellos de Cerdedo e Forcarei (na provincia de Pontevedra) e Beariz (na provincia de Ourense): unha vintena de castros para vinte e catro parroquias.
.
O castro e a ulterior aldea exemplifican o xeito personalísimo de poboarmos a nosa terra, un dos nosos máis xenuínos sinais de identidade. Mentres a aldea é habitada pola humana xente, os abandonados castros foron ocupados pola mítica mourindade.
.
O hábitat atomizado propiciou unha humanización da paisaxe sen parangón, con catastróficas consecuencias en época recente, xa que no eido urbanístico, o acontecido dende a década dos setenta, coa anuencia da autoridade, só se pode cualificar como desfeita. A nova Lei do Solo virá empeorar as cousas.
.
A realidade socio-política do país estrutúrase en 3.781 parroquias (os castros coñecidos son uns 4.000) e unhas 30.000 entidades singulares de poboación. Por mor disto, a nosa toponimia maior representa case a metade da computábel no Estado.
.
Os concellos (315 na actualidade) e as provincias (4 na actualidade, coas súas respectivas deputacións) foron argallados por alleos designios de onte para acá (século XIX). A emigración, o éxodo rural e un crecemento vexetativo en números vermellos veñen provocando un inexorábel despoboamento de moitos destes municipios, incidindo de xeito especial nos do interior. A Terra de Montes non é unha excepción.
.
As frías estatísticas convidan a reflexionar sobre a rendibilidade do sistema. Sen dúbida, reformular o país en base á primixenia comarcalización (53 son as comarcas actuais) suporía, cando menos, aforrar milleiros de euros nos emolumentos dunha pouco eficaz e moi politizada burocracia.
.
Mentres lle pomos data á dedicatoria en Cerdedo dunha rúa en homenaxe ao ilustre veciño Otero Espasandín ou esparexemos as súas cinzas no coto de Castrodiz, como era o seu desexo, matinemos asemade na conveniencia de aplicar de novo o modelo organizativo dos devanceiros celtas e pór couto ao deficitario negocio da municipalidade, regalía, en moitos casos, dun fato de privilexiados.
.
(Incluído na Carta arqueolóxica do concello de Cerdedo, 2009)
.
.
.
No hay comentarios:
Publicar un comentario