10/11/09

PONTEVEDRA RÉNDESE AOS ENCANTOS DO MONTE DO SEIXO

.
.
.
.
.
.

Debullárase o almanaque e, sen sentir, chegou a noite do sábado 7 do mes de Samaín. Dous anos de duro traballo precedían a estrea na capital do Lérez do documental “Monte do Seixo. A Montaña Máxica”, primeira produción audiovisual do Grupo de Estudos Etnográficos Serpe Bichoca e primeiro filme de longa duración sobre mitoloxía popular galega.

.

Pola tarde, dúas horas antes da proxección, ao tempo que se desenvolvían as últimas probas de imaxe e son, gorecido no luscofusco do magno anfiteatro baleiro e silandeiro, un torbeliño de lembranzas rebuliron no meu maxín:

.

Viñéronseme á cabeza as felices horas de conversa coa miña avoa Isolina das Raposeiras, coa miña tía Isolina de Abelaíndo, co meu pai, sempre presentes, que medraron alindando o gando nos verdecentes pasteiros do Seixo; acuguláronme o pensamento os contos e as lendas escoitados e recadados nas aldeas da redonda do Seixo: Barro de Arén, Carballás, Meilide, Abelaíndo, Cavadosa, Caroi, Cimadevila, Cambeses, A Barcia, Ratel, Presqueiras…; sentinme reconfortado por, tras superar moitos atrancos, ter levado ao papel impreso a sabedoría dos nosos vellos, moitos deles xa desaparecidos, co obxecto de encomiar e salvagardar os tesouros da nosa excelsa tradición, expresada en lingua galega –que outros teiman en minorar; malia o día…–. Confeso que me arreluou o espiñazo, unha e outra vez, a estraña impresión de quen se sente proscrito por falar en voz alta, por poñer en coñecemento do mundo os desmandos da política trapalleira.

.

O documental sobre o monte do Seixo estreárase en Cerdedo no mes de setembro, no marco da xornada cultural Terra de Tod@s que vén organizando na bisbarra a asociación cultural e ecoloxista Verbo Xido. Xa daquela, o antigo local da Cámara Agraria amosárase insuficiente (cabida, medios técnicos, climatización…) para acoller a marea de seareiros da nosa montaña –eu prefiro chamarlles “confrades da Montaña Máxica”.

.

As campás do reloxo de Santa María deron as sete. Ora poallaba, ora escampaba. A noite non quedara fría, mais no televexo destripábase un “famoso” ou emitíase unha andrómena balompédica. Achegábase a hora da verdade. A expectación ía en aumento, tamén os nervios e a responsabilidade.

.

Con puntualidade galega, as dezanove trinta, soou na sala o terceiro timbre. A carón dos meus compañeiros de Serpe Bichoca, João Bieites e Rafa Quintía, avancei polo corredor central do teatro e ascendín as escaleiras do escenario, xa que procedía presentar o acto. Erguín a vista. Os seres míticos do Seixo volveran consumar outro prodixio. O patio de butacas e o galiñeiro lucían un magnífico aspecto. Cheo até a bandeira. Pontevedra polo pé. Unhas catrocentas persoas agardaban inquedas pola airexa beatífica da nosa montaña sagrada.

.

O documental glosou polo miúdo o abraiante acervo do Seixo. Ao longo de 125 minutos, percorréronse as 30 estacións míticas do monte, recreando o patrimonio inmaterial recolleito e denunciando a prevaricación na que incorreron e incorren as diversas administracións ao consentir, primeiro, a instalación dun desmesurado parque eólico nun espazo natural protexido (Rede Natura 2000) e, segundo, a impune destrución do patrimonio natural e arqueolóxico do lugar. O documental deulles voz, asemade, a quen se llela viña negando: veciños inconformistas e conscienciados, técnicos forestais, hostaleiros, biólogos, historiadores, arqueólogos…

.

Acudiu quen quixo ou quen puido, en liberdade, non fillo falla carrexar a ningúen nin empregar o suborno dos petiscos de sobreacto. Aqueles polos que non se agardaba e dos que nada se agarda evitaron facer acto de presenza.

.

Quero transmitir, en nome de Serpe Bichoca, a máis emocionada gratitude polo apoio e o afecto demostrados na noite da estrea e ao longo destes anos de loita. Pola miña banda, prométolles teimar no empeño. A velada do sábado foi un éxito, máis cos pés ben na terra, son consciente de que con máis enxeño, máis medios e máis tempo, melloraríanse os resultados. Todo debera ser pouco cando o que se persegue é defender a cultura do noso país. Moitas grazas. SALVEMOS O SEIXO!!

.

.

Fotografía 1: (De esquerda á dereita) C. Solla, R. Quintía, F. Sutil e J. Bieites (Serpe Bichoca).

Fotografía 2: Impresionante fasquía do Teatro Principal de Pontevedra, na noite da estrea do documental.

.

.

No hay comentarios: