. .
. .
.
.
O pasado 27 de setembro, Bernardino Graña Vilar, poeta, narrador e dramaturgo galego, fixo 75 anos. Bernardino, nado na vila de Cangas do Morrazo no ano 1932, consagrou esta primeira etapa da súa vida ao arrequecemento do tesouro literario da galeguidade e asemade ao fornecemento do acervo literario universal. Nesta nova andaina, o poeta do mar, o noso poeta océano, creador prolífico e infatigábel, seguirá saciando abofé "a fame e secura dos calados" co menciñeiro xarope elaborado no trobo da súa inspiración. "Mil voltas máis, torreiro, guieiro amigo!".
.Bernardino Graña, que formara parte do activísimo Grupo Brais Pinto no eslamiado Madrid da ditadura, membro fundador e presidente da AELG (Asociación de Escritores en Lingua Galega), estúdase hoxe como integrante da chamada Xeración das Festas Minervais ou mellor, Xeración de 1957, grupos literarios aos que tamén se adscriben, entre outros, Manuel María, Uxío Novoneyra, Xohana Torres, S. García Bodaño, Avilés de Taramancos, X. L. Franco Grande, A. López Casanova e X. L. Méndez Ferrín.
.Bernardino Graña é autor dos poemarios Poema do home que quixo vivir (1958), Profecía do mar (1966), Non vexo nin Vigo nin Cangas (1975), Se o noso amor e os peixes... (1980), Sima-Cima do voar tolo (1984), Himno verde (1992), Luz de novembro (1997) e Sen sombra e sen amor (2004). Autor, así mesmo, das pezas teatrais Vinte mil pesos crime (1962), Sinfarainín contra don Perfeuto (1975), Os burros que comen ouro nunca cabalos serán (1979), e, entre outras, das obras narrativas Fins do mundo (1974) e a recentemente publicada Protoevanxeo do neto de Herodes (2006).
.Os actos de homenaxe, sabiamente encadeados pola Asociación Cultural A Cepa de Cangas, comezaron o mesmo día 27 cunha gorentosa cea á beira do mar de Moaña. Ao convite acudiron destacados persoeiros da política e da cultura galegas e veciños e amigos do homenaxeado: os alcaldes de Cangas e Moaña, a delegada provincial de Cultura, os escritores Anxo Angueira, Adolfo Caamaño, Pepe Cáccamo, Francisco Castro, Marta Dacosta, Vítor Freixanes, Elvira Riveiro, Xosé Vázquez Pintor, Asun Veloso... Léronse poemas e adhesións, fíxose entrega de agasallos e un emocionado Bernardino falou e soprou as candeíñas da súa torta de aniversario.
.Os días 28 e 29, o auditorio municipal de Cangas foi o lugar escolleito para escenificar o tributo de agarimo, agradecemento e admiración que o pobo do Morrazo e o país enteiro ofertou a un dos grandes das nosas letras. A Coral Polifónica de Bueu, a Coral Lestonnac de Cangas, a Coral Queixumes do Hío, o Coro San Xosé de Cangas, o Coro Mornura de Cangas, a Banda de Gaitas Tromentelo de Coiro, Na Virada, A Quenlla (cos incombustíbeis Mini e Mero), Tino Baz, Miro Casavella, Pablo Costas, César Morán, Xavier Blanco... Pecharon o acto, tras máis de tres horas de música e poesía, Xosé Manuel Pazos, concelleiro de Cultura de Cangas, Clara Millán, alcaldesa da vila, Luís Bará, director xeral de Cultura e, finalmente, Bernardino Graña quen non desaproveitou a oportunidade, mestre eterno, de aconsellar o auditorio na necesidade de roubarlle horas de lectura e creación ao traballo, obriga perniciosa á que nos somete o sistema económico capitalista, desacougante e alienador. Baixou o pano e os asistentes espertamos á crúa realidade sabedores de ter participado nun acto cívico irrepetíbel.
.Nun esforzo editorial encomiábel –polo axustado dos prazos–, Edicións Xerais tirou do prelo Bernardino Graña. Homenaxe no 75 aniversario, unha colección de textos e estampas (ensaio, poesía, pintura e fotografía) achegados por afectos e discípulos do poeta. A edición estivo ao coidado do profesor e crítico literario Héitor Mera, autor do libro Conversas con Bernardino Graña (Xerais, 2005) e da edición crítica de Vinte mil pesos crime (Xerais, 2005). Héitor Mera, testamenteiro literario de Bernardino Graña, non só é, hoxe por hoxe, unha autoridade nos eidos vital e ficcional bernardinianos senón que ademais, cómpre salientalo, foi peza fundamental da perfecta engrenaxe organizativa. O amor é unha arma de construción masiva. Parabéns. Como hei vivir mañá sen a luz vosa?
.
Vieiros: Cartafol de libros, 9-10-2007
.
.
>>>
Ilustración: Cartaz anunciador da homenaxe, deseñado por Mónica García (Grupo Serpe Bichoca).
Fotografía: O autor destas liñas, arroupado polo crítico literario Héitor Mera e polo egrexio Bernardino Graña.
..
No hay comentarios:
Publicar un comentario