3/11/09

O GROTESCO CASO DOS "BIC" DE CERDEDO

.
.
.
.

En 1974, Cerdedo ingresou no selecto elenco de concellos posuidores de bens culturais de especial relevancia. Nese ano, tres petróglifos do concello atinxiron a categoría de “Monumento Histórico-Artístico” do patrimonio estatal (data da declaración: 20-12-1974). Posteriormente, no ano 1992, foron incluídos (como veremos, ás cegas) no rexistro de “Bens de Interese Cultural da Galiza” (BIC).

.

Velaquí a tríade escolleita: gravado rupestre “Fraga das Ferraduras” (Cerdedo) [M. N. nº 44], gravado rupestre “Montes de Parada” (Parada) [M. N. nº ¿?] e gravado rupestre “Laxe da Veiga do Chan” (Tomonde) [M. N. nº 46].

.

O primeiro BIC, o petróglifo “Fraga das Ferraduras” (Cerdedo), levaría uns sesenta anos ilocalizado e del non hai, que se saiba, nin fotografía nin debuxo.

.

Mal que nos pese, vémonos na obriga de afirmar que o tal gravado “Fraga das Ferraduras” non se atopa no Cerdedo de Terra de Montes, senón no Cerdedo portugués de Vinhais, en Trás-os-Montes, onde se documenta un petróglifo co mesmo nome.

.

As mencións que do gravado fixo Cuevillas (“Prehistoria”, incluída en “Historia de Galiza”, 1951; “La clasificación tipológica del arte rupestre del NO hispánico…”, 1951) e as posteriores ratificacións de Filgueira Valverde e García Alén (“Adiciones a la carta arqueológica de la provincia de Pontevedra”, 1955) e García Alén e De la Peña Santos (“Gravados rupestres de la provincia de Pontevedra”, 1981) foron abondas para fixar o petróglifo na xeografía do Cerdedo de Montes, visto que Cuevillas non fora explícito á hora de precisar de cal dos diversos Cerdedos estaba a falar. O eximio historiador escribiu: Sinos arboriformes. Son moi escasos e ao parescer óllanse soio na Pala Pinta, na Fraga das Ferraduras de Cerdedo, en Trás-os-Montes e na Laxe da Casa da Vella. (Malditas vírgulas, hai que ver o que arman!).

.

As referencias librescas afianzaron na xente o convencemento da súa localización no monte cerdedense, mais nestes anos ninguén nos soubo dicir nunca con exactitude onde se achaba o gravado. A lenda da Torre dos Mouros na que o apóstolo Santiago escorrenta do monte de Cerdedo a disoluta mouramia, enriqueceuse coa achega das pegadas cabalares da “Fraga das Ferraduras”.

.

O segundo dos BIC, o petróglifo “Montes de Parada”, tampouco se atopa en Cerdedo, senón nunha localización homónima (“Montes de Parada”) sita no concello de Pazos de Borbén. O equívoco orixinouse nunha adscrición errónea consignada en X. Filgueira Valverde e A. García Alén (“Materiales…”, 1954-56). O propio A. García Alén e A. de la Peña Santos rectificaron anos despois (“Gravados…”, 1981), mais, como se ve, xa era tarde.

.

E polo que respecta ao terceiro BIC, o petróglifo de “Laxe da Veiga do Chan” (mellor, “Laxe da Veiga da Pedra”) (Tomonde), a súa consideración monumental e a súa inclusión no selectivo inventario de bens culturais protexidos non o librou de ser empregado como cimento dun galiñeiro.

.

Tras o exposto, calquera profano conclúe que as distincións “Monumento Histórico-Artístico”, “Ben de Interese Cultural” ou calquera outra figura de protección patrimonial son, adoito, andrómenas de figureiro protocolo. Cabe preguntarse, inocentemente, cales foron os criterios de selección empregados polos técnicos para que, en Cerdedo, “Fraga das Ferraduras” e “Montes de Parada” acadasen a súa consideración monumental. Cabe preguntarse, así mesmo, cales foron os métodos de xuízo establecidos para a súa posterior inclusión no rexistro BIC; cales foron os recursos destinados á súa conservación (e, en defecto de, onde se investiron); e cales, finalmente, as actuacións de supervisión e control desenvolvidos en prol da súa integridade. Escusamos responder, por non ser prolixos en obviedades.

.

De todos os xeitos, tentando restablecer a tríade petroglífica e evitando ver minguada a monumentalidade cerdedense, nós propomos que, en substitución dos gravados inexistentes, sexan “agrazados” co carimbo BIC estoutros dous: o gravado rupestre da “Laxa do Almanaque” (Chamadoira-Cerdedo) e o gravado rupestre do “Outeiro do Mestre” (Deán-Figueiroa). Podemos garantirlles, primeiro, o seu mérito arqueolóxico e, segundo, a súa localización certa en Cerdedo de Terra de Montes. Do gravado rupestre de Tomonde han dar conta as galiñas.

.

O resultado das nosas pescudas verbo dos Monumentos Histórico-Artísticos (ou BIC) de Cerdedo púxose en coñecemento da Dirección Xeral de Patrimonio o día 20 de outubro de 2009. Agardamos acontecementos.

.

.

Publicado en Faro de Vigo, 2-11-2009
.
.
Fotografía: Petróglifo do Outeiro do Mestre (monte de Deán-Cerdedo).
.
.
Tamén se pode ler en:
.
http://www.farodevigo.es/portada-deza-tabeiros-montes/2009/11/02/o-grotesco-caso-bic-cerdedo/382538.html
.
.

No hay comentarios: